Investigadores do CiQUS deseñan vehículos moleculares versátiles para transportar material xenético

Científicos de Santiago baséanse nun tipo concreto de química para fabricar nanopartículas que poderían empregarse para tratar e curar enfermidades

As terapias xénicas plantéxanse como un dos avances máis esperanzadores na biomedicina. Mediante o emprego desta técnica, é posibe tratar, previr ou mesmo curar unha enfermidade ou trastorno médico remplazando un xene defectuoso ou inexistente nas células dun paciente por un xene adaptado, mellorado e, en resumidas contas, san. Actualmente xa hai terapias deste tipo que se están probando en determinados cancros moi agresivos ou en enfermidades xenéticas e hereditarias dando incribles resultados. Porén, estes tratamentos, que na meirande parte das ocasións empregan vectores víricos, son moi custosos, e a súa aplicación complexa. Ademais, distintos estudos amosan unha serie de efectos secundarios daniños para o organismo.

Unha alternativa ás terapias xénicas máis tradicionais, baseadas en virus, é o emprego de nanopartículas poliméricas capaces de complexar a carga xenética no seu interior. Con todo, esta opción tamén presenta inconvenientes, como a dificultade para que esta partícula traspase a barreira das nosas células e consiga lograr a expresión dun determinado xen: neste eido traballa o grupo de investigación do CiQUS liderado polo profesor Eduardo Fernández Megía. Baixo a súa tutela, o investigador predoutoral Bruno Delgado vén de públicar un artigo na revista JACS no cal, segundo os resultados amosados, estes científicos poderían atoparse un chisco máis preto do seu obxectivo grazas ao emprego dunha técnica versátil: trátase da química covalente dinámica.

Publicidade

O profesor Eduardo Fernández Mejía.

Dende fóra ata dentro

Se tiveramos que explicar o que se fai no grupo onde traballa Delgado, el sinxelamente responde: “Facemos ferramentas“. Isto pode soar a fabricar martelos ou brocas, e algo disto hai no que fan, só que os seus instrumentos son infinitamente pequenos: fan ferramentas moleculares. “En concreto, nós traballamos con dendrímeros, que son grandes moléculas sintéticas, que deseñamos con fins biomédicos”.

A diferencia doutras moléculas, os dendrímeros medran dun xeito ramificado, o cal permite aos investigadores, segundo explica Delgado, controlar todo o que acontece na súa superficie, onde os científicos sitúan unhas moléculas creadas co obxectivo de tratar e curar. Ben, pero… tratar e curar, o que? Pois de todo.

Publicidade

O grupo do CiQUS centra os seus esforzos en deseñar os vehículos que van transportar xenes ao interior do noso organismo. E aquí hai que ter moito coidado, xa que unha vez dentro, a cantidade de interaccións que se poden dar con outras moléculas ou proteínas antes de chegar ao destino de interese é moi grande. O vehículo ten que saber onde facer a súa parada e non desviar o seu traxecto.

Representación da tecnoloxía levada a cabo no grupo do CiQUS. Imaxe: Bruno Delgado.

O “todo nun” da química

“O que fixemos neste último estudo é utilizar un tipo concreto de química, a chamada química covalente dinámica, para mellorar e optimizar as tecnoloxías actuais no campo da terapia xénica.”, subliña Delgado. A particularidade deste tipo de química, engade, é que permite desenvolver todo o proceso para a creación dunha nanopartícula funcionalizada (con esa capacidade para entregar dentro do organismo un fármaco ou un xene) nun só paso.

Normalmente, cando se deseña unha ferramenta ou un vehículo deste tipo, hai unha serie de puntos a seguir: “Primero sintetizas a túa ferramenta para probala e, se ves que funciona, voltas para atrás e segues facendo pequenas modificacións ata que vas conseguindo o resultado final”. No caso do grupo do CiQUS, a química covalente dinámica permítelles unir estas partes do proceso nunha soa etapa.

Unha chave para abrilo todo

“É como unha broca con múltiples opcións. Se cada vez que precisas colocar un parafuso tes que buscar unha chave determinada isto conleva un traballo enorme. Se, polo contrario, es capaz de crear unha ferramenta á cal só precisas cambiarlle a punta, isto permíteche adaptarte a moitas condicións distintas e aforrar tempo e esforzos”, conta Delgado.

O traballo destes investigadores é precisamente levar esta idea á escala molecular e tunear a súa ferramenta para levar a cabo todo o traballo in situ. Os resultados, explica, poderían ter unha aplicabilidade futura nos hospitais para o deseño de tratamentos personalizados.

Esta tecnoloxía non só é válida para as terapias xénicas: “Seguindo o mesmo principio poderíamos crear moléculas que sexan capaces de transportar fármacos fronte o cancro, por exemplo”. Polo de agora, Delgado e os seus compañeiros céntranse nunha fase da investigación máis básica, pero non descartan explorar esta vía no futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista