O termo ‘Cidade de 15 minutos‘ foi creado polo urbanista e científico Carlos Moreno xusto no momento máis imprescindible: 2020. A pandemia puxo o foco na prioridade de vivir en cidades que non resulten hostís á cidadanía. A idea é moi sinxela: nun cuarto de hora, os habitantes dun núcleo urbano precisan ter acceso á maioría das súas necesidades esenciais, ben sexa a pé ou en bicicleta. Porén, o obxectivo deste modelo non é nada novo: xa se falaba do necesario retorno a un modo de vida máis local e social na América de principios do século XX.
A día de hoxe, este modelo establécese como unha ferramenta para avaliar a calidade de vida dos cidadáns que residen en núcleos urbanos: a canta distancia te atopas do centro de saúde máis próximo? Tes algún ximnasio ou espazo público onde practicar deporte? O teu lugar de traballo fica preto da casa? Investigadores do centro de investigación Enrico Fermi (Italia) propuxéronse analizar a accesibilidade de ata 10.000 cidades, e atopáronse con que tan só unha pequena parte delas cumpre na actualidade co modelo de cidade de 15 minutos. Os resultados do estudo reflíctense nun mapa interactivo creado polos mesmos científicos, onde calquera usuario pode analizar a calidade de vida da súa cidade atendendo a unha serie de parámetros. No caso de Galicia, as grandes cidades e capitais de provincia presentan unha boa accesibilidade nunha gran parte da contorna urbana. Iso si: unha vez fóra da zona céntrica, as cousas cambian.
O acceso aos servizos esenciais, cidade a cidade
A cidade da Coruña é accesible para a meirande parte da súa poboación: son moitas as zonas e barrios onde se pode chegar a calquera tipo de servizo público andando tan só dous ou, como moito, catro. No caso do Parque de Santa Margarita e ao seu arredor o que fica máis afastado é, curiosamente, todo aquilo vencellado á educación e a aprendizaxe. Pola contra, as zonas peor conectadas atópanse preto de Meicende e nas urbanizacións de Feáns, onde calquera actividade implica máis de media hora a pé.
No caso de Ferrol, tan só os cidadáns que viven no centro da cidade teñen cubertas as necesidades esenciais a pé en menos dun cuarto de hora. O contraste é inmenso: quen reside ao longo da Avenida do rei pode gozar de calquera servizo público a menos de cinco minutos da súa residencia e, de feito, gastan menos tempo desprazándose a pé que en bicicleta. Porén, para quen vive na Regueira, tan só é posible empregar menos dun cuarto de hora do seu tempo para facer actividades ao aire libre: calquera actividade cultural queda a máis de media hora de distancia andando.
Pontevedra, a marabilla dos peóns
Pontevedra é, sen dúbida algunha, a cidade galega con máis recoñecemento internacional en canto á mobilidade e accesibilidade dos seus residentes. Hai máis de dúas décadas, a capital da provincia levou a cabo un plan pioneiro de urbanismo, peonalizando case por completo o seu casco histórico. Preto da igrexa da Peregrina, un dos emblemas da cidade, todos os servizos públicos atópanse a menos de cinco minutos andando: o máis afastado, se cadra, é o acceso ao sistema sanitario, que leva unha media de oito minutos para os residentes desta zona. Preto da Ponte da Barca, o tempo de desprazo aumenta, aínda que non moito. Catro minutos para atopar restaurantes ou lugares onde comer e cinco para chegar a calquera supermercado. A necesidade de desprazarse durante máis tempo vai aumentando dun xeito significativo conforme o mapa se despraza cara as aforas da cidade.
A capital galega, accesible a pé
Santiago de Compostela está feita para camiñala. Porén, as súas rúas empedradas ocasionan non poucas queixas en canto á mobilidade das persoas con diversidade funcional no casco histórico. O transporte público non sempre é unha opción viable, xa que en moitas ocasións tardase máis tempo en chegar a un punto da cidade en autobús que a pé. Pola contra, a capital galega aproba dentro do modelo de cidade de 15 minutos: ata na zona das Cancelas, lonxe do centro da cidade, é posible satisfacer calquera servizo público en menos dun cuarto de hora. Para os estudantes alugados no Campus Universitario do Sur, o que máis tempo lles leva de media é achegarse a un supermercado, tardando oito minutos en facelo.
A comezos do 2024, o Instituto Nacional de Estadística cifrou a poboación de Vigo en 300.997 habitantes. É a maior cidade de Galicia e, se cadra, isto ten algo que ver coa accesibilidade aos servizos públicos, un parámetro no cal suspende. En barrios coñecidos como Lavadores ou Castrelos, cubrir os aspectos máis necesarios da vida cotiá supón camiñar durante máis de media hora. Mesmo preto do Estadio de Balaídos, os residentes que residan na zona onde se atopa Stellantis vense obrigados a desprazarse durante trinta minutos andando e máis dun cuarto de hora en bicicleta para acceder a calquera tipo de servizo.
Lugo, a cidade peor conectada
Malia ser unha cidade relativamente pequena, Lugo non destaca precisamente pola súa accesibilidade. Segundo o mapa elaborado polos investigadores italianos, a capital da provincia é a que peor encaixa baixo o modelo de cidade de 15 minutos. Tan só unha pequena parte da cidade asegura servizos básicos a menos dun cuarto de hora da residencia. De feito, en zonas como Bagueixos ou A Florida é imposible dispor dun centro médico ou dos servizos educativos a menos de media hora camiñando. Xa na rúa das Casas Vellas, preto do centro, satisfacer calquera necesidade primaria leva de media máis dun cuarto de hora a pé.
Ao igual que o resto das cidades galegas, a capital ourensá amosa unha mellor accesibilidade no seu centro histórico, onde é posible acceder a calquera tipo de servizo en menos de cinco minutos. Porén, e ao igual que Lugo, son moitos os barrios e rexións do municipio que están moi mal conectados e non responden a necesidades básicas como centros educativos ou mesmo centros médicos. No caso de O Cumial ou Bemposta, a práctica totalidade dos servizos atópanse a máis de media hora camiñando.
Na contorna rural, 15 quilómetros a pé
Malia ser relativamente pequenas, as cidades galegas presentan unha gran problemática á hora de abastecer as necesidades básicas dos seus residentes en comparación coas grandes capitais de España como Madrid, Barcelona ou Bilbao. Ademais, Galicia conta con outra dificultade a maiores: a da contorna rural, onde os seus residentes deben camiñar de media 15 quilómetros para acceder a calquera tipo de servizo público. Isto, tendo en conta que ata 3 de cada 4 municipios galegos son zonas pouco poboadas, plantexa un reto de mobilidade cara o futuro: conseguiremos deseñar as nosas cidades para quen vive nelas?
Podes comprobar a accesibilidade aos servizos básicos do teu barrio na seguinte ligazón.