A coloración da auga nas Rías Baixas nada ten que ver coa do Caribe. Con todo, no último mes rexistráronse manchas entre Vigo e Fisterra dunha tonalidade esmeralda. O fenómeno natural que hai detrás deste cambio de cor no mar é coñecido popularmente como “mareas verdes” e os responsables son uns microorganismos denominados dinoflaxelados. “O sorprendente é que aquí apenas hai rexistro da especie que as produce”, asegura Francisco Rodríguez, investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo. O certo é que estas “mareas verdes” son insólitas en Galicia: dende que hai rexistros só houbo un episodio similar a finais de agosto de 1989 nas rías de Vigo e Pontevedra.
“O dinoflaxelado Lepidodinium non é tóxico pero as mareas verdes tampouco son unha boa noticia”, asevera o experto. “A especie que as produce é potencialmente nociva”, continúa explicando, en alusión ao impacto que podería ter en peixes e mariscos, mais non en humanos. Non hai constancia de que as mareas verdes das Rías Baixas producisen unha mortalidade excesiva en organismos mariños, mais os precedentes noutros países como Francia e Chile obrigan a estar alerta. “Lepidodinium comezou a facer bloom —unha proliferación excesiva— no sur da Bretaña nos anos 90 e agora é un fenómeno que se produce case todos os anos”, advirte Rodríguez, dado que se asocia con mortes en peixes de mariscos.
Canto vai durar?
Malia a preocupación que está a suscitar a extensión das mareas verdes en Galicia, o investigador do IEO recoñece que pode quedar en algo anecdótico. De momento é pronto sacar conclusións sobre un fenómeno tan inusual nas Rías Baixas e, precisamente por iso, dende o centro oceanográfico levan un mes recollendo mostras en Vigo, Pontevedra, Muros e Fisterra para verter luz sobre este suceso. “Hai que estar atentos e entender por que se produciu. Se comeza a ser común haberá que vixiar”, sostén Rodríguez.
Un porqué sen resposta
O motivo polo que Lepidodinium proliferou de maneira masiva nas Rías Baixas aínda é unha pregunta sen resposta. “Foi un mes seco, de altas temperaturas e moito afloramento. Isto axuda a fertilizar as rías, produce estratificación na auga e propicia os blooms de fitoplancto e, por tanto, de dinoflaxelados”, explica Rodríguez, dando unha hipótese que trata de explicar as “mareas verdes” do último mes. A duración do episodio non é o que máis preocupa á comunidade científica, dado que este tipo de fenómenos adoitan se prolongados. O que suscita máis alerta é a gran extensión que abranguen as “mareas verdes”, que están a afectar a case todas as Rías Baixas.
Por que colorean o mar de verde?
En realidade son o mesmo fenómeno que as mareas vermellas; a diferenza está nas especies e tonalidades que producen no mar. “Débese aos pigmentos que teñen os dinoflaxelados nas células. Poden ser dourados, vermellos, marróns, granates, verdes…”, explica Rodríguez. Neste caso, Lepidodinium deixa unha cor esperanza na auga, sobre todo cando non está demasiado concentrado. O experto do IEO advirte que, por moi “bonita” que poida parecer esa tonalidade, non é a cor normal da auga. E, de feito, cando se producen grandes concentracións de Lepidodinium xéranse espumas verdosas e amarelentas e deixan mal olor. “Cando se van acumulando emiten un gas volátil denominado dimetilsulfuro que produce un cheiro semellante á verdura cocida. O ulido nos peiraos adoita ser moi forte”, indica.
Sen apenas precedentes en Galicia
Segundo unha revisión realizada por Rodríguez no IEO, onde se analizaron datos de mareas vermellas dende 1916 ata 2023, tan só se rexistrou unha marea verde asociada a Lepidodinium no ano 1989. Naquel momento, en palabras do autor, non se facían análises xenéticas dos organismos que producían eses fenómenos e atribuíuse á especie Gyrodinium aureolum. Porén, a descrición dunha “cor verde brillante” só pode vincularse, en defensa do experto do IEO, ao mesmo dinoflaxelado que está a producir actualmente o fenómeno en Galicia. “Non teñen moitas características para identificalos salvo ese ton”, insiste.
Entre elementos máis diferenciadores de Lepidodinium é que non é tóxico para os humanos nin tampouco produce bioluminiscencia, como si acontece co mar de ardora atribuído ao dinoflaxelado Noctiluca scintillans. Con todo, si pode provocar mortalidade en especies comerciais de peixes e mariscos. De feito, no verán de 2021 en Chile —segundo reflicte Rodriguez no seu blog— produciuse a morte de 162.000 salmonetes na rexión de Los Lagos. Aínda non se sabe cales poden ser os motivos da mortalidade noutros organismos mariños, pero talvez o alto consumo de osíxeno dos dinoflaxelados e unha substancia que liberan, denominada Mucus, que podería impactar directamente nos moluscos filtradores.
Aínda queda moito por estudar e analizar sobre un fénomeno do que apenas hai precedentes en Galicia. Haberá que esperar para saír de dúbidas: está a ser un suceso anecdótico ou converterase en algo recorrente como en Francia? A ciencia xa está en marcha e a toma de mostras foi numerosa neste último mes. O obxectivo é claro: encontrar os motivos que expliquen un fenómeno insólito e case descoñecido nas Rías Baixas.