Non todo é Noctiluca: o segredo da ardora na Costa da Morte

O investigador do Oceanográfico de Vigo Francisco Rodríguez descobre o papel da Alexandrium tamarense na bioluminiscencia nas Rías Altas

Francisco Rodríguez compartía a noticia no seu blog persoal tras realizar varias probas de laboratorio. O especialista en microalgas mariñas afirmaba, no seu artigo No es Noctiluca todo lo que reluce, que estes dinoflaxelados non son únicos responsables da ardora nas nosas costas. Polo menos non nalgunhas praias da ría de Corme e Laxe e, posiblemente, en Carnota. A finais de agosto, animado polas noticias que chegaban desde a zona, o investigador decidiu viaxar á Costa da Morte para asistir a este espectáculo da natureza e, de paso, resolver dúbidas recollendo algunhas mostras. “Existen ao redor de 17 xéneros de dinoflaxelados que producen bioluminiscencia. Nunca lin claramente que as noctilucas estean asociadas ao mar de ardora nesa zona. Sentín curiosidade”, explica o científico. O mar de ardora non se fixo esperar e a confirmación das súas sospeitas tampouco. A primeira ollada, esa mesma noite, Francisco Rodríguez non encontrou rastro das sempre visibles noctilucas nas mostras recollidas na praia de Rebordelo, en Cabana de Bergantiños. Xa en Vigo, ao día seguinte, o investigador descubría no microscopio que o dinoflaxelado bioluminiscente dominante neste caso non era a Noctiluca scintillans se non o Alexandrium tamarense. Unha información que, segundo o experto, probablemente ninguén buscara antes.

“Sorpréndeme que a ardora desta microalga dure tanto na Costa da Morte. Falouse de ardoras durante semanas nesa zona. Coas noctilucas é diferente. Poden chegar a cubrir varias rías pero só uns días, despois as proliferacións dispérsanse”, afirma o científico. O Alexandrium tamarense é unha especie que pode crecer ben con salinidades baixas. Nas zonas de confluencia de auga doce con auga mariña, onde hai unha variación de salinidade importante, esta especie sobrevive sen problema.

Publicidade

ardora
Células de A. tamarense illadas da ardora de Rebordelo. Imaxe de epifluorescencia obtida no IEO de Vigo.

“Nesas zonas as augas son menos densas, reciben máis luz e a corrente do río tamén arrastra nutrientes desde terra. Os días longos de verán son a combinación perfecta para que estas microalgas medren e, en zonas protexidas do embate do mar como as rías, as poboacións destes organismos non se dispersan facilmente. Unha situación que se pode prolongar varias semanas”, explica Francisco Rodríguez. E foi xustamente preto dunha destas zonas, a desembocadura do río Anllóns, na Ría de Corme e Laxe, onde o experto en microalgas mariñas recolleu as mostras que analizou a finais de agosto. O científico recorda no seu artigo que a Alexandrium tamarense non é tóxica como se puido pensar erroneamente durante anos.

Un fenómeno con poucos rexistros

O investigador do Centro Oceanográfico de Vigo, do IEO, propón o desenvolvemento dunha aplicación móbil baseada na “ciencia cidadá”, con rexistros de avistamentos de ardoras xeolocalizados por particulares. “Sería interesante ter datos para coñecer os patróns deste fenómeno nas costas galegas, saber cando ou onde acontece. Noutras rexións do mundo lévanse a cabo estudos porque o fenómeno é máis estable pero aquí non temos información. Penso que unha aplicación deste tipo non esixe un enorme investimento e que os datos obtidos serían importantes. Iso si, os estudos científicos só serían concluíntes a longo prazo”, advirte Francisco Rodríguez.

Publicidade

Ardora na playa de Niñóns, Ponteceso (A Coruña). Óscar Blancor

E a maxia de ardora parece que xa comezou a actuar. O investigador recibía apenas uns días despois da publicación do seu artigo a mensaxe dun particular desde a praia de Rebordelo cunhas fotos que axudarían a confirmar o seu recente descubrimento. Debido ao grande interese provocado este verán polo mar de ardora en moitísimos puntos da costa galega, o científico non remata o seu artigo sen facer un chamamento ao respecto pola nosa contorna. “Sería necesaria máis información para o público e unha mellor organización destas visitas porque as praias non están sempre preparadas para recibir a tanta xente como vin o outro día na Costa da Morte”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Achada unha nova especie de esponxa na Ría de Arousa

O Instituto Español de Oceanografía e o Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira publicaron o descubrimento

Crean en Vigo un mapa de biodiversidade costeira a partir de 11.000 chíos

A análise da información recompilada na rede X permite, cun baixo custo, complementar os programas existentes de vixilancia

h

Un equipo galego revisa a literatura científica sobre estes eventos dende comezos do século XX ata a data

Un equipo de Vigo estuda como mellorar a pesca de arrastre para protexer os cetáceos

O IEO está probando dispositivos para reducir os descartes e evitar a captura accidental de especies protexidas