Un equipo de Vigo estuda como mellorar a pesca de arrastre para protexer os cetáceos

O IEO está probando dispositivos para reducir os descartes e evitar a captura accidental de especies protexidas

Desde o pasado 4 de setembro e ata mañá xoves, persoal científico e técnico do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) está a realizar unha campaña de investigación que ten como obxectivo determinar a selectividade de diferentes artes de arrastre, probar dispositivos de exclusión de cetáceos, aplicar sistemas de observación electrónica e intelixencia artificial para a caracterización automática de especies descartadas e estudar a supervivencia das mesmas, especialmente de raias e quenllas.

Para iso, durante a campaña, denominada DESCARSEL0923, están a realizarse pescas experimentais en determinadas zonas do caladoiro Cantábrico-Noroeste para obter información técnica sobre a selectividade dos diferentes deseños de artes, usando diferentes configuracións de rede e estratexias de pesca, así como sistemas que facilitan o escape das capturas accidentais de especies protexidas como os cetáceos.

Publicidade

A través de cámaras submarinas, o persoal científico obterá información do funcionamento das artes de pesca e do comportamento das especies en diferentes profundidades e situacións pesqueiras. “A monitorización total e control de operacións de pesca cos sistemas de sensores do buque oceanográfico permítenos obter información completa e traballar en condicións controladas e máis adecuadas aos obxectivos que nun barco comercial”, explica Xulio Valeiras, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e responsable do proxecto. “Os resultados desta campaña servirán para ampliar o coñecemento da selectividade pesqueira dos dispositivos testados e introducir melloras e modificacións que permitan avanzar nas estratexias de redución de descartes nas pesqueiras obxecto de estudo”, apunta o científico.

“Só coñecendo mellor os nosos mares pódese apostar pola protección e a xestión sostible de recursos, polo que o MAPA segue investindo esforzos en desenvolver campañas de investigación a bordo dos seus buques oceanográficos”

ISABEL ARTIME, secretaria xeral de Pesca

Esta campaña foi cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) dentro do Programa Nacional de recompilación, xestión e uso de datos do sector pesqueiro e o apoio ao asesoramento científico en relación coa política pesqueira común.

Do mesmo xeito que noutras campañas, DESCARSEL é un exemplo de coordinación entre institucións. Neste caso, desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, facilita o uso e equipamento dos barcos ao persoal investigador, e ponse ao dispor dos científicos o instrumento máis adecuado para os fins específicos de cada campaña, mentres se tenta conseguir a optimización dos recursos en beneficio do mellor coñecemento científico posible e a mellor xestión pesqueira. “Só coñecendo mellor os nosos mares pódese apostar pola protección e a xestión sostible de recursos, polo que o MAPA segue investindo esforzos en desenvolver campañas de investigación a bordo dos seus buques oceanográficos”, apunta Isabel Artime, secretaria xeral de Pesca.

O buque oceanográfico Miguel Oliver forma, xunto co Vizconde de Eza e o Emma Bardán, a frota de barcos de investigación xestionada pola Secretaría Xeral de Pesca. Con 70 metros de eslora e 12 de manga, conta cun equipamento tecnolóxico punteiro para a navegación e para a investigación pesqueira e oceanográfica. Está equipado con tres ecosondas, tres radares e seis laboratorios, ademais dun sofisticado sistema de posicionamento e navegación. Está cualificado como buque ecolóxico e silencioso pola sociedade de clasificación Bureau Veritas e cumpre a normativa ICES 209 sobre emisión de ruídos e vibracións en barcos de investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela novas claves para anticipar as floracións tóxicas que afectan as rías galegas

Unha tese do IEO-CSIC afonda na bioloxía dunha microalga e nos factores ambientais que condicionan as súas proliferacións

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz

Un estudo alerta do declive de catro peixes migratorios en Galicia: “Ningunha das súas pesquerías é sostible”

Unha investigación recolle datos de 1997 a 2026 e certifica a drástica caída das poboacións de zamborca, lamprea, solla e anguía