Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

O 19 de xullo había 986 casos activos de covid en Galicia. O 12 de setembro, tan só dous meses despois, a cifra aumentou nun 171%, situándose en 2.673 infectados, segundo a última actualización da Consellería de Sanidade. Para entender o significativo incremento de contaxios das últimas semanas, a inmunóloga África González e o epidemiólogo Juan Gestal apuntan a un cóctel de factores. Por unha banda, un maior movemento da poboación durante o verán, que implicou máis viaxes e encontros con amizades e familiares. Por outra, a diminución dos anticorpos debido ao tempo transcorrido dende a última dose da vacina ou da infección. E, por último, a aparición de novas liñaxes e subliñaxes de ómicron “moi contaxiosas”. Estes tres factores crean o escenario perfecto para a repunta de casos de SARS-CoV-2. Pero González advirte: “Hai moitos máis dos que se notifican oficialmente”.

Dende 2022, o Ministerio de Sanidade só vixía os contaxios na poboación maior de 60 anos, considerada vulnerable, polo que é difícil saber a día de hoxe cales son as verdadeiras dimensións do SARS-CoV-2. Pese á falta de datos, tanto González como Gestal instan á calma e recordan que se debe poñer o foco nas persoas maiores e nas inmunodeprimidas. “Para o resto da poboación o coronavirus é moito máis leve. Converteuse na meirande parte dos casos nun arrefriado”, sostén a inmunóloga, tamén catedrática da Universidade de Vigo (UVigo). Gestal apoia esta tese e recorda que a taxe de inmunización entre a poboación é elevada, ben por ter pasado a infección ou ben por ter posto a vacina. “Os virus tenden a ir evolucionando ata acadar a súa máxima eficiencia facéndose cada vez máis transmisibles e máis benignos”, engade o epidemiólogo e profesor emérito da Universidade de Santiago (USC).

Publicidade

Que ocorrerá no outono?

“Todo pode ocorrer”, di Gestal. Prognosticar o que vai acontecer no outono, con menos temperatura, máis humidade e máis tempo en espazos interiores non é doado. De feito, o epidemiólogo asegura que o SARS-CoV-2 foi capaz de enganarnos varias veces ao longo da pandemia, cun comportamento impredicible e descoñecido para a comunidade científica. Malia a prudencia nas verbas de Gestal, o experto non cre que este outono sexa moi diferente do de 2022, cando se recuperou finalmente a vella normalidade. “Coa dose de reforzo da vacina da covid aos máis vulnerables, aínda que se produza un incremento das infeccións, estas afectarán fundamentalmente aos menores de cinco anos como ocorreu no verán, e non suporán un incremento da presión hospitalaria“, apunta o profesor emérito da USC.

“Para a meirande parte da poboación o coronavirus converteuse nun arrefriado”

ÁFRICA GONZÁLEZ, inmunóloga e catedrática da UVigo

O escenario que imaxina África González non dista do de Gestal. “O outono é preocupante pero non creo que vaia ser máis complicado que o do ano pasado, cando volveu a gripe”, apunta a inmunóloga, lembrando que o virus da influenza estivo practicamente ausente durante os dous primeiros anos de pandemia. A inmunóloga lembra que o maior risco nos virus respiratorios, incluída a gripe e o SARS-CoV-2, está nos maiores, nos nenos e nas persoas inmunodeprimidas. “Ademais de ventilar e renovar o aire nos interiores, que podemos facer para protexelos? Unha vacina o máis adaptada posible”, apunta a investigadora da UVigo. Tal e como explica, o virus sempre vai máis rápido que a ciencia, e poden aparecer novas variantes que cambien o escenario de xogo. Máis alá da importancia das vacinas, González aposta por continuar desenvolvendo antivirais e anticorpos monoclonais que axuden a mellorar o manexo dos pacientes durante a súa hospitalización por covid.

Publicidade

Novas vacinas para un novo escenario

A administración das novas vacinas das que falan González e Gestal comeza a súa conta atrás. Segundo informou a Comisión de Saúde Pública este martes, a campaña de inmunización fronte a gripe e a covid comezará a finais de setembro. Segundo explica a inmunóloga, está previsto que se administren novas vacinas, especialmente preparadas para inmunizar contra ómicron e, por tanto, contras as liñaxes e subliñaxes circulantes. Entre as opcións, están as de ARN de Pfizer e Moderna, e tamén a de Novavax. “España tamén mercou vacinas de Hipra, que está constituída por dúas proteínas de alfa e beta, as primeiras variantes. Podería protexer algo fronte a ómicron, pero non está especialmente deseñada para ela”, explica a investigadora da UVigo. González tamén valora positivamente o comezo da campaña de vacinación en setembro, para que a resposta inmunitaria se poña en marcha e as persoas vacinadas teñan anticorpos protectores durante os tres ou catro primeiros meses.

Os grupos diana aos que irán dirixidas estas novas vacinas son as persoas maiores de 60 anos pero, sobre todo, os que superen os 80. Tamén os inmunodeprimidos, as embarazadas o persoal sanitario e todas aquelas persoas que teñan algunha patoloxía grave. O resto da poboación, de momento, quedaría excluída, un criterio co que concorda González. “Non ten sentido vacinar a todo o mundo. Iso tería un efecto menor no control da pandemia e o virus seguiría circulando. Seguirían habendo contaxios moi leves, como un arrefriado”, apunta a investigadora da UVigo. A única opción que baralla a experta é que, de sobrar vacinas, se abra a campaña ao resto da poboación e de maneira exclusivamente voluntaria. “Dende o criterio epidemiolóxico, inmunolóxico e médico só ten sentido a vacinación nas persoas vulnerables”, continúa González.

“Dende o criterio epidemiolóxico, inmunolóxico e médico só ten sentido a vacinación nas persoas vulnerables”

ÁFRICA GONZÁLEZ, inmunóloga e catedrática da UVigo

Amais disto, a experta da UVigo recalca que a campaña de vacinación deste 2023 volverá ser conxunta. É dicir: nun brazo administrarase a vacina da covid e, no outro, a da gripe. De novo, a inmunóloga concorda completamente con este criterio e advirte que, pese ao foco que se puxo durante os últimos tres anos no coronavirus, a gripe pode ser unha enfermidade moi perigosa. “Pode ser moi grave e derivar nunha neumonía ou, incluso, no falecemento. De feito, é unha das principais causas da morte das persoas maiores durante o inverno”, engade a experta da UVigo. Segundo continúa explicando, a vacina contra a gripe que se administrará na campaña 2023 irá dirixida contra catro cepas, dado que o virus da influenza cambia moito máis que o do coronavirus. “Será unha vacina tetravalente, con dúas cepas da gripe A e dúas da gripe B”, confirma González.

Kraken e Pyrola, en vixilancia

O escenario que se debuxa para o outono de 2023 está a anos luz do outono de 2020, cando un virus descoñecido e contra o que había vacinas nos obrigaba a confirnarnos periodicamente. Agora a situación é ben distinta dado que, como explica Gestal, os virus tenden a volverse máis transmisibles e máis benignos. De todos modos, a comunidade científica segue vixiando de preto o SARS-CoV-2 ante a aparición de variantes que poidan cambiar radicalmente a situación sanitaria mundial. De momento, todas as que se manteñen baixo o foco son liñaxes ou subliñaxes de ómicron “moi contaxiosas” pero non necesariamente máis perigosas.

“Desde a detección da variante ómicron en Sudáfrica en novembro de 2021 a covid non presentou mutacións alarmantes”

JUAN GESTAL, epidemiólogo e profesor emérito da USC

“Na actualidade, a subliñaxe mais estendida polo mundo é a XBB.1.5, á que se lle deu o nome de Kraken, o monstro mariño da mitoloxía escandinava, e os seus derivados. Delas sabemos que son as subvariantes mais transmisibles do SARS-CoV-2 que circularon ata o de agora”, apunta Gestal. Outra das que se manteñen baixo vixilancia é Pyrola, denominada así por un asteroide descuberto en 1917 e por unha familia de plantas herbáceas. Segundo apunta o epidemiólogo galego, Pyrola é descendente de BA.2 e ten arredor de 30 mutacións na proteína espiga e, de momento, hai pouca información sobre a súa transmisibilidade. “Os cadros clínicos son cada vez máis leves, como dor de gorxa, secreción nasal, espirros, dor de cabeza, cansazo, tose, e nalgúns casos febre. Desde a detección da variante ómicron en Sudáfrica en novembro de 2021 a covid non presentou mutacións alarmantes”, apunta Gestal.

O outono ábrese ante nós cunha importante dose de incerteza. O coronavirus é impredicible pero a ciencia xa demostrou que o SARS-CoV-2, que nos encerrou durantes meses nos nosos fogares, se está adaptando a vivir con nós. Gestal insiste: “As subliñaxes circulantes son cada vez mais transmisibles pero tamén mais benignas, e por outra parte todos estamos moi inmunizados”. O escenario é máis favorable a nós do que foi aquela primavera de 2020. A pandemia, segundo a OMS, xa pasou. E a vella normalidade restaurouse cun novo inquilino: un virus que chegou para quedar, como vaticinaba a propia África González en GCiencia en setembro de 2021. “Todo pode ocorrer”, di Gestal. Pero a ciencia, afortunadamente, está do noso lado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A contaminación atmosférica asóciase a unha maior duración dos síntomas da ‘long covid’

As persoas con máis risco son as mulleres, as que teñen un baixo nivel educativo, aquelas con condicións crónicas previas e as que tiveron a patoloxía grave

Os desafíos da saúde global: “Doenzas tropicais como o dengue xa están en España”

Unha xornada celebrada por Zendal aborda o papel das novas tecnoloxías para a prevención e tratamento de emerxencias sanitarias e pandemias

Un ensaio probará a vacina antigripal de alta carga en galegos de 65 a 79 anos

A segunda fase do estudo clínico GalFlu está dirixido a 70.000 persoas e nel participan a Consellería de Sanidade e o IDIS

Achégase a tempada dos virus respiratorios: volverán as máscaras?

Poñerse máscara é só unha das medidas para facer fronte á epidemia estacional e protexer así tanto a nosa saúde como a do resto da cidadanía