O sarampelo rexorde con forza en Europa e en España xa se están rexistrando os primeiros casos trala pandemia. Segundo informa El País, Toledo e Alicante son as dúas primeiras provincias en sufrir gromos. Dende o 1 de xaneiro, rexistráronse 15 casos de sarampelo en España —sete importados e oito autóctonos—, unha cifra que xa supera os 11 detectados en 2023. Ante a reaparición desta enfermidade, a catedrática de inmunoloxía África González, apunta en Science Media Centre que “hai que chamar á tranquilidade, pero tamén á responsabilidade para que todas as familias vacinen os seus fillos, xa que se lles estará protexendo dunha enfermidade que pode ser moi grave”.
A Organización Mundial da Saúde (OMS) pronunciouse o pasado novembro debido ao repunte de casos en todo o mundo. A ameaza do sarampelo para os nenos —constitúen a maioría de persoas falecidas— crece debido ao descenso da cobertura da vacinación derivada da pandemia. En 2022, 37 países experimentaron grandes gromos fronte aos 22 rexistrados en 2021. O continente europeo experimentou un aumento da incidencia, con máis de 30.000 casos notificados en 40 países. En 2022 só se rexistraron 941 casos. “O virus do sarampelo é moi contaxioso, necesítase unha cobertura vacinal de case o 100% para poder controlalo. Os movementos antivacinas e os grupos relixiosos están facendo moito dano no control do sarampelo”, apunta González.
O sarampelo, explica a OMS, pódese previr con dúas doses da vacina. En 2022, 33 millóns de nenos non recibiran ningunha dose, case 22 millóns non recibiran a primeira e a outros 11 faltáballes a segunda. Necesítase un 95% de nivel de cobertura fronte ao sarampelo para protexer aos países fronte aos gromos, e nestes momentos a taxa mundial sitúase varios puntos por debaixo. O epidemiólogo e director xeral do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), Quique Bassat, considera que “os casos de sarampelo detectados en España teñen relación coas anomalías de circulación e transmisión de patóxenos experimentadas durante a pandemia”, sostén. Neste senso, considera que “a mellor protección nestes casos é reforzar os esquemas e coberturas vacinais, polo menos para aquelas infecciosas para as que contamos con vacinas”.
Nun artigo publicado en The Conversation o catedrático de Microbioloxía da Universidade de Salamanca, Raúl Rivas, explica que Europa apunta “á mesma dirección” que outros lugares como Romanía, que declararon unha epidemia nacional de sarampelo. “A principios de 2024, a Axencia de Seguridade Sanitaria de Reino Unido declarou un incidente nacional e instou aos pais a vacinar aos seus fillos, se aínda non o fixeran, porque en tres meses rexistráronse máis de 300 casos no país”, alega. A vacina da que dispón España é “moi eficaz”, pero a diminución da taxa de vacinación pode empeorar a situación de cara o futuro. De feito, a maior parte dos casos detectados en Romanía, Austria e Liechtenstein eran de pacientes non vacinados ou sen as dúas doses.
O virus do sarampelo é moi contaxioso, e como explica África González, pode derivar nunha encefalite, e incluso nos casos máis graves, provocar a morte. Ademais, produce a inmunosupresión do sistema inmunitario, polo que as persoas poden contaxiarse doutros patóxenos que poden resultar ser moi graves. “A isto denomínase inmunoamnesia, e pode manterse durante anos trala infección. A razón é porque o virus, aínda que pareza que infecta á pel e se transmite polo aire, afecta tamén ao sistema inmunitario, en concreto, destruíndo células de memoria inmunitarias”, alega a catedrática.