Venres 29 Marzo 2024

Quen se beneficia do negacionismo contra as vacinas?

* Un artigo de

A experiencia Covid-19 implicou ao mundo das vacinas en múltiples aspectos. Empezando polo recoñecemento xeneralizado da importancia das enfermidades transmisibles de carácter vírico (con escasos recursos terapéuticos) e continuando polo rol esencial das vacinas para poñer fin á pandemia. Sen esquecer a importancia do efecto de grupo na protección individual e colectiva.

Publicidade

Durante a pandemia mellorou o coñecemento xeral sobre a importancia de actualizar os calendarios vacinais individuais (quen lembra onde está a súa cartilla de vacinación?), saber cando é importante unha dose de recordo, indicacións de novas vacinas (por exemplo, a vacina contra a pneumonía para xente maior) e as vacinacións aconsellables en circunstancias especiais (viaxes, embarazos, inmunosupresión, etc.).

Confiamos en que a amarga lección do Covid-19 sirva para actualizar o calendario vacinal da poboación en xeral e, en especial, dos grupos máis vulnerables.

Non podían faltar á cita os antivacinas

A cruz é que aproximadamente un 5% da poboación de países desenvolvidos rexeita calquera tipo de vacina, contra toda lóxica científica e a pesar da acumulación de evidencias (en centos de millóns de casos) da súa efectividade e seguridade. Hai pouco que facer para convencer a esta poboación, cuxas motivacións están máis no sentimento e a crenza que na ciencia e os datos.

En todas as enquisas identificamos unha proporción de cidadáns que, preguntados sobre a opción de vacinarse ou de recomendar a vacinación aos seus fillos ou familiares, dubidan, negóciana, pospóñena, esquécena ou simplemente deixan pasar o tempo sen tomar unha resolución. Este grupo social é moi variable (10-50%), é sensible aos cambios provocados polas noticias cotiás e responde as opinións dos influentes sociais.

A dúbida é perfectamente lexítima e necesaria particularmente cando os efectos da pandemia son tardíos tras a infección (virus do papiloma), afectan primordialmente a subpoboacións ou cando ocorren lonxe de casa (ébola).

A este grupo de escépticos ou dubidosos debemos dedicar todos os esforzos e recursos pedagóxicos para mellorar a comunicación, a resolución de dúbidas, a información sobre o método de toma de decisións, o valor da ciencia sobre a crenza, explicar a importancia de vacinarse e os impresionantes logros da vacinación, a reiterada confirmación da seguridade vacinal, a inevitabilidade dalgún efecto secundario real ou percibido e a sempre difícil necesidade de equilibrar riscos e beneficios.

O incomprensible escepticismo vacinal

Neste escenario, xorden preguntas básicas. Por que rexorde o antivacinismo activo cada vez que aparece unha nova vacina ou indicación de vacinación? Por que en sociedades ben informadas, mesmo entre profesionais da saúde, persiste un certo nivel de escepticismo vacinal? En que se sustenta o fenómeno que se iniciou xa coas primeiras vacinas para a prevención da varíola (Jenner, 1796)?

Lembremos que a Igrexa católica condenou a primeira vacinación de Jenner contra a varíola con argumentos e acusacións de “bestialismo” (a vacina obtíñase das lesións de varíola ovina directamente das vacas). Entón, os seus detractores predicían efectos secundarios como que crecerían cornos e rabos aos individuos vacinados. Obviamente, nunca sucedeu.

Hai aspectos pouco investigados do negocio da antivacinación que conviría sacar á luz. Concretamente, destacan catro:

1. Venda de tratamentos alternativos

Vender “crecepelo” é unha estafa ancestral que sofren e na que participan moitos cidadáns. Negar o efecto das vacinas para recomendar un “crecepelo” (ou tomar lixivia, plantas medicinais, ozono…) achega a estafa á condición de delito no que a saúde e a vida do suxeito están dobremente en risco. En risco por non acceder a tratamentos cientificamente comprobados, aínda que sexan só parcialmente eficaces. E en risco por propoñer pseudotratamentos que non poden demostrar nin eficacia nin seguridade e, nalgúns casos son directamente, tóxicos.

As páxinas de referencia dos movementos antivacinas están cheas de opcións e ofertas de venda directa (sen control sanitario nin prescrición médica) de pseudotratamentos para case todas as doenzas coñecidas ou por coñecer.

2. Compensacións millonarias

A industria do tabaco compensou durante anos aos fumadores que desenvolvían algún tipo de cancro fortemente asociado ao consumo de cigarros (pulmón, larinxe, esófago, vexiga). Baseábanse, en gran parte, na falta de información ao consumidor sobre o risco que corrían ao fumar. Ao principio, este argumento xerou compensacións millonarias, ata que chegou un momento en que resultaba imposible defender fronte a un tribunal que algún cidadán non soubese nin oíse falar do risco de fumar e alegase falta de información ou engano.

Reclamar efectos secundarios graves atribuíndoos á vacinación Covid-19 (ou a calquera outra vacina) segue esta liña de razoamento con argumentos diversos: investigación insuficiente, introdución prematura, riscos potenciais aínda non observados, intereses comerciais… É máis, forma parte da escenografía da medicina comercializada e defensiva dominante nalgúns países.

Este ruído de fondo escurece e complica a interpretación dos efectos secundarios xenuínos que poidan ocorrer coa vacinación. Entre eles, os raros casos de tromboses atribuídos á vacinación Covid-19. Ademais, ten un efecto negativo considerable na opinión da poboación xeral e na disposición colectiva a vacinarse.

A información sobre seguridade é esencial para defender a vacinación, ninguén o discute. Pero non debemos deixar lugar a dúbidas de que os beneficios son manifestamente maiores e desexables que os riscos de sufrir efectos secundarios tras a vacinación. As autoridades sanitarias son as que están cualificadas e son as responsables últimas de analizar a información, interpretar os resultados –aínda que sexan escasos– e establecer pautas e prioridades de vacinación.

3. Redes sociais

No argot da rede adoita dicirse que “se non sabes o que che están vendendo é que che están vendendo a ti”. As redes sociais crean marañas de contactos xigantescas, con algúns puntos de interese común que facilmente se converten en opcións de clientelismo.

As persoas que reaccionan a unha mensaxe antivacinas facilmente poden converterse en grupos de interese electoral, en posibles clientes de medicinas alternativas, en consumidores dalgún produto real ou político, etc. A xestión destas bases de datos (decenas de millóns de contactos ao alcance da propaganda dun produto) é, en realidade, unha das consecuencias de compartir un chío ou de aceptar un comentario aparentemente banal.

Chama a atención a aparición sistemática de argumentos antivacinais no aparato de partidos de extrema dereita ou de abstencionistas políticos (non votantes). Nun intento de expresar o seu rexeitamento á autoridade, amalgaman a autoridade política coa científica, a sanitaria e a mediática.

4. Minuto de gloria

As posicións tremendistas contra a vacinación ou contra as vacinas encumbraron por uns minutos a personaxes moi variadas que retiveron a atención do público e os medios. Desde o curandeiro convencional aos tertulianos ou mesmo a algúns profesionais da saúde. Ir ao contraxeito é un cebo irresistible para os medios de comunicación, facilmente presentable como “democracia informativa” e “respecto a todas as opinións”.

Certamente é importante que existan visións alternativas. Pero, se falamos de saúde, é crucial apoiarse na información por encima da opinión. Con todas as limitacións que nos mostrou a Covid-19 nun escenario cambiante día a día, hai que dar crédito á ciencia e relativizar as visións simplistas, intuitivas, de “sentido común”.

A comunicación sincera e continuada baseada en datos debe axudar ao cidadán que ten dúbidas e que necesita explicacións factuais en lugar de argumentacións máis ou menos hábiles, pero sen datos obxectivos e reproducibles que a sustenten.

E para finalizar, un consello: faría ben en revisar o seu calendario vacinal e o dos seus familiares a cargo e consulte ao seu profesional sanitario para actualizalo.


* Francesc Xavier Bosch José é profesor asociado aos esudos de Ciencias da Saúde na Universitat Oberta de Catalunya (UOC).

Cláusula de divulgación: Francesc Xavier Bosch José ha recibido, a través de la institución Instituto Catalan de Oncología (ICO), becas de investigación y de formación profesional convocadas por compañías productoras de vacunas VPH ( MSD y GSK). Es asesor del comité europeo de MSD para vacunaciones y conferenciante habitual en reuniones científicas sobe vacunaciones.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que o exercicio físico axuda a que os tratamentos médicos funcionen mellor?

É unha ferramenta barata, fácil de usar e moi efectiva coa que podemos mellorar o prognóstico da maioría de enfermidades

Como lograr vivendas autosuficientes como a Estación Espacial Internacional

As casas do futuro tenderán a comportarse como un ser eficiente e autosuficiente, que trate de vivir en simbiose coa contorna natural

Teño que poñer xeo se sufro unha lesión? A ciencia desaconséllao, e por unha boa razón

Algúns inflamatorios, incluíndo a auga xeada, modifican o proceso inflamatorio e favorecen as malas recuperacións e a fibrose

Cinco preguntas sobre a hipertensión ocular e a importancia de detectala a tempo

É o principal factor de risco de sufrir glaucoma, que á súa vez constitúe a primeira causa de cegueira irreversible nos países desenvolvidos