Martes 23 Abril 2024

Ozonoterapia na Covid-19: acumúlanse as evidencias que desaconsellan o seu uso

Varias revisións científicas detectan "importantes limitacións" arredor do tratamento, polo que conclúen que "non é recomendable" na práctica clínica

Entre outros moitos produtos e métodos desinfectantes, a pandemia da Covid-19 colocou o ozono como un dos grandes protagonistas da vaga de solucións protectoras contra os contaxios. Diante da proliferación no uso deste gas como prevención contra a transmisión en espazos pechados ou polo contacto con superficies, as autoridades sanitarias advertiron de forma reiterada das limitacións do seu uso, advertindo de que “en ningún caso está permitido o seu uso sobre as persoas”. Mais, nas últimas semanas, o uso deste gas combinado con osíxeno como terapia en pacientes de coronavirus está a xerar unha notable controversia en España: a lea xudicial ocasionada polo tratamento a pacientes graves hospitalizados en Vila-real (Castellón) e Barcelona provocou a reacción de diversas organizacións médicas e científicas poñendo en dúbida a eficacia da ozonoterapia. Mais tamén existen, noutra banda, algunhas entidades que insisten en defender os seus beneficios.

Neste contexto, unha revisión da evidencia científica publicada a finais de agosto polo Centro Cochrane Iberoamericano, que forma parte da colaboración global que analiza a información dispoñible sobre intervencións en saúde, puxo en cuestión esta técnica advertindo das “importantes limitacións” observadas nos estudos analizados. Estes traballos “non permiten concluír ningún tipo de beneficio clínico do tratamento con ozono”. Deste xeito, concluía a revisión que “non é recomendable o seu uso na práctica clínica habitual“, e instaba a restrinxila “ao contexto de estudos clínicos ben deseñados e rigorosos” para establecer tanto beneficios como riscos. Esta análise engádese a outra realizada polo Instituto de Salud Carlos III, que na mesma liña insistía na ausencia de evidencia para constatar os beneficios do tratamento na Covid-19 grave.

Publicidade

Que é a ozonoterapia

Desde o comezo da pandemia, hospitais de diversos países apostaron polo uso da ozonoterapia en pacientes de Covid-19 en estado grave. En Ibiza, o hospital privado Nuestra Señora del Rosario difundiu en abril de 2020 un comunicado no que falaba de “éxito do primeiro ensaio clínico español” coa técnica, atribuíndo a recuperación do paciente a este tratamento. No comunicado citábase tamén os “bos resultados” observados en Italia ou China.

O que se administra realmente na chamada ozonoterapia é unha mestura de osíxeno e ozono a través de diversas vías, como as inxeccións intramusculares ou intraarticulares, ou a través do recto. Os defensores da súa eficacia sosteñen que mellora a osixenación dos tecidos e que ten un “efecto inmunomodulador” que reduciría a resposta inflamatoria que agrava o estado de moitos pacientes de coronavirus.

Mais, por agora, isto non é sinónimo de que o seu uso poida xeralizarse noutros casos. Nas últimas semanas, no barullo xerado arredor do paciente do hospital de Vila-real primeiro, e o de Barcelona despois, levou á Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) a recordar que os casos non cumprían cos criterios precisos para autorizar o tratamento.

A lea cos pacientes de Vila-real e Barcelona

O recente debate sobre a ozonoterapia ten a súa orixe na petición da familia dun paciente non vacinado e ingresado na UCI do hospital La Plana de Vila-real por Covid-19. O departamento sanitario da Comunitat Valenciana denegou a solicitude, pero unha xuíza, a instancias da familia, amparou a mediados de agosto o uso deste tratamento, en contra do criterio do persoal hospitalario. Para levar a cabo a terapia, debido á negativa do equipo médico, houbo que acudir a un médico externo. Con todo, dúas semanas despois, outro maxistrado do mesmo xulgado revocou a autorización e obrigou a suspender o tratamento.

Ás portas do hospital de La Plana sucedéronse concentracións da xunta de persoal contra o uso do ozono, que recibiron o respaldo de profesionais de numerosos centros do territorio estatal. E, por outra banda, da familia do paciente, amparada por colectivos como Policías por la Libertad, vinculados a movementos negacionistas da pandemia e que avogan polo uso de pseudoterapias como o dióxido de cloro (MMS). Algúns medios recolleron as afirmacións da familia que atribuían á ozonoterapia a recuperación do enfermo; porén, as propias autoridades sanitarias desvincularon o impacto deste suposto tratamento da mellora do paciente.

En Barcelona estase a vivir outro caso semellante. A familia doutro paciente recibiu o sustento dunha xuíza substituta, en contra do criterio da Generalitat e o hospital no que estaba ingresado, para autorizar o uso da ozonoterapia. A semana pasada, días despois da primeira decisión, a xuíza titular emendou o permiso para o tratamento.

Ademais do fondo debate xurídico e científico sobre a potestade que os maxistrados poden ter para tomar decisións pouco fundamentadas respecto á evidencia dispoñible, os dous casos provocaron a reacción da meirande parte das sociedades médicas e científicas en Cataluña e a Comunitat Valenciana posicionándose en contra do uso deste gas fronte á Covid-19, ao carecer dos estudos suficientes.

Así, o Consell de Col·legis de Metges de Catalunya (CCMC) manifestou que a autorización do tratamento “é contraria aos protocolos vixentes, ás recomendacións terapéuticas das autoridades sanitarias” e “á lexislación vixente de uso compasivo de tratamentos con medicamentos”. A Federación des Asociacións Científico Médicas Españolas (FACME) fixo público o seu rexeitamento á “imposición xudicial” dun “tratamento non aprobado nesta indicación por parte das autoridades sanitarias de ningún país”. A Organización Médica Colegial engadiu que ningún organismo estatal nin europeo ten aprobada a ozonoterapia como tratamento fronte á Covid-19.

Mais algunhas entidades como a Sociedade Española da Dor ou a Sociedad Española Multidisciplinaria da Dor, avalan o controvertido uso da ozonoterapia. A Sociedad Española de Ozonoterapia (SEOT), nunha nota publicada a mediados de agosto, mencionou o aval das devanditas entidades, e aludiu a “controversias e desinformación” sobre a técnica.

Unha das argumentacións desta entidade é que o Ministerio de Sanidad non incluíu a ozonoterapia na listaxe de 139 técnicas consideradas como pseudoterapias publicada en marzo de 2019. O cal é certo, pero non supón que automaticamente este tratamento sexa eficaz contra calquera doenza. A propia SEOT apunta no comunicado que hai autorizados ensaios clínicos para tratar a hernia discal e, en concreto, un para avaliar a eficacia e seguridade do seu uso na Covid-19 (o citado ensaio en Ibiza). Con todo, ningunha das afirmacións sustenta o uso sen os protocolos esixidos na práctica clínica, que non se cumpren nin no caso de Vila-real nin do de Barcelona.

A evidencia, por agora: nin se aconsella nin hai autorización

Neste contexto chegou a revisión do centro Cochrane, realizada a petición do Colexio de Médicos de Barcelona. A análise consistiu nun repaso rápido da literatura científica ata o 27 de agosto de 2021, identificando recomendacións nas principais guías internacionais para o tratamento da Covid-19 (como as da OMS ou os Institutos Nacionais de Saúde dos Estados Unidos), revisións sistemáticas –destacando unha do Instituto de Saúde Carlos III– e informes de tecnoloxías sanitarias, ademais dos principais estudos clínicos.

Esta análise expoñía que “na actualidade disponse de resultados de dous ensaios clínicos, un nun centro da India e outro en varios de Italia [aos que aluden os defensores do tratamento en España], pero estes mostran diferentes limitacións no seu deseño e execución”. Ademais, segundo os autores, “ofrecen resultados moi pouco precisos sobre a súa relevancia clínica e os posibles danos derivados da terapia, motivos polos que a evidencia dispoñible respecto diso é moi incerta para apoiar o uso deste tratamento”.

Engadía a revisión Cochrane que a calidade dos ensaios analizados sobre a ozonoterapia era “moi baixa” á hora de informar sobre aspectos como a conversión viral de positiva a negativa, os indicadores de progresión e mellora clínica, a mortalidade ou a aparición de eventos adversos.

O informe conclúe que, aínda que exista numerosa literatura sobre os efectos biolóxicos que ten o ozono, por exemplo en enfermidades víricas e pulmonares, ata o de agora son moi poucos os que avalían directamente como afecta os resultados clínicos en pacientes con Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Traballar con cadáveres na ciencia: así funcionan as doazóns en Galicia

Os expertos piden un marco legal específico na materia despois de que saltasen as alarmas pola trama de tráfico ilegal de corpos en Valencia

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Luces e sombras do cribado de cancro de pulmón: “Hai moitos falsos positivos”

O catedrático de Medicina da USC Alberto Ruano cuestiona un procedemento que pode ser moi caro e producir sobrediagnósticos

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios