Os 10.000 pasos diarios son un indicador de saúde moi presente na nosa vida. Moitas aplicacións de benestar e programas de adestramento marcan a cifra como limiar para dar conta dunha boa actividade física. É un número redondo e accesible, pero é realmente a marca que nos debemos propoñer cada xornada? Un estudo publicado a pasada semana e realizado por investigadores estadounidenses postula que, establecendo o limiar nos 7.000 pasos, as persoas que superaban esta cifra tiñan un risco de mortalidade entre un 50 e un 70% menor fronte ás que camiñaban unha menor distancia diaria.
A análise seguiu durante máis de 10 anos unha cohorte de 2.000 persoas, homes e mulleres, de catro cidades dos EUA. O grupo, cunha media de idade arredor dos 45 anos, usaba podómetros que rexistraban o reconto diario de pasos e a súa intensidade. Así, desde 2005 e ata 2018, cando 72 dos participantes xa faleceran, recolléronse os datos dispoñibles.
Os autores do traballo, liderado pola investigadora Amanda Paluch da Universidade de Massachusetts-Amherst, advirten de que se trata dun estudo observacional, polo que non se poden sacar conclusións firmes sobre como o feito de facer 7.000 pasos ou máis mellorou a saúde destas persoas, pero si que pode axudar a identificar vínculos entre os niveis de actividade e benestar dos participantes.
O relevante, din, é que se observou claramente un maior risco de morte prematura nas persoas que camiñaban menos. Non se constatou, con todo, unha diferenza significativa en relación á intensidade do exercicio realizado. E tampouco se detectou unha mellora máis significativa por riba do limiar dos 10.000 pasos. Ademais, na outra banda, as persoas que menos actividade facían tiñan índices máis altos de enfermidade cardiovascular, hipertensión ou diabetes.
Esta nova análise súmase a estudos previos que xa constataban que non era preciso superar a barreira dos 10.000 para que se manifestasen melloras na saúde. Unha análise realizada en máis de 6.300 persoas de ambos sexos e unha media de 57 anos atopou que a partir dos 8.000 pasos o risco de mortalidade prematura era entre un 50 e un 65% menor ca no grupo que camiñaba 4.000.
Con todo, destas investigacións extráese a recomendación de que moitas veces non é tarde para botar a andar e reducir o risco de morte. “Os nosos achados apoian os de estudos previos, o que suxire que aumentar os pasos por día na franxa de poboación menos activa pode supoñer un beneficio fronte á mortandade”, din.
Do mesmo xeito, insisten en que estes resultados “poden ter importantes implicacións clínicas”, xa que “os sistemas de monitorización portátiles están emerxendo como unha ferramenta para a medicina personalizada na prevención e control de enfermidades crónicas”. Deste xeito, “animar ás persoas a acadar novas metas neste sentido é unha boa forma de fomentar a actividade física para unha parte da sociedade”.
Referencia: Steps per Day and All-Cause Mortality in Middle-aged Adults in the Coronary Artery Risk Development in Young Adults Study (Publicado en JAMA Network Open).














