É realmente preciso dar 10.000 pasos todos os días?

Existe a cifra máxica? O autor analiza as investigacións realizadas sobre os beneficios de facer longas camiñadas todos os días

O consello de camiñar canto menos 10.000 pasos ao día é unha mensaxe frecuente para mellorar a nosa saúde. Foto: vjgalaxy/Pixabay.
O consello de camiñar canto menos 10.000 pasos ao día é unha mensaxe frecuente para mellorar a nosa saúde. Foto: vjgalaxy/Pixabay.

* Un artigo de

Os homíninos camiñamos erguidos desde hai uns 4,4 millóns de anos. A ‘zumba’ ou o ‘crossfit’ levan connosco apenas un par de décadas.

A gran variedade de ofertas que existen para practicar exercicio físico, xunto cos anglicismos e termos cool que se coaron na industria do fitness, fannos esquecer que nisto –como en case todo– o máis sinxelo adoita ser o que mellor funciona. Pero claro, non dá diñeiro a ninguén. Ou quizais si?

Desde mediados do século pasado, a investigación científica en campos como a epidemioloxía ou a medicina preventiva tentou responder á cuestión de canto e como ten que moverse o ser humano para mellorar a súa saúde. Unha pregunta, doutra banda, moi relevante hoxe día dado o estilo de vida sedentario que seguen a maioría de homes e mulleres neste planeta.

Fronte a outras formas de actividade física máis complexas e que poden requirir máis tempo, diñeiro ou supervisión especializada, camiñar é –segundo a ciencia– un modo seguro e eficaz de manter a saúde.

10.000: Unha cifra máxica e redonda

Na poboación adulta, o rango máis habitual de pasos é tan amplo que abarca desde 4 000 ata 18 000 ao día. Xusto no medio están os 10.000, esa cifra máxica que tantas veces oímos. Con todo, ninguén debe desmoralizarse por non alcanzar esa cifra redonda. Camiñar menos de 10.000 pasos ao día tamén se relacionou con importantes beneficios para a saúde.

Investigadores do National Cancer Institute e dos CDC dos Estados Unidos publicaron o pasado 2020, na revista JAMA, un estudo lonxitudinal con case 5.000 participantes. Os autores observaron que aqueles participantes que camiñaron 8.000 pasos ao día presentaron un risco de mortalidade por todas as causas un 51% menor, en comparación con quen camiñou 4.000 pasos. E entre aqueles que camiñaron 12.000 pasos ao día, o risco de mortalidade foi un 65% menor.

En 2019, a Escola de Saúde Pública de Harvard xa publicara en JAMA outro estudo lonxitudinal con máis de 15.000 mulleres de idade avanzada (72 anos de media), en seguimento durante algo máis de 4 anos. Os datos revelaron que as mulleres que alcanzaban 4.400 pasos ao día presentaban un menor risco de mortalidade por todas as causas que aqueloutras que camiñaban 2.700 pasos ao día. Cantos máis pasos ao día camiñaban, menor era o risco de mortalidade observado, pero sen apreciarse maiores beneficios alén dos 7.500 pasos ao día.

Unha recente revisión sistemática de 17 estudos lonxitudinais e máis de 30.000 participantes, concluíu claramente que os beneficios para a saúde están presentes por baixo dos 10.000 pasos ao día: camiñar 1.000 pasos adicionais por día axudou a reducir o risco de mortalidade por todas as causas, así como a morbilidade e mortalidade cardiovascular.

Un mínimo de 7.000 pasos

Hoxe en día, case todos dispoñemos dalgún dispositivo portátil con tecnoloxía suficiente para medir os pasos diarios e decenas de indicadores de saúde. É recomendable que prestemos atención a cantos pasos camiñamos ao día, e que tentemos alcanzar como mínimo os 7.000. E cando os academos, seguir avanzando ata os 10.000. E logo buscar os 12.000.

O importante é que, sexa cal for a cifra, non deixemos de sumar pasos. Para aquelas persoas que son moi sedentarias ou que sofren sobrepeso ou obesidade, mesmo aumentos diarios moi moderados poden achegar importantes beneficios para a saúde, tales como camiñar 2.000 pasos ao día por riba do habitual.

Non en balde, a OMS elixiu para as súas recentemente publicadas recomendacións de actividade física o lema: “Calquera movemento conta”. Porque, en efecto, calquera pequeno xesto que interrompa o tempo que pasamos sentados será beneficioso para a nosa saúde.

E se o facemos en contacto coa natureza, os beneficios son aínda maiores. Porque nos conecta co que de verdade somos. Ou seica esquecemos que a natureza non nos deseñou para pasar 12 horas ao día sentados fronte a unha pantalla?

Nin sequera quen traballo fronte ao computador temos escusa, pois isto xa se pode facer de pé (busque standing desk) ou mesmo camiñando (búsquese office fitness desk walker).

Tamén é bo para o peto

Ao principio deste artigo lanzabamos a pregunta de se camiñar podería supoñer un beneficio económico para alguén. A resposta é clara e contundente: si, para todos nós. Empezando polos nosos sistemas de saúde públicos.

Estímase que ser fisicamente activos podería supoñer un incremento do PIB de arredor do 0,15% – 0,24% por ano. Pola contra, a obesidade suponlle a España un sobrecusto directo do 2% anual e dun 58% para 2030.

É innegable, pois, que se fai camiño ao andar. Espero que non lese este artigo sentado. E se foi así, intente saír agora, canto menos, 5 minutos a camiñar. Se é posible, ao aire libre.


Enrique García Artero é secretario do Centro de Evaluacion y Rehabilitacion Neuropsicológica (CERNEP) da Universidad de Almería. 

Cláusula de divulgación: o autor recibe fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación, da Agencia Estatal de Investigación (AEI), do Plan Andaluz de Investigación (PAIDI) e do Plan Propio de Investigación e Transferencia da Universidade de Almería.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.