Xoves 22 Xaneiro 2026

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

A Xunta publicou este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que entrará en vigor o 7 de marzo. Esta norma, pioneira no Estado, prohibirá a venda e o consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores aos menores de idade. É dicir, equipara estes dous produtos ao tabaco e ao alcol a nivel de restricións.

Cigarros electrónicos e tabaco

Segundo explican dende a Xunta, as medidas recollidas na lei fundaméntanse na evidencia científica e nos resultados da enquisa Estudes, elaborada polo Ministerio de Sanidade. Os datos do informe de 2025 revelaron que o 41,4% dos adolescentes de entre 14 e 18 anos probou algunha vez os vapeadores. En concreto, o 40,3% das rapazas e un 42,5% dos nenos. Pola contra, o consumo de tabaco é notablemente inferior, ao rexistrar un 29,2% no mesmo grupo de idade. Entre os 14 e os 18 anos, o uso tanto de vapeadores como de tabaco é lixeiramente maior nas mulleres.

Debido a que os cigarros electrónicos conteñen elementos tóxicos aínda sen ter nicotina, a lei prohibe a súa venda e consumo a menores. Amplíase, ademais, a prohibición de fumar nos accesos de centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar nun radio de 50 metros. Para reducir o número de fumadores pasivos tampouco estará permitido fumar nas marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público.

Riscos das bebidas enerxéticas

As bebidas enerxéticas que conteñen 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen aproximadamente a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores. No seu caso, inxestións superiores a 60 mg poden afectar o sono e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamento, ademais de trastornos cardiovasculares.

Publicidade

Por este motivo, Galicia será pioneira a nivel nacional na súa prohibición de venda e consumo por parte de menores, unha medida que tomaron polo de agora países europeos como Polonia ou Letonia. Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos.

O consumo destas bebidas é habitual entre a xuventude, e tamén mesturadas con alcohol, o que incrementa os riscos de coma etílico. Neste sentido, a Consellería de Sanidade establece que os servizos sanitarios solicitarán a presenza das familias do menor que teña que ser atendido por intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva proporcionándolle asesoramento e recursos de axuda preventivos e asistenciais. No suposto de que sexa atendido por segunda vez, ofreceráselle participar nun programa de axuda e recomendarase a participación do adulto responsable.

Venda e consumo de alcol

Con respecto ao alcohol, a Lei incide no papel de exemplo cara á infancia que teñen os adultos e non estará permitida a venda en centros docentes, centros de lecer infantil e outros centros de recreo dirixidos a menores ou en recintos destinados a espectáculos públicos durante actividades dirixidas a este tipo de audiencia. Tal e como xa recolle a Lei do Deporte de Galicia, de 2012, non está permitida a introdución, venda e consumo de bebidas alcohólicas nas instalacións onde se desenvolven competicións deportivas.

En canto á promoción de bebidas alcohólicas, queda prohibida en establecementos onde estea autorizado o consumo no propio local mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado. Tampouco estará permitida a publicidade de bebidas alcohólicas nin enerxéticas na vía pública nunha área de 100 metros de centros docentes e de centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de menores de idade. Ademais, as máquinas expendedoras só poderán ofrecer bebidas alcohólicas cando dispoñan de sistemas que permitan acreditar a maioría de idade.

Centrada na promoción da saúde

A lei incorpora como novidade a posibilidade de substituír as sancións pola participación en programas preventivos ou asistenciais como, por exemplo, programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos de beber alcohol, fumar ou consumir cánnabis ou, tamén, traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora.

En liña coas suxestións recibidas por parte de organismos públicos, empresas dos sectores implicados, entidades sen ánimo de lucro e cidadanía, o texto promovido pola Xunta incide na prevención no ámbito familiar, escolar, comunitario e sanitario. En concreto, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos incorporaranse intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías dixitais.

No referente ás competencias das distintas administracións, a Lei define as mesmas competencias para os entes locais que as establecidas na Lei de 2010 de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores e que foi pioneira a nivel estatal cando se permitía beber viño ou cervexa con menos de 18 anos.

Para garantir a coordinación institucional, crearase unha comisión en materia de prevención das adiccións en Galicia que estará integrada por responsables das áreas da Xunta competentes en materia de sanidade, educación, xogo, xuventude e protección da infancia, ademais das administracións locais e entidades sociais que realizan o seu labor no ámbito da prevención das adiccións, cos que se prevé asinar convenios de colaboración.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Respirar o fume dos incendios xa é un problema emerxente de saúde pública

Estudos recentes mostran que a exposición prolongada ou intensa aumenta a mortalidade, eleva os ingresos hospitalarios e xera riscos en colectivos como os bombeiros

En que gastan os galegos? Así se reparte o seu diñeiro segundo o INE

O Instituto Nacional de Estatística posiciona Galicia entre as comunidades con maior investimento en alcol e tabaco, sanidade e cultura, por encima da media estatal

Seis consellos de Europa ante a epidemia de gripe: “Non esperes a vacinarte”

A enfermidade respiratoria entra en fase de epidemia de forma máis temperá do habitual e Galicia xa rexistra 223 ingresos nunha semana

Os numerosos beneficios para a saúde que nos ofrece o peixe a un baixo custo climático

O alimento mariño resulta unha fonte accesible de nutrientes esenciais que impulsa o benestar físico e apoia á sostibilidade