Unha alfombra rosada esténdese aos pés dos bañistas. Un manto brillante que non só rechama pola súa cor, senón tamén polo seu cheiro. Un forte olor a ovos podres interrompe a temporada de baño na praia de Adro, en Bouzas. Foi no verán de 2019 cando se deu conta dunha curiosa proliferación de bacterias púrpuras. Dous anos despois, investigadores do Instituto Oceanográfico de Vigo (IEO) e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do CSIC publican un estudo na revista Microbiology Spectrum no que analizan estas bacterias, que pese á súa cor non teñen ningún tipo de risco para a saúde.
“Son unhas manchas rosas que aparecen en verán en zonas onde hai moita materia orgánica. Sobre todo, en espazos con lodo e con moitos restos de algas”, explica o investigador do IEO e coautor do estudo Francisco Rodríguez. Todos eses refugallos vanse descompoñendo e aí é onde se forman as comunidades de bacterias púrpuras do azufre. “Elas fan a fotosíntese, pero en condicións de pouco osíxeno. Están nunha capa superficial e usan os sulfuros para facer esa mesma fotosíntese. Por iso desprenden un cheiro semellante ao dos ovos podres”, engade o investigador.
Coñecida para os bañistas
Malia a intensidade da súa cor, non son perigosas. Aínda que aos nosos ollos poidan parecer filamentos extraños, de rosa moi brillante, non hai que terlles medo. É habitual que se acumulen durante o verán e que permanezan nesas zonas intramareais durante semanas. Na praia de Adro, esta curiosa alfombra de bacterias xa é unha vella coñecida entre os bañistas. “Son habituais no areal de Bouzas. Ocorren todos os anos, algúns con máis intensidade e outros con menos. De feito, na foto que a praia ten no Google Maps aparecen estes mantos rosas”, indica Rodríguez.
O investigador non coñecía este tipo de proliferación de bacterias púrpuras ata que comezou a traballar, xunto a outros compañeiros, no estudo que acaba de saír publicado en Microbiology Spectrum. Segundo afirma, non hai demasiadas investigacións ao respecto, aínda que si son coñecidas entre a comunidade científica. De feito, Rodríguez sinala que xa hai algúns estudos publicados en Francia. “Pode que tamén as haxa noutras zonas de Galicia. Dise que tamén se poden ver en zonas do interior das rías e que as manchas adoitan ser máis pequenas”, apunta Rodríguez. Polo tanto, é unha proliferación de bacterias que xa é coñecida, pero non habitual.
Proliferación durante o verán
Outro punto a salientar é que este manto rosa non ten nada que ver coa contaminación. Obsérvase en zonas onde se retira a marea e prodúcese de maneira natural, facendo a súa aparición en espazos limpos. Amais disto, a época do ano na que son máis habituais é durante o verán. “Hai máis luz, as temperaturas son máis altas e chegan máis restos de materia orgánica que se vai descompoñendo”, indica Rodríguez.
A praia de Bouzas talvez non sexa a única protagonista desta proliferación tan curiosa. Unhas bacterias que forman parte do reciclado de nutrintes dos sedimentos. É dicir, que participan nun proceso de reciclaxe natural. “Aproveitan a luz e os sulfuros e conseguen cohesionar o sedimento porque xeran como unha especie de moquillo”, explica o investigador do IEO. Haberá que esperar ao próximo verán para ver o areal de Adro e comprobar se se volve tinguir de rosa. Sabendo que, se te bañas, estarás rodeado dun manto brillante. Iso si, cun cheiro pouco agradable.
Referencia: Microbial Community Composition during a Bloom of Purple Bacteria in Intertidal Sediments in Vigo (Northwest Spain) (Publicado en Microbiology Spectrum).
Artigo moi interesante
e chegan máis restos de materia orgánica que se vai descompoñendo…?
esa materia orgánica podería ser froito da EDAR do Lagares que lanza ao emisario submariño restos sen depurar e regresan á ría co vento do sur ?