Unha marea vermella tingue o litoral da ría de Vigo

Provocada pola concentración de Noctiluca scintillans, tamén é responsable dos fenómenos de mar de ardora rexistrados nos últimos días

En datas recentes observáronse mareas vermellas non tóxicas nas Rías de Vigo e Pontevedra cun ton alaranxado intenso, que resulta moi espectacular cando se acumulan na beira das praias. O organismo responsable destas mareas é un dinoflaxelado heterótrofo inocuo, Noctiluca scintillans, que posúe unha limitada capacidade de movemento e desenvolve proliferacións de forma habitual durante o verán nas rías galegas, especialmente entre xullo e setembro.

Estes organismos dispérsanse coas correntes superficiais e durante esta época as condicións ambientais (estabilidade e maior temperatura) e a abundancia de alimento (plancto) producen que as súas poboacións medren ata o punto de tinguir a auga de mar.

Publicidade

O seu tamaño adoita roldar entre 0,5-1 mm e poden verse a primeira ollada como bolitas diminutas que flotan na auga. Posúen un único flaxelo de gran tamaño e no interior aprécianse a miúdo os restos de presas das que se alimenta: toda clase de microorganismos planctónicos, incluíndo fitoplancto (diatomeas, outros dinoflaxelados, etc) e microzooplancton. Non é tóxica nin realiza fotosíntese, pero si contén compostos alaranxados (carotenoides) que dan cor ás súas proliferacións.

Noctiluca scintillans é unha especie cosmopolita en latitudes baixas e medias. Noutras rexións do mundo as proliferacións de Noctiluca poden ter cores rosáceas e mesmo verdes, debidas estas últimas a microalgas verdes que viven no seu interior.

Publicidade

VÍDEO. Así corusca a ardora no mar de Carnota

“Noctiluca non expón ningún risco para a saúde pública”, sinala Francisco Rodríguez, investigador do Departamento de Fitoplancto Tóxico e Mareas Vermellas do Centro Oceanográfico de Vigo, “aínda que nalgún caso describiuse sensación de proído leve na pel asociado á liberación de amonio na auga durante as súas proliferacións”.

A súa característica máis interesante, e que comparte con outros xéneros de dinoflaxelados, é a bioluminiscencia, que resulta especialmente intensa en Noctiluca debido ao seu tamaño. Tamén coñecida como “mar de ardora”, consiste en escintileos de luz que se activan por axitación mecánica.

A vibración activa nas células impulsos eléctricos que provocan unha diminución do pH nos centellones (orgánulos celulares esféricos), que activa a luciferasa e libera a luciferina, a cal sofre unha oxidación na que se producen fotóns azulados en Noctiluca (λ=475 nm). “Durante a noite observouse unha intensa ardora, dado que as células non se dispersaron demasiado e podía verse aínda cor na auga á noitiña”, sinala Francisco Rodríguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie

Que é a ‘Dinophysis acuminata’? A microalga que motiva o peche das bateas galegas

A alta concentración de biotoxinas que resultan do sobrecrecemento destes organismos provoca o fenómeno coñecido como marea vermella

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

Detectan en Galicia dous novos rexistros de peixe bóla asociados á tropicalización do océano

Un estudo liderado polo Centro Oceanográfico de Vigo confirma a aparición de dúas especies pouco frecuentes nas augas do sur galego