O sol avermellado e a cor alaranxada dos ceos de Galicia nestes últimos días non é un mal augurio, é unha evidencia. A metade norte de Portugal está a vivir unha traxedia semellante á de 2017, cunha vaga de incendios tan intensa como catastrófica. A estela de destrución que deixan os lumes, que comezaron a pasada fin de semana, é arrepiante: sete mortos, máis de 40 feridos e máis de 140.000 hectáreas queimadas. Esta última cifra continuará aumentando nos próximos días, dado que hai 94 incendios activos, segundo informan medios portugueses. Esta traxedia incendiaria agrávase co cambio climático: “Estamos vendo en Portugal o que imos ver en Galicia”. Unha predición que o enxeñeiro de montes Juan Picos, investigador na Universidade de Vigo (UVigo) e un dos grandes expertos galegos no comportamento do lume, compartiu en varios medios de comunicación.
“A situación de Portugal era, en certa medida, agardable. Os grandes incendios teñen memoria”, lamenta. O certo é que os lumes que asolan o país veciño están arrasando sobre o arrasado. É dicir, sobre a destrución causada durante a traxedia incendiaria de 2017 e, máis anteriormente, sobre o ardido en toda a costa atlántica en 2006. “Seguen os mesmos patróns. Os grandes incendios de onte son os pais dos grandes incendios de mañá”, advirte Picos. O investigador da UVigo explica que unha zona na que se produciu un lume extremo de comportamento catastrófico ten unha maior probabilidade de volver sufrir unha situación semellante no futuro. Está avalado pola ciencia. O que aínda non se pode predicir é o tempo de recorrencia.
Por que arde sobre o ardido?
A experiencia de 2017 serviu para poñer sobre a mesa os motivos polos que se producen estes lumes extremos. Segundo Picos, hai tres motivos fundamentais e o primeiro deles ten que ver co comportamento das persoas. Cando se produce un incendio de gran intensidade e destrúe montes, explotacións agrícolas e todo o que atope ao seu paso, a probabilidade de que se abandonen esas terras é maior. “Estiven coidando árbores, vin como arderon e non quero volver plantalos. Se esa zona non se traballa, vai ser máis vulnerable ao lume”, teoriza o experto.
O segundo factor que alimenta os grandes incendios é, precisamente, a forma na que se rexenera a vexetación. Cando un territorio queda completamente arrasado, todo o que alí medre vaino facer ao mesmo tempo e, polo tanto, vai quedar unha zona moi homoxeneizada. É dicir, non haberá árbores nin matogueiras de distintas idades coma antes. De novo, canto máis parecida sexa esa vexetación, máis vulnerable será o territorio a ser vítima doutro incendio forestal de alta intensidade.
En terceiro e último lugar, os grandes lumes como os que está a vivir Portugal tamén son potentes fenómenos erosivos. “Degradan o solo, que acaba perdendo materia orgánica e, polo tanto, tamén ve mermada a súa capacidade de retención de auga”, expón Picos. Polo tanto, a historia vólvese repetir: a terra é moito máis susceptible a sufrir unha seca extrema, non é capaz de reter tanta auga coma antes e, polo tanto, convértese nun punto extremadamente vulnerable á acción devoradora dos lumes.
A acusada falta de humidade
Este último factor mencionado por Picos está intimamente ligado cun dos grandes impulsores dos lumes de alta intensidade: a falta de humidade. De feito, o experto indica que as altas temperaturas non son tan determinantes: “A selva de Camboia está a 35 graos pero ten un 90% de humidade. Por moito que queiramos, iso non arde”. A incapacidade do solo de reter auga, xunto a unhas condicións climatolóxicas adversas —como o forte vento de secante que está a complicar os labores de extinción— crean o escenario ideal para a destrución. A isto só habería que sumar unha gran cantidade de combustible morto, como as ramas secas. A partir de aí, unha chama, sexa intencionada ou non, desata o desastre.
Outro dos motivos polos que Picos cre que a situación que está a vivir Portugal é agardable débese a que setembro adoita ser a tempada máis características dos grandes incendios. “O combustible morto está dispoñible e o vivo ten moi pouca humidade porque leva vivindo todo o verán na reserva. En agosto choveu moi pouco”, incide o investigador da UVigo. Entre a falta de auga e a acción do vento, é relativamente fácil que se encendan focos secundarios. Así é como se produce esa reacción en cadea que está a sufrir Portugal. Despois disto, o incendio medra moi rapidamente, vólvese inmenso e os medios humanos xa non son capaces de contelo. Só queda perimetralo, di Picos, e agardar a que as condicións meteorolóxicas —que cambiarán esta fin de semana— faciliten a extinción.
Cando rematarán os incendios en Portugal?
A previsión de choiva será a que, precisamente, alivie as extremas condicións de temperatura, vento e humidade que está a sufrir o país veciño. “Esta crise ten data de caducidade. Probablemente esta fin de semna, cando mude o tempo. As circunstancias meteorolóxicas actuais fan moi difícil o traballo, pero acabarán pasando”, sostén Picos. O enxeñeiro de montes advirte que de aquí á fin de semana aínda se poden desencadear situacións moi extremas e perigosas: “Isto é como unha tirada de dados. A partida vai seguir e nalgún momento vainos tocar a nós”. Galicia, dende logo, non semella que vaia ser unha excepción.
Unha década, 30.000 lumes
O equipo de Juan Picos na Universidade de Vigo, dende onde lideran o proxecto europeo FIREPOCTEP en colaboración con Portugal, tratan de estudar o comportamento do lume para adiantarse ás súas demoledoras consecuencias. Segundo o seu estudo estatístico, pódese comprobar como os incendios de alta intensidade repítense cada cinco ou nove anos. As vagas máis recentes foron as de 2022, 2017 e 2006. “Esta lotería volverá. Ogallá saber cando e onde”, lamenta Picos.
Co obxectivo de predicir da forma máis precisa posible a ocorrencia destes eventos extremos, o equipo da UVigo analizou 30.000 incendios producidos en Galicia entre 2010 e 2020. A conclusión á que chegaron é que só 34 deles supuxeron un terzo de toda a superficie queimada. Se esa cifra ascende a 66, serían os responsables da metade das zonas ardidas nesa década. “O 0,02% dos incendios son os que rompen todas as estatísticas. Ademais, son eventos cunha probabilidade descoñecida e, por tanto, é moi difícil prepararnos”, sostén. A clave está en seguir investigando, estudar ben o comportamento dos lumes extremos de Galicia e Portugal e, talvez, atopar as claves que permitan predicir a súa virulencia.
Desaparición do gando menor
Picos lamenta o abandono de terras que está a sufrir Galicia, dado que a intervención do territorio é unha das mellores maneiras de prever os catastróficos danos estes eventos extremos. Máis alá da acusada falta de persoas que coiden as terras de maneira individual, tamén desapareceu o gando menor. É dicir, as cabras e as ovellas dos campos galegos que axudaban a manter a vexetación en orde. “Non facían prevención pero si deixaban un terreo preventivo. Agora hai que pagarlle a alguén para que o faga e o custo de xestionar todo o territorio galego é enorme. A alternativa, por tanto, é intervir naquelas zonas nas que poidamos ser máis eficaces para a prevención dos lumes”, recalca Picos.
A latente ameaza climática
A outra cara da moeda tamén é evidente: o cambio climático. Ante iso, como afirma Picos, pouco se pode facer á hora de prognosticar os incendios de alta intensidade. “Probablemente iremos a peor. Ao mellor acumúlanse máis días de nordés ou con menos precipitación ao ano”, indica. Ante este escenario incerto a capacidade de actuación é limitada, pero non así a de prevención. Para iso, a receita sería conseguir unha vexetación máis diversa, unha menor acumulación, unha maior actividade gandeira e forestal… En resumidas contas: “Debemos intervir no territorio se queremos desactivar as bombas”.
Aínda que Picos considera que tanto en Galicia como en Portugal hai unha maior preparación para afrontar os incendios de alta intensidade, as estruturas humanas, sociais e climáticas son “moi complexas”. Como el vaticina, o clima que teñen agora no centro de Portugal chegará a Galicia. E esta evidencia debería servir como revulsivo para estar aínda máis preparados ante o que está por vir. De igual modo, os países centroeuropeos tamén verán como as súas condicións climáticas se volven máis extremas. Por tanto, os lumes de alta intensidade xa non serán exclusivos do sur de Europa. “Nunca tiveron incendios e a súa capacidade de actuación será incluso máis baixa que a nosa. Nós seremos como o pantasma do pasado no conto de Dickens”, lamenta Picos.
Un espertar
Scrooge, o arrogante protagonista de Conto de Nadal, odiaba tremendamente esa época do ano. Tiveron que visitalo os pantasmas para meterlle medo e facelo reflexionar sobre a súa vida. Os lumes talvez sexan o Nadal e Scrooge unha sociedade que, lentamente, ve como esperta a súa conciencia sobre eventos extremos que segan vidas humanas e arrasan centos de miles de hectáreas. Se alguén ollou o sol avermellado de Galicia estes días e pensou que era un mal augurio, talvez estaba no certo. Ese sol, ese ton alaranxado e ese fume dos incendios de Portugal son, en realidade, os verdadeiros pantasmas de Scrooge. Un prognóstico, tamén unha evidencia, do que Juan Picos advirte dende a ciencia: “Volverá pasar”.