Podcast | Identificar corpos con IA: a necesaria revolución da ciencia forense

O novo episodio de O Descodificador conta coa participación do investigador do CITIC Óscar Ibáñez Panizo

A antropoloxía forense é unha disciplina manual e precaria dende o punto de vista tecnolóxico. Na meirande parte das universidades e dos centros de medicina legal aínda se empregan “ferramentas doutro século”. Así o describe o investigador Óscar Ibáñez Panizo, do CITIC, cuxas liñas de investigación sobre intelixencia artificial están enfocadas ás ciencias forenses. “Automatizar e simplicar tarefas, dotalas de maior obxectividade, incluso automatizalas. No ámbito da antropoloxía e odontoloxía forenses o aforro de tempo é moi claro”, explica o científico no novo episodio de O Descodificador, o podcast de GCiencia en colaboración co CITIC.

Unha das investigacións nas que participou Ibáñez Panizo foi a identificación dos líderes dun levantamento contra o imperio ruso no último terzo do século XIX. Para iso empregouse a técnica da superposición craniofacial, na que traballaron con 19 cranios escaneados en 3D e 12 fotos de 11 candidatos diferentes. “É unha técnica cuns fundamentos moi sólidos e que se leva empregando case 100 anos. Co tempo fóronse aplicando as novas tecnoloxías e, de feito, eu empecei a miña tese doutoral neste ámbito en 2008”, relata o investigador do CITIC.

Publicidade

Centos de miles de persoas sen identificar

Hai contextos históricos máis próximos, como o da Guerra Civil, na que se podería utilizar esta técnica e outras baseadas na intelixencia artificial. De feito, en España hai 100.000 persoas non identificadas en foxas comúns da contenda, segundo as estimacións das Nacións Unidas. “Son datos moi vergoñentos. Mentres que outros países se puxeron mans á obra en canto remataron as súas ditaduras, en España tardamos 60 anos en facelo e aínda hoxe se poñen moitas trabas. Esta foi unha das miñas principais motivacións pero non hai un apoio tecnolóxico nin institucional real; nin a IA, moitas veces, está o suficientemente desenvolvida”, lamenta Ibáñez Panizo.

Pero máis alá dos contextos históricos, a intelixencia artificial aplicada ás ciencias forenses pode axudar na identificación de corpos trala súa desaparición a causa dos desastres naturais. Por exemplo, aínda hai 160.000 persoas non identificadas despois do terremoto que asolou Haití en 2010. Segundo defende Ibáñez Panizo, nestes casos é inviable facer unha comparación un a un, como se adoita facer habitualmente. Polo tanto, aquí a intelixencia artificial sería de gran utilidade para a comparación en masa. O exemplo que pon o investigador do CITIC é o tsunami do Índico, para o que se empregou un software que permitiu relacionar unha gran cantidade de información —como, por exemplo, as fichas dentais dos desaparecidos segundo a súa historia clínica— en pouco tempo.

Publicidade

Dende A Coruña

“Cheguei á Coruña con moitas ganas de dar un pequeno salto en canto a novos retos científicos. Por primeira vez traballo con xenetistas, informáticos, arqueólogos… A idea é incorporar a xenética porque, sen dúbida, é onde máis recursos e posibilidades hai dentro das ciencias forenses”, expón o investigar en relación ao seu traballo no CITIC. Traballan, por exemplo, con datos xenéticos e observacións macroscópicas e de imaxe para aplicar a ámbitos concretos, como pode ser a estimación legal de menores. Tamén están a investigar técnicas de xenotipado facial.


Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: 

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podcast | Así se predí un gromo de artrite reumatoide con intelixencia artificial

O novo episodio de O Descodificador conta coa participación das investigadoras do CITIC Blanca Monroy e Amalia Jácome

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación