A Xunta de Galicia puxo en marcha o procedemento que permitirá que 2.600 persoas maiores de 16 anos obteñan a nova certificación que acredite os seus coñecementos dixitais, de acordo co Marco Galego de Competencias Dixitais adaptado ás esixencias da Unión Europea (UE). A convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a principios de setembro e os exames para estas primeiras prazas realizaranse en dúas quendas, a finais de outubro e novembro, respectivamente.
Trátase da acreditación máis básica das previstas no Marco Galego de Competencias Dixitais (ComDix-Iniciación) sobre coñecementos en 21 competencias agrupadas en cinco áreas de dominio: información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e privacidade, e contorna dixital e solución de problemas.
Os exames consistirán en cuestionarios de entre 60 e 70 preguntas de tipo test e será necesario responder ben ao 70% do total e a un 60% das preguntas referidas a cada área de dominio.
O ComDix, que substitúe ao antigo CODIX (Certificación Galega en Competencias Dixitais en Ofimática), ten como obxectivos motivar a cidadanía para a aprendizaxe e manexo das tecnoloxías da información e dotar as entidades públicas e privadas provedoras de emprego dun mecanismo para avaliar obxectivamente os coñecementos dixitais das persoas que se incorporen ás súas organizacións.
Inscrición nas aulas CeMIT
As persoas que o desexen poden xa inscribirse a través de calquera das 94 aulas da rede CeMIT repartidas por toda Galicia. A convocatoria contempla dúas probas de avaliación independentes, que se celebrarán os días 23, 24 e 25 de outubro e o 20, 21 e 22 de novembro, con dous prazos de inscrición. Desta forma as persoas que non resulten seleccionadas na primeira edición poderán optar á seguinte convocatoria.
A Xunta pon ao dispor das persoas aspirantes contidos formativos en liña a través da plataforma de teleformación da rede CeMIT, así como cursos específicos, como os que forman parte da iniciativa #FormaciónDixital, que se porá en marcha proximamente.
A nova certificación aplica o decreto aprobado polo Consello de la Xunta a finais de 2021 que regula o Marco Galego de Competencias Dixitais. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en adaptar a súa realidade ao Marco europeo na súa versión máis recente (European Dixital Competence Framework – DigComp).