“A xestión forestal de Galicia non se entende sen falar primeiro da industria da celulosa”, explica Eduardo Corbelle, investigador do grupo Te-Bio (territorio e biodiversidade) da USC e un dos autores do duro informe que o Consello da Cultura Galega publicou recentemente sobre o impacto do proxecto Gama no territorio. En concreto, este enxeñeiro avaliou a influencia que Altri tería sobre a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galicia. E móstrase así de tallante: “No momento actual, en Galicia, non hai madeira para abastecer o proxecto. Isto só nos deixa dúas solucións: ou a traes de fóra, ou plantas máis eucalipto“.
Ambas opcións, conta, irían en contra do novo Plan Forestal de Galicia, o cal amosa a necesidade de non aumentar a actual masa forestal de eucalipto, que xa representa o 30% da totalidade, e idealmente, reducila. No informe, Corbelle sinala que os datos achegados por Altri para xustificar o desenvolvemento dunha nova celulosa na comunidade parecen, “dun xeito interesado, inexactos”. Afondamos no como e nos por que coa axuda deste experto, pero antes, para entender o presente, imos viaxar ao pasado, xusto cando todo comeza.
A promesa dunha nova industria
É difícil imaxinar Galicia sen eucalipto, mais a comezos do século XX o noso territorio era completamente distinto. Cuns montes desarborados, e adicado a unha gandería e unha agricultura de carácter minifundista. Aínda así, subliña no seu informe Corbelle, “as perspectivas de elevada produtividade enseguida permitiron aos técnicos forestais e aos responsables da política industrial identificar o noroeste da Península Ibérica como a área destinada a ser unha das principais fornecedoras de madeira para o conxunto de España”. E puxéronse mans á obra. Así comezou a planificación do terreo en Galicia, un medio para chegar a un fin.
Inicialmente pensouse no piñeiro como materia prima para facer a pasta de celulosa, pero nalgún momento, froito do azar, aparece o eucalipto e implántase en Galicia. O investigador, acostumado a traballar con datos, di que cada vez lle custa máis crer nas casualidades. Así, plantéxase a posibilidade de ter unha industria adicada á celulosa, e todo encaixaba: tiñamos o clima ideal das zonas costeiras e unha madeira para alimentala. Unha madeira, a do eucalipto, de crecemento moi rápido, se a comparamos con outras árbores autóctonas. Que foi primeiro, entón, a galiña ou o ovo?
Primeiros pasos
Ao principio houbo moita oposición veciñal, e os primeiros proxectos non prosperaron. Porén, neste punto da historia compre sinalar un aspecto importante, di Corbelle: “As comunidades de montes foron negadas sistematicamente polas leis do Estado ata moito despois“. O resultado é a división do terreo en pequenas parcelas de explotación individual, o cal, sumado á complicada orografía galega, dificulta pensar noutras alternativas para sacar un rendemento económico semellante ao do eucalipto.
A chegada da ditadura e a consecuente aparición doutros problemas diarios cos que lidar axudaría a mudar de a poucos o terreo, implantando unha maior masa forestal de eucalipto. No ano 1962 instálase o primeiro proxecto efectivo dunha industria de celulosa en Galicia, o cal sigue vixente a día de hoxe: a planta de Ence en Lourizán (Pontevedra).
E da década dos anos 60 viaxamos ata a actualidade: en pouco máis de medio século, Galicia converteuse no principal responsable das cortas de eucalipto en España: entre o 70% e o 90% provén da comunidade, e a porcentaxe restante divídese entre os territorios de Asturias e Cantabria. Neste medio século, Galicia incrementou a súa área arborada nun 40%: “Non obstante, o volume de cortas no mesmo período multiplicouse por dez”, sinala Corbelle.
A xustificación dun novo proxecto, “inexacta”
Para estimar as necesidades de madeira que tería a nova celulosa, o experto recorreu á información da Memoria de proxecto básico, un documento obrigatorio para acadar a autorización ambiental por parte da Xunta. Segundo os datos amosados pola propia empresa, o consumo da planta podería chegar aos 2,28 Mm³cc/ano. Unha cifra que, se cadra, non di moito.
Ímolo ver doutro xeito, tal e como explica Corbelle no informe: “Esa cantidade de madeira supón case un terzo do volume de cortas deste grupo de especies en España e case a metade do consumo de eucalipto por parte do sector de pasta de celulosa actualmente en activo”.
Un dos aspectos que máis chamou a atención do investigador é unha das principais xustificacións da empresa para implantar unha nova celulosa: dar saída a unha materia prima que non ten mercado interior en Galicia e que, finalmente, expórtase a outros territorios.
Na súa memoria, Altri afirma que “2,4 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto estanse vendendo como troncos, cada ano, fóra da comunidade. Esta planta vai consumir 1,2 millóns, aproximadamente a metade desa cantidade”. Segundo Corbelle, a información aportada pola empresa semella ser, dun xeito intencionado, inexacta, tendo en conta que a empresa emprega nalgunhas partes da Memoria datos dun xeito indistinto, como o volume de madeira sen casca ou con casca sen facer ningún tipo de conversión: “Tamén nos fala moito máis do que a planta consumiría na súa fase inicial, cando o realmente importante é o consumo final, moito maior”.
A exportación é cruzar o Eo
No informe do CCG suponse que a meirande parte do produto non procesado en Galicia vai, presumiblemente, cara a planta de Ence en Navia, a 30 quilómetros de distancia de Ribadeo (Lugo), e cara o norte de Portugal: “Non sei se lle podemos chamar exportación a isto, xa que, en esencia, é madeira que cruza o río Eo para ser consumida no outro lado. Tampouco se podería dicir, entón, que este produto non ten un mercado na actualidade”. O mesmo ocorre no caso de Portugal, o país veciño que, ademais, ten unha moratoria para diminuír a presenza do eucalipto nos vindeiros anos, o cal levará, o máis seguro, a un aumento da importación de madeira desta especie para dar continuidade á produción das súas pasteiras.
Non hai datos oficiais sobre a orixe da madeira que se procesa en Asturias, mais as cifras cadran: “Sabemos que o consumo da planta de Navia foi de 2,4 Mm³cc/ano en 2021, e que o volume total de cortas en Asturias e Cantabria non chegou a 1 Mm³cc ese mesmo ano, co que, por forza, algo máis de 1,3 Mm³cc/ano ten que proceder de Galicia“.
As vías para satisfacer á nova celulosa
Como se podería, entón, dar resposta ao incremento da demanda que conlevaría unha nova planta de celulosa en Galicia? Segundo o informe do Consello da Cultura Galega, parece que só tres vías ou unha combinación delas serían posibles: “A importación de madeira desde terceiros países situados alén do océano Atlántico, o incremento do volume de cortas mantendo constante a superficie actual ocupada por masas de eucalipto, ou un aumento da superficie ocupada por este grupo de especies”. Imos, agora, por partes.
A importación de madeira procedente de América Latina é unha posibilidade moi real, explica Corbelle. Porén, a principal xustificación esgrimida por Altri, dar saída a un produto —o eucalipto galego— que non ten un mercado final, deixaría de ter sentido. Ademais, teríamos que ter en conta que a importación a través do comercio marítimo encareceuse nos últimos anos, e que na actualidade distintos países de América Latina teñen as súas propias pasteiras, que actuarían como competencia do proxecto en terras galegas.
15 anos sen actualizar datos
Sobre a posibilidade de incrementar o volume de cortas anuais, Corbelle sinala que “é algo co que se ten especulado en datas recentes”. O fundamento deste argumento reside nos datos do Inventario Nacional Forestal (IFN4), que asegura que o volume de madeira de eucalipto extraído cada ano en Galicia era “sensiblemente inferior ao incremento de volume anual das masas de eucalipto“.
É certo: a taxa de aproveitamento desta especie sitúase preto do 65%, mais este informe fíxose hai 15 anos. O máis seguro, di Corbelle, e que estes datos non sexan aplicables á realidade de hoxe. Ademais, compre sinalar que hai unha porcentaxe de eucaliptos que non se corta porque é economicamente pouco viable facelo: por iso, non é posible chegar a un aproveitamento total da masa arbórea de eucaliptais en Galicia.
Segundo outros estudos amosados no informe, como o do IFCG (Inventario Forestal Continuo de Galicia), o volume de corta por unidade de superficie ocupada por eucalipto é hoxe superior ao que o IFN4 dicía que se podería cortar naquela altura.
Medidas contrarias ao Plan Forestal de Galicia
Quedaría, por último, outra opción: aumentar a masa forestal actual de eucaliptos na comunidade: “É probable que non exista marxe para aumentar de maneira significativa o volume de cortas deste grupo de especies sen aumentar a área que ocupan”, sinala no informe Corbelle.
Segundo os seus cálculos, para satisfacer as necesidades da nova pasteira serían necesarias entre 80.000 e 190.000 ha adicionais de E. nitens, unha especie de eucalipto que ten unha maior facilidade para sobrevivir por enriba dos 500 metros de altitude sobre o nivel do mar: “Como ves, é unha forquilla bastante grande, mais todo dependería da calidade de estación (cualidades de solo e clima) dos lugares onde a plantación tivera lugar”, reflexiona o experto.
Isto iría en contra do actual Plan Forestal de Galicia, o cal insta a reducir nun 5% a actual superficie de eucalipto para o ano 2040.
Sobre as consecuencias do informe emitido polo Consello da Cultura Galega, Corbelle non é optimista: “Non semella que se vaia mudar o pensamento por este informe, que non é vinculante. O ideal sería que este debate se fixera hai anos, antes de que se plantexara directamente o proxecto á Xunta”, admite.
Porén, é importante que a poboación poida participar activamente nesta toma de decisións: “En Galicia 1 de cada 2 persoas é propietario de terra rústica“. De nós depende hoxe o modelo produtivo que teremos no futuro.