Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

Cambiar o modelo forestal, impulsar unha ordenación do territorio e poñer en marcha instrumentos que apliquen realmente a lei. Estas son algunhas conclusións dun informe que acaba de publicar o Consello da Cultura Galega (CCG) para analizar o impacto das especies de crecemento rápido —nomeadamente eucaliptos e piñeiros— no patrimonio cultural e natural de Galicia. Entre as consecuencias destes cultivos, a institución menciona a perda de bosques nativos e os cambios no réxime hidrolóxico, así como o abandono progresivo da actividade agraria. Por iso, ante o impacto na paisaxe, e no patrimonio entendido dende todos os prismas, o informe do CCG lanza unha advertencia e pide ás administracións que tomen medidas para frear a perda de biodiversidade.

Segundo os datos que achegan no informe, a superficie destinada a plantación de eucaliptos e piñeiros incrementouse en 53.000 hectáreas en tan só unha década. “Aínda que estas cifras son do ano 2009, as últimas dispoñibles, indican a magnitude dun problema que afecta principalmente a Galicia e Portugal, que suman 1.480.000 hectáreas, mentres que o resto de países europeos apenas supón 100.000 hectáreas en conxunto”, salientan dende a institución galega. Por iso, e dadas as consecuencias e o impacto das plantacións de eucaliptos e piñeiros na nosa contorna, o informe trata de poñer o foco na paisaxe, na súa protección e, así, impulsar a ordenación do territorio.

Publicidade

Entre as medidas que propón o CCG está, precisamente, a obriga de que os montes conten con documentos de ordenación. “A xente ten dereito a desenvolver certas actividades socioeconómicas pero, ao mesmo tempo, hai unha serie de elementos protexidos por lei. Temos que ver como conxugamos ambas cousas”, explica a coordinadora do estudo, Rebeca Blanco-Rotea, tamén investigadora na Universidade de Minho. Segundo ela mesma traslada, a solución radica en analizar os intereses tanto socioeconómicos como patrimoniais que hai na paisaxe, tendo en conta o recollido e protexido na lexislación, para buscar un equilibrio entre os sectores implicados.

Denuncian posicións “reactivas, dunha certa pasividade” por parte da administración

Outras das medidas que apoia o CCG é a mellora na xestión patrimonial, solicitando un papel máis activo na catalogación dos bens por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. É dicir, piden que se emitan informes específicos sobre as parcelas nas que se van intervir e, ao mesmo tempo, sobre os bens patrimoniais afectados. Así mesmo, que se garanta unha colaboración entre os propietarios e as comunidades de montes. A institución galega tamén propón ter en conta todos os documentos e organismos internacionais que poñen o foco sobre a importancia de salvagardar o patrimonio.

Publicidade

Outra das liñas que defende o informe é o desenvolvemento dos instrumentos que se recollen nas leis, como as de patrimonio, paisaxe, monte e solo, entre outras. “É curioso que Galicia sexa pioneria no desenvolvemento de moitas medidas lexislativas en relación a outros territorios do Estado. Aconteceu coa Lei da Paisaxe de 2008, xusto cando España ratifica o Convenio Europeo sobre este asunto”, apunta Blanco-Rotea. Porén, a coordinadora do estudo critica que, pese ao recollido na lexislación, pese a que Galicia estea máis avanzada neste aspecto, de nada serve se non se desenvolven os instrumentos necesarios para aplicar a lei. A este respecto, o informe do CCG denuncia posicións “reactivas, dunha certa pasividade” da administación á hora de aplicar as leis relativas ao territorio.

Cambios necesarios

“O informe analiza en profundidade como o modelo produtivo está afectando os valores culturais e naturais de Galicia. Hai que cambialo”, sentencia a coordinadora da investigación. Continúa explicando que hai que mudar o modelo forestal actualmente vixente, dado que hai que apostar pola enerxía sostible, ter en conta o cambio climático e tamén as implicacións hidrolóxicas e de biodiversidade das plantacións de eucaliptos e piñeiros. “Non hai que prohibir as plantacións, senón buscar un equilibrio. Deberían sentar todas as partes afectadas, tanto as empresas, como a administración, como a sociedade”, explica Blanco-Rotea, tendo sempre en conta como preservar a paisaxe da mellor maneira posible.

O informe presentado cuestiona os criterios do modelo de explotación forestal e sitúase na liña de traballo iniciado un ano antes coa presentación do Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia no que solicitaba unha moratoria na autorización de parques para a revisión do actual do Plan sectorial eólico de Galicia co fin de que se sometese a unha avaliación ambiental estratéxica que tivera en conta: as Directrices da paisaxe, a protección do valores culturais do territorio (fixados por outra lei, a de patrimonio cultural) e atender aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia ten 200.000 hectáreas máis de frondosas que de eucaliptos

Os bosques de carballo, castiñeiro e bidueiro ocupan a meirande parte da superficie arborada, segundo o Inventario Forestal Continuo

Exeria, a primeira peregrina e escritora da Gallaecia: “É unha auténtica bomba cultural”

O xornalista Manuel Gago coordina unha xornada do Consello da Cultura Galega sobre as mulleres na antigüidade tardía

Científicas galegas patentan un herbicida 100% natural de eucalipto, xesta e mentraste

O produto está composto unicamente por material vexetal e serve de alternativa natural e sostible aos praguicidas sintéticos

Retirada unha acacia de tres toneladas á beira do Tins, o primeiro río de España con dereitos

Un grupo de 16 voluntarios participa na primeira xornada de eliminación de especies exóticas invasoras nas marxes do curso fluvial de Outes