O informe de Sonia Villapol sobre Altri: “Os contaminantes chegarán a máis de 100 kms”

A neurocientífica galega explica que os tóxicos que emitirá a macrocelulosa poderán aumentar o risco de enfermidades respiratorias, cardiovasculares e neurolóxicas

A macrocelulosa que Altri prevé instalar en Palas de Rei consumiría 2,25 millóns de metros cúbicos de eucalipto e 46 millóns de litros de auga diarios do encoro de Portodemouros. Esas son as cifras que recolle o informe do proxecto Gama, elaborado por Greenfiber, filial de Altri. Pero máis alá do seu impacto no ecosistema, na biodiversidade e incluso no turismo, cabe preguntarse ata que punto os contaminantes que vai emitir á atmosfera son prexudiciais para a saúde. Polo momento sábese que as súas chemineas de 75 metros de altura dispersarán unha nube de contaminación que se podería estender entre 10 e 30 quilómetros. Pero que os contaminantes máis lixeiros e volátiles como o dióxido de xofre e o ozono chegarán a máis de 100. Iso implicaría unha evidente afectación á calidade do aire e, por tanto, á vida das persoas.

Isto é precisamente un dos aspectos que estuda a neurocientífica Sonia Villapol. A investigadora galega formou parte do panel de expertos que elaboraron un exhaustivo e multidisciplinar estudo sobre as consecuencias da posible implantación de Altri na comarca da Ulloa. O informe, publicado polo Consello da Cultura Galega, adica o seu último capítulo a avaliar como podería impactar a macrocelulosa na saúde da veciñanza e dos traballadores. O artigo está asinado por Villapol, quen recoñece que non foi un traballo doado debido á “falta de transparencia e rigor” do informe do proxecto Gama. “Quedei profundamente decepcionada pola súa calidade, xa que ofrecen información moi limitada, nesgada e repetitiva, cun rigor científico cuestionable”, lamenta.

Publicidade

Información pouco definida

Sen ir máis lonxe, o documento no que se basea Villapol para o seu estudo non inclúe ningún apartado sobre o impacto que podería ter Altri na saúde das persoas da contorna, e na daquelas que traballen nas súas instalacións. A análise da neurocientífica galega baséase, por tanto, en detallar as consecuencias que poden ter os contaminantes que emitirá a macrocelulosa e que si aparecen referidos no informe, malia que tamén figuran algúns compostos tóxicos “non definidos”. A este respecto, Villapol é contundente: “Vivir nas proximidades dunha celulosa ten un impacto na saúde significativo. A comunidade pode experimentar un aumento de enfermidades respiratorias e cardiovasculares, un agravamento da asma e outros problemas de saúde debido aos efectos combinados destes contaminantes”.

Outras evidencias

Unha das principais reclamacións de Villapol é a elaboración de estudos epidemiolóxicos, tanto por parte das universidades como das institucións, que permitan avaliar o impacto das celulosas na saúde humana. No informe, a neurocientífica advirte que nin sequera se sabe cales son as consecuencias reais de Ence, pese a levar décadas instalada na ría de Pontevedra. O incendio nun almacén en 2004 reduciu a cinzas 500.000 historias clínicas do complexo hospitalario da cidade, o que complica a elaboración dun estudo epidemiolóxico. Como refire Villapol, hai que basearse en testemuños de veciños e traballadores, que falan de verteduras, filtracións, enfermidades respiratorias, cancro e incluso a morte prematura de empregados dende que se instalou a fábrica.

Publicidade

A neurocientífica tamén menciona un estudo epidemiolóxico que se realizou en Cataluña a finais dos anos 90. “Analizou máis de 3.000 traballadores das celulosas e revelou un exceso de mortalidade por varios tipos de cancro“, sinala en declaracións recollidas por GCiencia. En detalle, as asociacións deste tipo de enfermidades coa industria da celulosa inclúen linfomas, tumores de vexiga, dos órganos reprodutores, de pulmón, de páncreas e de cerebro. “Non cabe dúbida que traballar ou vivir nas proximidades das celulosas afecta a saúde, a curto e longo prazo”, declara tallante Villapol.

Cales son os síntomas?

Os síntomas poden ser moi variados e dependen de cada un dos contaminantes que emita a fábrica. En xeral, Villapol indica que a exposición crónica a este tipo de compostos, tanto no aire como na auga, poden causar enfermidades respiratorias e cardiovasculares, alteracións neurolóxicas e incluso provocar choiva ácida. Esta última non só preduxica o solo e os cultivos, senón que chega indirectamente aos humanos a través da cadea alimentaria. Amais disto, as persoas máis vulnerables como os nenos, os anciáns e as persoas con problemas de saúde preexistentes poden ver agravadas as súas patoloxías.

Analizando a sintomatoloxía en función do contaminante, o dióxido de carbono que emitirá a fábrica, aínda que sexa unha exposición a curto prazo iso si, en niveis elevados pode causar dores de cabeza, mareos, vómitos e incluso ser mortal. O dióxido de nitróxeno pode agravar enfermidades respiratorias como a asma, diminuír a actividade pulmonar e favorecer a aparición de tose. A exposición a partículas pequenas (PM2,5) relacionáronse con ataques cardíacos e accidentes cardiovasculares. E o ozono, por exemplo, pode causar irritación e inflamación nas vías respiratorias e agravar a asma. Tamén está asociado a un incremento de mortes prematuras por causas respiratorias e cardiovasculares.

Estes son catro contaminantes que emitirá Altri, pero non son os únicos. Tan só serven de exemplo da análise realizada por Villapol, que pon de manifesto que a exposición, tanto a curto como a longo prazo, pode ter consecuencias para a saúde da veciñanza e, sen dúbida, dos traballadores. Incluídas nestes grupos todas aquelas persoas expostas ás nubes de contaminación que se estenderán a un cento de quilómetros, a través desas elevadas chimeneas que serven para dispersar os tóxicos no punto de orixe, pero en ningún caso para facelos desaparecer.

Alteracións neurolóxicas e psiquiátricas

A neurocientífica galega Sonia Villapol.
A neurocientífica galega Sonia Villapol.

Amais destas afectacións, a neurocientífica, que actualmente traballa no Hospital Methodist de Texas, non pasa por algo todas as alteracións neurolóxicas que pode provocar a exposición aos contaminantes emitidos por Altri. “A mala calidade do aire tamén se relacionou cun aumento nas taxas de enfermidades respiratorias e neurolóxicas, especialmente cando a exposición ocorre durante a primeira infancia, así como un maior risco de desenvolver trastornos psiquiátricos na xente da contorna das fábricas”, asegura a experta. Así mesmo, unha exposición prolongada ao aire contaminado podería ocasionar “inflamación e estrés oxidativo” no cerebro. En resumidas contas: aumenta o risco de enfermidades neurodexenerativas como o alzhéimer, no que está especializada Villapol.

Ademais desta longa lista de riscos, a neurocientífica engade un aumento das taxas de trastorno bipolar e depresión asociadas á mala calidade do aire. Sobre todo se a exposición aos contaminantes se produce nos primeiros anos de vida. “Observouse que esa contaminación aumenta o risco de depresión e suicidio nos mozos e atopáronse alteracións estruturais e funcionais no cerebro relacionadas con el”, asevera, en alusión a outros estudos. Así mesmo, “o risco de sufrir párkinson aumenta un 56% en xente que vive en rexións que presentan niveis altos de contaminación atmosférica”. E a exposición a outros contaminantes, como as partículas PM2,5 e o dióxido de nitróxeno están asociados co “declive cognitivo en mulleres maiores”.

Hai límites de exposición seguros?

Dende logo, evidencia científica non falta. Hai numerosos estudos que corroboraron ao longo das últimas décadas o impacto que a contaminación atmosférica pode ter sobre a saúde. E, nomeadamente, o impacto dos contaminantes que ten previsto emitir Altri. Pero máis alá desa “falta de transparencia” que acusa Villapol, os datos do informe do proxecto Gama hai que miralos con lupa. No que respecta aos límites de exposición seguros dos contaminantes, atínxense ás regulacións europeas e non ás da Organización Mundial da Saúde, que son máis estritas. O certo é que a comunidade científica parece que chegou a un consenso a este respecto. E pese ás normativas internacionais, a evidencia pesa: “Os últimos estudos apuntan a que unha exposición prolongada a baixas doses provoca un dano grave a longo prazo”.

Cal será o impacto no sector primario?

Máis alá do impacto directo sobre a saúde humana, hai que pensar nas consecuencias que a implantación de Altri unha fábrica que ocupará 366 hectáreas e contará con 10,5 quilómetros de perímetro terá na comarca da Ulloa e nas colindantes de Melide e de Deza. Sobre todo porque as tres son tradicionalmente zonas adicadas ao sector primario. “O uso masivo de eucalipto e a deforestación asociada contribúen ao cambio climático, o que afecta indirectamente a saúde global. A choiva ácida, que dana os ecosistemas, o solo e as augas, tamén ten efectos indirectos na saúde humana a través da contaminación da auga e das fontes de alimentos”, di Villapol. E engade que a súa inxestión pode alterar a microbiota, un dos seus principais campos de estudo e, polo tanto, debilitar o sistema inmunitario.

A detallada análise de Villapol baséase en estudos epidemiolóxicos e en recomendacións europeas e da OMS sobre os contaminantes que emitirá Altri, recollidos tan só unha parte deles no informe do proxecto Gama. A falta de investigacións en situacións similares, como a de Ence, dificulta unha visión máis exhaustiva sobre os riscos para a saúde de instalar unha macrocelulosa no corazón da Galicia. Máis alá do seu impacto no ecosistema, tamén é “innegable” que afectará a calidade de vida das persoas que vivan na contorna e daquelas que traballen nas súas instalacións, pese á promesa de xerar centos de postos de traballo. A polémica está servida, pero a mobilización social incluída a dunha parte da comunidade científica tamén.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

2 COMENTÁRIOS

  1. Grazas, Sonia de novo pola aportación que fas, pese as andrómenas que oímos acotío. Non hai nada que poida xustificar a instalación dese vertedoiro contaminante (entre outras cousas) na nosa terra, salvo a cobiza dos políticos e quen os mantén.
    Parabéns por falar tan claro e sen medo. Tamén as grazas a Laura e este medio que o dá a coñecer.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando o sistema inmune ataca por erro o cerebro e sementa o caos na mente

As encefalites autoinmunes son un un grupo de patoloxías que cursan con inflamación cerebral

Do Condado á Ulloa: a loita do pobo galego contra as celulosas dende hai 50 anos

O investigador da USC Damián Copena investiga a intensa mobilización social nos setenta contra un proxecto que se pretendía instalar en Ponteareas

O comezo dunha nova era na prevención do alzhéimer

A aprobación das análises de sangue para detectar a enfermidade de forma temperá representa un fito na medicina neurolóxica

Dos incendios á perda de diversidade: motivos polos que manter a moratoria do eucalipto

A prohibición conclúe a finais de ano, pero os últimos datos revelan que a superficie aumentou no primeiro tramo do veto