Os 50 aspectos clave para reducir as emisións de carbono no teu día a día

Un proxecto europeo, no que participa a Universidade da Coruña, elabora unha guía para fomentar estilos de vida con menor impacto climático

Un proxecto europeo, Galicia, ofrece propostas para reducir a pegada de carbono no día a día. A Universidade da Coruña (UDC) acolleu este mércores a presentación dos resultados do Proxecto Europeo 1.5 Lifestyles, encabezado pola Profesora Adina Dumitru, da Facultade de Ciencias da Educación da UDC.

O proxecto EU 1.5° Lifestyles ten como obxectivo fomentar a integración de estilos de vida de acordo co obxectivo climático do Acordo de París de que o incremento da temperatura media global non supere os 1.5 graos a finais deste século.

Publicidade

Participación da UDC

Un equipo da Universidade da Coruña, coordinado pola profesora Adina Dumitru, participou neste proxecto xunto con outras universidades e centros de investigación de sete países europeos -Alemaña, Hungría, Países Baixos, Suecia, Finlandia, Letonia e España- coordinados pola University of Münster (Alemaña).

No marco do EU 1.5 ° Lifestyles leváronse a cabo diversas iniciativas, como foros de discusión coa cidadanía, ou a elaboración dunha Guía para reducir o noso impacto climático e fomentar unha vida máis sa e xusta, dispoñible na páxina web do proxecto.

Publicidade

Este estudo investiga e reduce as opcións de estilo de vida de alto impacto ambiental a 50 opcións clave. Céntrase na pegada de carbono dos fogares, e o fomento da participación cidadá a través de laboratorios de pensamento e entrevistas con persoas que xa adoptan prácticas sostibles.

Reducir as emisións nun 40%

Os datos obtidos en España polo Proxecto EU 1,5º Lifestyles, demostran que, por exemplo, deixar de utilizar o coche privado para desprazarse ao traballo en favor dos traxectos a pé, en bicicleta, en transporte público ou en vehículos eléctricos podería reducir as emisións de carbono ata nun 40% no noso país. En canto ao transporte para as actividades de lecer (ir ao cinema, a concertos ou restaurantes) estes cambios nos hábitos poderían supoñer unha redución do 20% das emisións.

En materia de vivenda, a aplicación de medidas como a instalación de bombas de calor ou caldeiras de biomasa podería reducir as emisións nun 15%, ao que se sumaría o efecto positivo que xa está a ter a integración de enerxías renovables. Por outra banda, adoptar unha dieta vegana ou reducir significativamente o consumo de alimentos de orixe animal podería reducir as emisións ata un 10%.

Por último, a través da investigación do proxecto, detectáronse algúns retos no aspecto emocional. A frustración que xera aspirar a unha maior sustentabilidade, toparse con barreiras inamovibles ou estruturais, combinada coa pouca comprensión por parte dos círculos sociais, constitúen fortes desafíos emocionais. Neste sentido, preto do 65% dos participantes españois no estudo declararon sentir a denominada eco-ansiedade, mentres que o 50% detecta falta de comprensión na súa contorna. 

Opcións en Galicia

Segundo destacou esta mañá Adina Dumitru, en Galicia “as opcións máis impactantes inclúen a mobilidade eléctrica e dietas veganas, mentres que as máis aceptadas céntranse en evitar o desperdicio alimentario e mellorar a eficiencia enerxética no fogar”.

A nivel europeo, estímase que de cara a 2030 só Eslovaquia, Croacia e Eslovenia teñan pegadas de carbono por debaixo do limiar dos 1,5 graos. Este dato resalta a necesidade de que outros países da UE27 implanten cambios significativos nos estilos de vida para poder acadar os obxectivos climáticos.

Así, o proxecto proporciona unha valiosa investigación e, a través da guía, achega ferramentas sinxelas que permiten adoptar estilos de vida máis sostibles en Europa que contribúan a mitigar o cambio climático.

Outras iniciativas en favor da sustentabilidade

O compromiso da Universidade da Coruña coa sustentabilidade reflíctese en proxectos que non só abordan os desafíos actuais, senón que tamén anticipan necesidades futuras, fomentando unha resiliencia a longo prazo.

Na actualidade, a UDC conta con diversos exemplos que unen investigación, vangarda e sustentabilidade, como é o caso da Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes, que dirixe a investigadora Verónica Bolón, docente da UDC e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), e que está enfocada en impulsar a investigación e a innovación en IA verde mediante a colaboración público-privada.

“O seu programa – sinalaba Bolón- abarca o desenvolvemento de formación especializada e a transferencia de resultados de investigación, tratando de difundir o coñecemento en IA verde e posicionarse como un referente a nivel autonómico, estatal e internacional”. As liñas de investigación principais da cátedra inclúen o desenvolvemento de algoritmos eficientes, a IA para a eficiencia enerxética e o desenvolvemento sostible, a robótica sustentable e as implicacións éticas e sociais dos algoritmos verdes.

Innovación e mellora dos sistemas de drenaxe

Outro exemplo de investigación relacionada co desenvolvemento sostible é o Proxecto “CO-UDlabs”, coordinado por Jose Anta Álvarez, profesor Titular da UDC e investigador do Grupo de Investigación Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil da UDC (CITEEC). Trátase dun proxecto financiado pola Unión Europea no marco do programa Horizon 2020, que promove a innovación e mellora dos sistemas de drenaxe urbana e saneamento.

Este proxecto ten como obxectivos principais a creación de redes, o desenvolvemento de actividades de investigación conxunta e o acceso transnacional. As súas aplicacións van desde o seguimento e a sensórica, as inundacións, o transporte de contaminantes e plásticos e o sistemas de drenaxe sostible. Segundo explicaba José Anta, “os resultados inclúen 31 proxectos, dos cales 7 desenvolvéronse na UDC, 227 persoas usuarias de 26 países e 122 institucións. Son cifras que ofrecen información sobre a magnitude desta iniciativa”.

No campo da xestión de residuos, a investigadora Mª Belén Montero Rodríguez, falaba do Proxecto “WASTE2BioComp” financiado pola Unión Europea a través do programa Horizon 2021, que ten como obxectivo principal converter os residuos orgánicos en compoñentes biobaseados sostibles. A iniciativa, de 36 meses de duración, reúne a 13 socios europeos, incluíndo PYMES, grandes industrias e institucións de investigación. Segundo a investigadora, isto implica “ desenvolver alternativas a materiais tradicionais, implementar tecnoloxías de fabricación innovadoras e promover un ciclo pechado. Espérase que contribúa á transición dixital, industrial e espacial dentro do programa Horizonte Europa 2021.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O verán europeo terá ata 42 días máis en 2100 se continúan as emisións

Un estudo internacional no que participa o investigador da UDC Armand Hernández alerta dunha estación cada vez máis longa e intensa

Un informe alerta que a Terra está nun punto de non retorno: “A habitabilidade está en xogo”

O quecemento global está preto de superar os 1,5º, algo que desencadeará, segundo o documento, eventos catastróficos como a perda do 99% de arrecifes de coral

Un estudo de ‘Nature’ culpa a industrias como Repsol de dúas ondas de calor en Galicia

A investigación sitúa á empresa, cunha refinería na Coruña, no posto 52 das contribuíntes ao quecemento climático e os seus efectos en territorio galego en 2018 e 2022

As condicións que favorecen os lumes son 40 veces máis probables polo cambio climático

Os incendios da península impulsan un estudo que sinala ao quecemento global como un dos factores máis importantes para a súa expansión