Un informe alerta que a Terra está nun punto de non retorno: “A habitabilidade está en xogo”

O quecemento global está preto de superar os 1,5º, algo que desencadeará, segundo o documento, eventos catastróficos como a perda do 99% de arrecifes de coral

A Terra atópase xa nun punto de non retorno. O motivo: o quecemento global está a punto de superar os 1,5º e atópase perigosamente preto doutros puntos de inflexión catastróficos. Esa é unha das conclusións dun informe publicado pola Universidade de Exeter con outros socios internacionais como a Universidade de Santiago de Compostela. Entre esas posibles catástrofes están o retroceso das capas de xeo, a degradación do Amazonas e o colapso de correntes oceánicas vitais. Un exemplo claro son os arrecifes de coral de augas cálidas, que están morrendo a un ritmo sen precedentes por ese quecemento. Mesmo se a temperatura estabilízase en 1,5 °C prevese que máis do 99% dos arrecifes colapsen. Para os autores do estudo, estes puntos de inflexión representan un novo tipo de ameaza que as estruturas e acordos internacionais actuais non están preparados para afrontar.

No grupo de 160 científicos e científicas responsables da publicación, pertencentes a 87 institucións e 23 países, atópase o profesor da USC Sebastián Villasante, director de EqualSea Lab (CRETUS-USC). Este grupo de persoal experto está colaborando coa Presidencia da COP30 (trixésima edición da Conferencia das Nacións Unidas para o Cambio Climático) para garantir que os puntos de inflexión estean incluídos na axenda do cumio. Este ano a COP30 desenvolverase en Belém, Brasil, país anfitrión e presidente da conferencia climática de 2025; unha cita moi simbólica porque está no corazón da Amazonía, unha das rexións máis afectadas por esta crise.

Publicidade

“Alentador pero non suficiente”

Mais a pesar da gravidade da situación, as persoas autoras do estudo cren que a solución está “ao noso alcance: a humanidade aínda pode elixir cambiar e evolucionar cara a un futuro seguro, próspero e equitativo e parece que as actitudes sociais van encamiñadas nesa dirección”, aseguran. Agora ben, que o persoal científico poña solucións concretas e viables sobre a mesa e que a sociedade teña máis conciencia sobre a necesidade de actuar é “alentador pero non suficiente, advirten.

Os autores consideran que para conseguir o cambio de rumbo urxente e necesario sen precedentes necesitamos unir os esforzos da sociedade civil á valentía política e o liderado dos países. “Gobernos, empresas, sociedade civil e individuos teñen todos un papel que desempeñar”, reivindican. Precisamente, en busca de xerar esa cooperación a presidencia da COP30 lanzou unha iniciativa global chamada ‘Mutirão’ (que significa “esforzo colectivo”) para impulsar a acción climática en todo o mundo.

Publicidade

Para o persoal científico autor do traballo, “a clave para evitar a catástrofe é actuar con urxencia, apoiando a transformación social e activando puntos de inflexión positivos, como a expansión das tecnoloxías verdes”. “Trátase -explican- de transformacións positivas que sexan máis baratas, accesibles e atractivas que as opción contaminantes, como a enerxía solar, eólica e os vehículos eléctricos, que de feito xa se demostraron puntos de inflexión positivos”. As persoas autoras remarcan que unha vez substituídas, as tecnoloxías contaminantes teñen poucas probabilidades de volver a ser escollidas, porque as novas opcións resultan máis baratas e eficientes.

A habitabilidade da Terra

Así mesmo, unha acción política coordinada nos chamados “puntos de súper apalancamento” pode xerar un efecto dominó de cambios positivos entre sectores interconectados. Por exemplo, na enerxía, o transporte e a calefacción, adiantando a transformación en todos eles.

Dende EqualSea Lab (CRETUS-USC) queren advertir que a velocidade en que estes puntos de non retorno se está alcanzando está a ser moito maior que o que se temía. Porque, segundo aseguran, o cambio que debemos facer como sociedade ten que ser un sen precedentes porque o que nos xogamos é a habitabilidade do planeta Terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

A Nobel de Física Anne L’Huillier visita Santiago para falar da ciencia do attosegundo

A investigadora, recoñecida en 2023, manterá encontros con persoal investigador e impartirá unha conferencia aberta á cidadanía o 2 de outubro