O xurado da IX edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off decidiu declarar como gañadoras as empresas AMS-Lab (Selo de Calidade) e Ventilatio Lab (Idea Emerxente) e ao grupo de investigación MetBioCat, da Universidade de Santiago (USC). Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 7 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago, son convocados por GCiencia e contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis.
Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para o grupo de empresas empresa AMS-Lab, que xurdiu en Lugo no ano 2008 e foi fundada como spin-off por un grupo de químicos da Universidade de Santiago. Actualmente, o grupo conta cunha serie de empresas biotecnolóxicas especializadas en solucións analíticas en distintos sectores. O xurado tivo en conta a traxectoria de éxito do grupo coa innovación, a sostibilidade e a investigación por bandeira.
No apartado de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos dous últimos anos, a gañadora foi a spin-off da USC Ventilatio Lab, unha compañía que aplicou unha innovadora tecnoloxía de simulación CFD (Dinámica de Fluídos Computacional) para analizar e controlar o comportamento do aire en espazos interiores e exteriores. O xurado destacou a orixinalidade do proxecto e a obtención de resultados tanxibles, como o sistema de ventilación instalado na catedral de Santiago.
Na categoría de Grupos de Investigación o galardón foi para o grupo MetBioCat, pertencente ao centro CiQUS da Universidade de Santiago, que conta como investigador principal ao catedrático de Química Orgánica da USC e exdirector científico do CiQUS, José Luis Mascareñas. O xurado destacou a traxectoria desenvolvida polo grupo co obtención de preto de catro millóns de euros en financiamento e o rexistro de 26 patentes.
Xurado de prestixio
O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora do IDIS Cintia Folgueira; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; o director de I+D de Mestrelab, Carlos Cobas; e polo presidente do cluster Bioga, José Manuel López Vilariño. Participou con voz pero sen voto o director de GCiencia, Pablo López.
Durante a súa deliberación o xurado destacou a alta calidade das candidaturas presentadas nos apartados Idea Emerxente e Grupos de Investigación, mentres que na categoría Selo de Calidade foron os propios membros do xurado os que presentaron as correspondentes candidaturas.
Dez anos de traxectoria dos premios
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende o ano 2015 as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Alén Space, Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo BioFarma da USC e o Laboratorio de Bases de Datos da UDC.
O acto de entrega de premios, que terá lugar o venres 7 de novembro en Santiago, contará coa presenza de distintas autoridades e representantes de institucións galegas e do mundo empresarial e académico.



















