Sancha de Lobeira: como preitear contra o arcebispo de Santiago e saír gañando

Foi unha gran señora feudal que viviu entre os séculos XV e XVI e cuxa xestión patrimonial deixou fonda pegada nos concellos da Serra de Outes

O arcebispo de Santiago, Alonso II de Fonseca, olla con satisfacción o traballo ben feito. Os seus homes derrubaron sen misericordia varias das fortalezas de dona Sancha de Lobeira. O conflito entre ambos non é novo. A familia de Sancha, co obxectivo de construír un señorío propio, enfrontouse directamente a un dos señores máis poderosos non só do reino medieval de Galicia, senón tamén do conxunto da coroa de Castela: Alonso de Fonseca, o segundo do seu nome. Despois de herdar o patrimonio familiar, ela colleu o testemuño e continuou mantendo unha conflitiva relación co arcebispo. Pero contra todo prognóstico, a súa estratexia foi bastante máis intelixente que a del. Recorreu á nova xustiza imposta polos Reis Católicos, que Alonso II de Fonseca deostou por veces, e gañou. Gañou a través dos tribunais, de forma pacífica, construtiva e, sen dúbida, de forma extraordinariamente perspicaz no marco dun tempo novo.

A pesar desta vitoria, a vida de Sancha estivo chea de altibaixos, de luces e sombras, de conflitos familiares e, incluso, de malos tratos por parte dun dos seus maridos. A súa vertixinosa vida persoal enmárcase facilmente no convulso contexto da época. Un momento de constantes cambios administrativos, e no que mudan rapidamente as regras do xogo. O conflito entre Alonso II de Fonseca e Sancha de Lobeira transcorre nun escenario no que os Reis Católicos sentan as bases dun tribunal superior de xustiza do reino, ao que acudirá a gran señora feudal para reclamar os seus dereitos. Pola contra, o arcebispo de Santiago desacreditaba en certo modo o poder deste novo axente xudicial e seguía avogando en boa medida pola vella xustiza: as batallas e, por suposto, o derrube de fortalezas.

Publicidade

Unha sentenza triunfal

“Alonso de Fonseca desterrou a Sancha de Lobeira do seu señorío orixinal e excomungouna. Ante isto, a estratexia dela é marabillosa: interpón unha demanda por despoxo, por forza, por violencia e por terlle derrocado as fortalezas. En todo momento, ela defende que o preito non trata da posesión da terra. É así como consegue vencer”, sinala o investigador e historiador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rodrigo Pousa Diéguez. O arcebispo non acatou a sentenza e recorreu ao papa, sen que isto tampouco lle servira de moito. Esgotou todos os prazos e acabou condenado. “Sancha de Lobeira logrou que se lle pagara o prezo das fortalezas e das casas que o arcebispo lle derrocou. Foi unha gran vitoria”, apunta.

Dentro desta estratexia xudicial da que Sancha saíu gañadora, Pousa Diéguez pon énfase nos argumentos empregados pola gran señora feudal para defender os seus intereses. E como aproveitou a súa condición de muller para reclamar o que lle era propio. “Presenta a tese dunha pobre viúva que non se puido defender do arcebispo e dos seus cabaleiros, que lle derrocou todas as fortalezas e, polo tanto, quedou sen casa. Tamén aproveitou as inimizades que existían entre a xustiza imposta por Castela e o arcebispo”, matiza. Unha estratexia intelixente e, sobre todo, triunfal, que segue a liña do posto en práctica por outras mulleres coetáneas.

Publicidade

A súa estratexia para ampliar o señorío

O arcebispo Alonso II de Fonseca.

O conflito entre Alonso II de Fonseca e Sancha de Lobeira, máis alá das implicacións políticas e do xogo de poderes da época, demostra que ela, aínda sendo muller, tiña unha posición o suficientemente privilexiada como para enfrontarse a un home. E non a un home calquera, senón ao mesmísimo arcebispo de Santiago. Froito desta disputa, houbo algunhas reconfiguracións territoriais que chegan ata hoxe en día. “Sancha de Lobeira xoga un papel esencial na área de Muros. O actual concello da Serra de Outes nace, en certo modo, dos conflitos que ela mantén co arcebispo”, sostén Pousa Diéguez.

Máis alá dos cambios territoriais que se produciron tras o conflito aberto con Fonseca, ela desenvolveu un rol activo na ampliación do seu señorío. Non só herdou as propiedades, senón que negociou e estableceu contactos, creou alianzas, para aumentar o seu poder. Sancha de Lobeira tan só é un exemplo do tipo de estratexias que desenvolvían as mulleres nobres da época. “Incluso cando exercen abusos contra os seus vasalos e vasalas, o que están intentando é aumentar as cotas de poder. Estas señoras non só vivían de rendas, senón que as xestionaban activamente co horizonte de transmitíllelas ás próximas xeracións”, explica Miguel García-Fernández, investigador do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) e da USC.

Neste papel esencial que xogaban as mulleres nobres do Reino de Galicia na xestión efectiva dos seus señoríos e, por tanto, da súa ampliación, pódese barallar unha certa diferenza entre as tácticas masculinas e as femininas. E Sancha de Lobeira é un bo exemplo disto. “Os homes adoitaban construír os seus señoríos empregando a forza, así como mediante o derrocamento de torres e fortalezas. As mulleres, xa o documentamos en varios casos, optan máis pola negociación. Por exemplo, tenden pontes cos mosteiros para conseguir coutos e contratos que se manteñen durante varias xeracións. Isto é, por tanto, un incremento para o señorío”, describe Pousa Diéguez.

Dúas tentativas e dous matrimonios

Así é que Sancha consegue, por exemplo, establecer acordos cos mosteiros de Santa Clara e de San Martiño Pinario, en Santiago. E tamén logra o couto de Lira e o de Brandomil, este último preto de Pontevedra. Non obstante, algúns deles acábaos perdendo ante a mesma xustiza que lle permitiu gañar o preito contra Alonso II de Fonseca. A sentenza argumentaba que o seu home, un García Sarmiento que era señor de Sobroso naquela altura, se excedeu cos seus vasalos e vasalas. Precisamente por este motivo, o mosteiro alegou que se lle devolveran as terras prestadas porque non se estaban a cumprir as condicións. Polo tanto, os abusos exercidos polo seu marido son os que fan caer a negociación previamente establecida por Sancha.

Pero máis alá da xestión do seu señorío e dos seus preitos con Alonso II de Fonseca, terá unha vida persoal moi complexa marcada, cando menos, por dúas tentativas de matrimonio e dúas unións efectivas. Unha delas, a última, tinguida incluso pola sombra da violencia machista. “A primeira alianza documentada foi con Paio Gómez de Soutomaior, nin máis nin menos. Estamos a falar dunha nobreza importantísima”, sostén García-Fernández. Non obstante, todo apunta a que tan só foi unha tentativa matrimonial. A segunda unión documentada é con Esteban de Xunqueira, dunha liñaxe máis baixa que os Soutomaior. Porén, dise que o matrimonio non se consumou. Polo tanto Sancha tivo, cando menos, dous intentos de matrimonio fallidos.

O terceiro, que si semella efectivo, foi con García Martínez de Barbeira, do que quedou viúva en 1478. “Sancha ten unha posición social máis importante. Polo tanto, quen se ve mellorado polo matrimonio é o marido. O certo é que moitos destes señores vían como se fortalecía o seu status grazas ás alianzas con estas mulleres”, sinala o investigador do IEGPS e da USC.

Dos malos tratos ao divorcio

O segundo matrimonio —cuarto se se teñen en conta as primeiras tentativas— foi co señor de Sobroso, García Sarmiento. Con esta alianza, a influencia de Sancha de Lobeira non só se restrinxiu ás Terras de Santiago, senón que se ampliou á zona de Pontevedra, onde se especula que pasou gran parte da súa vida. Estivo casada con el 15 anos, mais unha sentenza de divorcio datada en 1502 demostra que o matrimonio non rematou en bos termos. En primeiro lugar, acusa a García Sarmiento de ter unha amante chamada Beatriz. Pero o segundo argumento é devastador: “Dona Sancha asegurou que o seu marido a quixo matar. Entón, ela abandonou a casa de Canedo, onde vivían, e marchou para Pontevedra”.

Miguel García-Fernández analiza este caso dende unha óptica que non se pode pasar por alto: “Unha muller nobre pode sustentarse porque é unha auténtica señora feudal. Ten certa marxe de liberdade e, sobre todo, é independente economicamente, por iso pode marchar”. Ela ten a capacidade de decisión grazas ás súas terras, o seu patrimonio e a súa posición, que non depende neste caso do marido. Unha historia que lembra á funesta relación da súa contemporánea María Pimentel de Castro, casada con Bernardino Pérez Sarmiento, ao que tamén acusou de exercer contra ela un maltrato reiterado tanto físico como psicolóxico.

A complicada relación co seu fillo

Con todo, Sancha non só tivo unha complexa vida matrimonial, senón que a relación cun dos seus fillos foi extraordinariamente complicada. “Vai estar continuamente aconsellándoo por carta e el, incluso, mándaa a mexar cando non lle interesa”, salienta Pousa Diéguez, poñendo énfase no mal tratamento recibido por parte do seu fillo. El, moi próximo a outra poderosa familia do momento, os Moscoso, aumentou o seu poder conforme Sancha, probablemente xa maior, se foi afastando da primeira liña. Con todo, ela vai ser quen intente mediar polo seu fillo, quen o aconselle para que non teña problemas co arcebispo —pese á súa longa historia con Alonso II de Fonseca— e, sobre todo, que non trate mal os seus vasalos e vasalas.

“Non é doado para os historiadores e as historiadoras facer xuízos de valor, pero semella que o fillo de Sancha era unha persoa agresiva, que impoñía a forza sobre os seus vasalos e vasalas. Hai testemuños que refiren que el cortaba orellas para impartir xustiza. Iso si, cando o perseguía o arcebispo, parece que non era tan valente”, retrata Pousa Diéguez, que salienta a mala sorte que tivo Sancha de Lobeira, vítima de malos tratos por parte do seu marido e do seu fillo, cos homes que pasaron pola súa vida.

Últimas pistas

Sobre a recta final desta gran señora feudal pouco se sabe. O investigador e historiador da USC apunta a que puido falecer en Valladolid, sen que se saiban aínda os motivos. Algunha das hipóteses que baralla é que estivera litigando algún conflito na cidade castelá, que naquel momento era o corazón da coroa. Queda dela, por tanto, a súa historia de enfrontamento pacífico —pola súa parte, claro— co señor de vasalos e vasalas máis poderoso daquel momento. E, tamén, coa súa capacidade, incluída a económica, para fuxir da violencia machista. Unha rica propietaria e herdeira que morre cara a 1518 sen que poidamos seguir as súas últimas pistas.

Non obstante, Miguel García-Fernández fai unha reflexión que é importante destacar, non só no caso de Sancha de Lobeira, senón no de todas as mulleres nobres da Idade Media e, por suposto, nas integrantes da serie Raíñas de Galicia. Os testamentos que conservamos demostran que elas mesmas garantiron a preservación da súa memoria, e tamén da familiar, mediante o encargo de monumentos funerarios ou epígrafes, así como co pago de misas perpetuas. Elas foron as que se aseguraron de que o seu nome transcendese os séculos. “A memoria destas mulleres foi moi intensa ata non hai tanto tempo. Diría, incluso, ata o século XIX. A desmemoria é máis actual, cando a institucionalización da historia se fixo polos homes”. E García-Fernández apela, precisamente, a loitar contra a mirada masculina e, así, rescatar a memoria de mulleres que, como Sancha de Lobeira, tamén fixeron historia.


Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se executaba á xente hai 1.000 anos?

A Idade Media non inventou a pena de morte, un procedemento que xa existía no mundo romano e que perviviu ata non hai tanto en Europa occidental

Da forca á decapitación: as principais formas da pena de morte no noroeste ibérico durante o medievo

A investigación da USC de Abel de Lorenzo, recollida nun libro, documenta os perfís sociais de quen padece e executa este tipo de condenas e como se orixinan

Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

Unha historia de resistencia na Galicia do século X: a neta que denunciou o avó por violación

O investigador Abel de Lorenzo rescata os casos de violencia sexual na Alta Idade Media no noroeste peninsular