Un estudo de ‘Nature’ culpa a industrias como Repsol de dúas ondas de calor en Galicia

A investigación sitúa á empresa, cunha refinería na Coruña, no posto 52 das contribuíntes ao quecemento climático e os seus efectos en territorio galego en 2018 e 2022

Un novo estudo publicado en Nature vincula as ondas de calor que causan centos de falecidos ao ano coa industria de combustibles fósiles e do cemento. Os datos son reveladores: o cambio climático aumentou a probabilidade e a intensidade de máis de 200 ondas de calor a nivel global entre 2000 e 2023. O quecemento global multiplicou por 10.000 as probabilidades de ter a onda de calor en España de 2022, que provocou máis de 11.000 mortes, segundo o estudo que utiliza datos de EM-DAT. Os modelos da plataforma Mortalidade Atribuíble á Calor en España (MACE) vinculan ás altas temperaturas o falecemento de 871 galegos ese ano.

Non é o primeiro estudo que vincula as ondas de calor e outros fenómenos extremos co cambio climático. Por exemplo, o pasado 4 de setembro World Weather Attribution elaborou un informe no que afirma que os incendios deste verán puideron ser ata 40 veces máis probables polo cambio climático. Porén, este novo estudo define con precisión a magnitude do problema.

Publicidade

“O cambio climático fixo que cada unha destas ondas de calor sexa máis probable e máis intensa”, asegura Yann Quilcaille, investigador posdoutoral no grupo de investigación Seneviratne e autor principal do estudo. O documento amosa que o quecemento global fixo, de base, 20 veces máis probables as ondas de calor entre 2000 e 2009. Entre 2010 e 2019, as probabilidades multiplicáronse por 200 respecto ao período entre 1850 e 1900, nas primeiras etapa da industrialización. Para isto, analizáronse 213 grandes ondas de calor que ocorreron nos sete continentes da Terra entre 2000 e 2023. Unha cuarta parte destes eventos serían imposibles, segundo o estudo, de non ser polo cambio climático. Iso si, a falta de datos utilizables de África e América do Sur non permiten conclusións fiables desas zonas.

As ondas de calor de Galicia

Entre todas as ondas de calor estudadas, hai dúas que afectaron a Galicia. A primeira é a de 2018. Entre o 1 e o 7 de agosto Galicia tivo alertas vermellas polo risco de calor extremo, cos termómetros acadando temperaturas de récord, como os 43,7 graos rexistrados en Arbo. No conxunto do país, segundo Aemet, rexistráronse tres dos dez días máis calorosos ata a data. “Foi 2,7 graos máis intenso e 8.800 veces máis probable (polo cambio climático)”, confirma Quillqaille. Neses días, rexistráronse nove mortes atribuíbles á calor.

Publicidade

O caso máis importante é o de 2022. O país rexistrou entre maio e setembro 2,5 graos máis dos que debería, segundo o investigador, e foi 10.000 veces máis probable polo quecemento climático. É dicir, que o cambio climático posibilitou, segundo o autor, esa onda de calor. Os modelos do MACE, da Fundación para a Investigación do Clima (FIC), a Universidade de Valencia (UV) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), atribúen á calor a morte de 871 galegos ese ano. Ademais, esas altas temperaturas tamén facilitaron a propagación dos grandes incendios que asolaron varios montes da comunidade. En todo o país, segundo o estudo, esta cifra elévase ás 11.324 mortes.

O caso de Repsol

Unha das peculiaridades deste estudo é a vinculación directa que fai con empresas concretas. A investigación analizou as contribucións realizadas polos 180 maiores produtores de combustibles fósiles e cemento. As súas emisións supuxeron un 60% de todas as realizadas pola humanidade desde 1850. O equipo tamén realizou, ademais, un estudo de canto impacta cada compañía individual na intensidade e probabilidade das ondas de calor. Desta forma, pódese facer un cálculo de empresas concretas.

Unha destacada empresa española (e con presenza en Galicia) é Repsol. “É a número 52 de 180 en termos de contribución ao quecemento global, o que fai que contribúa substancialmente ás ondas de calor”, explica Quilcaille. Repsol posibilitou por si soa, segundo os modelos, máis de 50 ondas de calor en todo o mundo, afirma o investigador. Do aumento global das temperaturas de 1,30 graos de media, Repsol é responsable dun aumento de 0,001 graos, comenta.

Desinformación e grupos de presión

“Estas compañías e corporacións tamén perseguiron principalmente os seus intereses económicos, aínda que sabían dende os oitenta que queimar combustibles fósiles levaría ao quecemento global”, denuncia o experto. O autor asegura que estas entidades se aproveitaron da desinformación e uso de grupos de presión para protexer as súas actividades. “Malia que cada un de nós contribuímos ao cambio climático, algúns actores teñen responsabilidades adicionais”, recalca o investigador.

O estudo apunta a que os cinco maiores produtores de combustibles fósiles entre entidades estatais ou compañías privadas son da antiga Unión Soviética e da República Popular da China (debido á produción de carbón). O documento tamén apunta a Saudi Aramco, Gazprom e ExxonMobil. Malia isto, a investigación recalca que, das 180 compañías analizadas, ata a que menos emitiu CO₂ provocou 16 ondas de calor, segundo os cálculos.

Este tipo de estudos, denominados de atribución, analizan e gradúan as contribucións relativas de diferentes causas ao cambio climático ou a eventos específicos. Ata o de agora, polo xeral observábase un evento á vez. Este estudo marca a primeira vez que múltiples eventos foron analizados sistematicamente deste xeito, segundo defenden os seus autores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense