Un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) e do CSIC realizou un estudo no que se sinala que o quecemento global podería triplicar as probabilidades de padecer secas no Mediterráneo occidental. Nel apuntan que o transporte atmosférico de humidade, é dicir, a humidade que procede dos océanos e transporta a atmosfera, terá unha maior influencia na aparición de secas na zona euromediterránea debido ao quecemento global. En concreto, estiman que a finais do século XXI as probabilidades de que se produzan secas aumentarán entre dúas e tres veces respecto ás actuais, nun escenario de altas emisións de gases de efecto invernadoiro.
O papel do transporte de humidade desde o océano
“A humidade que transporta e contén a atmosfera é fundamental para a ocorrencia de precipitacións, pero tamén de secas. Na zona euromediterránea, que engloba todas as rexións europeas situadas na conca do Mediterráneo, esta humidade procede sobre todo do océano Atlántico e do mar Mediterráneo”, sinala o equipo. No estudo realizado analizaron como afectaría o quecemento global á influencia que ten a humidade que transporta a atmosfera na aparición de fenómenos hidroclimáticos extremos, é dicir, choivas torrenciais e secas.
“Espérase que a influencia do transporte de humidade sexa maior que a actual para mediados de século”, indican os investigadores en relación ás precipitacións. As estimacións feitas indican que a dependencia das chuvias respecto ao mencionado transporte de humidade aumentará ao redor dun 25% no inverno e un 10% no verán. “Porén, para finais de século, crese que a importancia da humidade nas precipitacións extremas diminúa, atopando un aumento ‘insignificante’ (inferior ao 5%) con respecto ao período actual”, recolle o artigo.
Cada vez máis secas
En canto á aparición de secas, o estudo apunta que o transporte atmosférico de humidade exerce unha influencia notablemente maior nos climas futuros que no actual. Isto débese ao aumento da probabilidade da aparición de secas asociado aos déficits de transporte de humidade desde a fonte oceánica dominante. “Prevese que os valores medios sexan do 40%, é dicir, entre dúas e tres veces maiores nos períodos futuros que no actual. Este aumento tamén se observa cando se analizan todas as fontes de humidade oceánica dunha rexión determinada, por exemplo, no caso da península ibérica”, destaca Luís Gimeno, investigador da UVigo que liderou o estudo.
Segundo explica o equipo, este rechamante aumento do impacto do transporte de humidade sobre a probabilidade de secas podería atribuírse á diminución prevista dos niveis terrestres de almacenamento de auga en toda a rexión euromediterránea. Isto, sinalan, reduciría o papel das fontes locais de humidade na xeración de precipitacións, aumentando a importancia do transporte de humidade desde o océano na ocorrencia de secas. “Estes resultados poñen de relevo o papel clave do transporte de humidade desde o océano nas futuras secas da rexión, especialmente no contexto da redución de achegas locais de humidade procedentes da evaporación terrestre como consecuencia dun solo máis seco”, conclúe Gimeno.
Referencia: The increasing influence of atmospheric moisture transport on hydrometeorological extremes in the Euromediterranean region with global warming (Publicado en Communications Earth & Environment)
Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.