A crise do feudalismo europeo na baixa Idade Media, agravada pola peste negra de 1348, deu lugar a un descenso dos ingresos que provocou un forte aumento da presión señorial e, en consecuencia, dos conflitos sociais entre vasalos e señores, tamén entre os “pequenos” contra os “grandes”, así como as loitas internobiliarias por rendas, terras e vasalos. Crise global que contribúe á formación dunha nova nobreza máis violenta e belicosa, consecuencia directa da vitoria dos trastámaras na guerra civil pola Coroa de Castela, 1366-1369.
Radicalización dunha nova nobreza laica que adquiriu, se é posible no Reino de Galicia, matices máis agresivos e criminais, pola súa dobre intención de refeudalizar a sociedade e desprazar a Igrexa do seu papel axial no sistema señorial galego.
Nobreza malfeitora
A nobreza trasmarista encheu Galicia de fortalezas, aumentou tributos e servizos feudais, ampliando os seus dominios mediante a imposición e a violencia. O que xerou unha ampla comunidade de prexudicados que incluía, ademais dos populares rurais e urbanos, e da burguesía das cidades, amplos sectores da pequena e mesmo da nobreza media, así como da Igrexa, que sufriu a masiva ocupación das súas terras. Incluso a propia monarquía, que soportou a usurpación das rendas reais e o acoso nobre sobre os poucos lugares de reguengo que existían en Galicia. O Reino de Galicia levaba máis dun século sen a visita dun rei de Castela e León: dende Enrique II o Trastámara, en 1376, ata os Reis Católicos, en 1486.
A acumulación de crimes, males e danos provocou, a mediados do século XV, un impoñente sentimento de agravio, labrego e popular, que caracterizou as fortalezas de “niños de malfeitores” e os cabaleiros galegos de “malfeitores do Reino”, estoupando en todas partes na primavera de 1467 como mentalidade xusticeira insurreccional, despois de varios ensaios locais e provinciais, dende 1431.
Henrique IV autoriza, por interese propio (os populares de Galicia apoiárono na guerra civil), en contra da opinión da nobreza galega (en boa parte a favor do príncipe Afonso), a extensión ao Reino de Galicia da Irmandade de Castela e León creada en 1464 (Segovia).
A historiografía galega bautizará como irmandiños, a comezos do século XX, os irmáns que compuxeron a Santa Irmandade do Reino de Galicia, participando activamente no masivo levantamento da primavera de 1467.
Contexto e transición
O desencadeamento e triunfo inmediato do levantamento social non se explica sen o contexto político e histórico favorable daqueles anos. A Guerra Civil castelá, 1465-1468, coa competencia entre dous Reis, Henrique IV e Afonso XII de Castela, deu lugar a un visible baleiro de poder no Reino de Galicia, secularmente afastado da Corte de Castela. Oco aproveitado intelixentemente polos dirixentes irmandiños para constituíren a súa propia Xunta Xeral do Reino, sostendo e liderando a insurrección popular, no campo e nas cidades, contra as fortalezas e os “señores, cabaleiros e prelados”.
Rebelión político-social que tivo como pano de fondo a transición, en toda Europa, da Idade Media á Idade Moderna, e a irrupción definitiva na península do novo Estado unificado dos Reis Católicos que substituíu os señores feudais galegos por un novo poder público centralizado, mais eficaz. O propio de Galicia foi, polo tanto, o papel das revoltas populares nesa crucial transición social, política e cultural (Renacemento) do século XV ao século XVI.
Protagonismo coral
A revolución galega dos irmandiños foi alén dunha insurrección dos vasalos, as cidades (artesáns e comerciantes) e o campo (labregos), contra os señores e as súas fortalezas malfeitoras: interviñeron outros estratos sociais prexudicados pola oligarquía feudal que (mal) gobernaba o illado Reino de Galicia.
Sectores da pequena e mediana nobreza achegaron grandes capitáns aos exércitos irmandiños: Alonso de Lanzós, Pedro Osorio, Diego de Lemos, Fernán Díaz Teixeiro, Álvaro Sánchez de Ávila, Lopo Pérez Mariño de Lobeira, Sueiro de Noguerol, Nuno Dousende… Os cregos de base fundamentaron a visión providencial e milenarista da insurrección dos “comúns”; cabidos e cóengos das cinco catedrais financiaron a sublevación (Santiago), participaron elixindo deputados (Lugo) ou foron mesmo a derrubar castelos (Ourense). Así como escribáns-notarios e letrados lexitimaron e desenvolveron, en Galicia e dende a Corte (Fernando de Pulgar), os conceptos alternativos de xustiza, paz e seguridade que os sublevados galegos puxeron en práctica en 1467.
Propósitos irmandiños
Para obter datos factuais, e de mentalidade, sobre a Santa Irmandade e os seus compoñentes, dispoñemos dunha fonte extraordinaria: as probanzas do preito Tabera-Fonseca sobre o derrubamento, e non reconstrución, das fortalezas do arcebispado de Santiago. Falan 204 testemuñas de toda Galicia que participaron —ou viron sendo nenos— na revolución contra as fortalezas e os señores feudais. Podemos resumir os fins irmandiños en tres partes: garantir a xustiza, a paz e a seguridade no Reino; derrubar as fortalezas das que se facían os agravios; e substituír o poder dos señores polo poder das irmandades, obxectivo ambicioso máis practicado que proclamado, certamente.
Os alcaldes da gran irmandade, organizados a nivel local, provincial (diocesano) e galego, exerceron unha xustiza exemplar durante os dous anos que se mantiveron no poder. Tanto a “pequena” xustiza contra os criminais que arrasaban campos e cidades, por causa da anarquía nobiliaria e o mal exemplo dos cabaleiros, como a “gran” xustiza contra os señores malfeitores e as súas fortalezas. O éxito xusticeiro galego foi tal que tivo certo recoñecemento na Corte (onde algúns tamén criticaron os seus “excesos”), servindo de referencia e estímulo, mutatis mutandis, aos Reis Católicos e aos seus enviados a Galicia trece anos despois.
A demolición das fortalezas foi o obxectivo máis claro e consensuado, contundente e vitorioso da sublevación irmandiña. Unhas rendéronse e outras tiveron que ser tomadas por asalto. Cada irmandade encargábase en principio dos castelos e torres da súa xurisdición, segundo eles mesmos comentaban, aínda que se formaron grandes exércitos (centro, norte e sur) que seguían itinerarios para asaltar e derrubar os castelos máis fortes e recalcitrantes. A ira acumulada contra os señores concentrábase pois nas pedras, que ás veces ferían os apresurados asaltantes cando caían.
Porén, a destrución do sistema de fortalezas respondeu tamén a unha estratexia racional: arrasar a base material do poder dos señores feudais que (mal) gobernaban na Galicia baixomedieval. Protagonistas, testemuñas e descendentes afirmaron, arredor de 1526-1527, que os destruíron moitísimas fortalezas: “todas menos Pambre”. De certo que os derrocamentos foron masivos, documentamos 251 fortalezas como derrubadas, e non están todas, aínda que na nosa lista figuran as máis importantes. Tamén caeron, por suposto, as torres e castelos dos cabaleiros que formaban parte da irmandade, mentres que respectaron as murallas urbanas (salvo certas fortificacións que ameazaban os veciños) e as catedrais (todas elas fortificadas), xa que as cidades e os cabidos foron partes relevantes do movemento irmandiño. Por exemplo, ao derrubar as Torres do Oeste, en Catoira, respectaron a pequena igrexa que contiña, aínda hoxe en pé.
Despois da gran revolta, a reacción nobiliaria reedificou parte das fortalezas que foran destruídas polos irmandiños, que pronto atoparon unha segunda oportunidade para derrubalas coa chegada a Galicia, comisionados polos Reis Católicos, dos oficiais reais Antonio Paz (arcediago de Camaces), Fernando de Acuña (cabaleiro do Consello Real) e García López de Chinchilla (xurista). Contan as crónicas que estes volveron a derrubar, polo menos, 46 das fortalezas rehabilitadas polos señores, mediante as serventías forzosas aos vasalos que as derrubaran. A inmensa maioría dos nosos castelos medievais permaneceron en ruínas ata o día de hoxe, marcando cos seus restos visibles o peculiar tránsito en Galicia do feudalismo medieval ao Antigo Réxime.
A terceira finalidade dos rebeldes ten que ver coa dimensión antiseñorial da gran revolta. Segundo definen as testemuñas do Preito Tabera-Fonseca á revolución galega da Santa Irmandade: “se llebantaron a vos de hermandad contra los caballeros del dicho Reyno”; foi un levantamento da xente común contra “los señores, prelados y caballeros”. A insurrección popular contra os señores supuxo unha ruptura vasalática xeneralizada nunca antes vista. Baixo o goberno irmandiño non se pagaron rendas, nin se cumpriron os servizos feudais. Unha vez derrotados militarmente os señores feudais, a única forza militar que existía daquela en Galicia foron os exércitos irmandiños. Os señores, cabaleiros e prelados máis recalcitrantes foron expulsados pola forza do Reino (por exemplo, os 30.000 irmandiños que perseguiron ó conde de Lemos ata Ponferrada). O resto quedaron desarmados nunha especie de exilio interior: “ficaron ataes ben como o primeyro día que naceran: sen terras et sen va[sa]llos”. Declarará metaforicamente un veciño de Betanzos que “oia dezir que los gorriones abian de correr tras los falcones e ansi dize que bio que los de la dicha hermandad corrían tras de los dichos caballeros hasta que los hizieron yr del dicho Reyno”. Entre as primaveras de 1467 e 1469, os galegos viviron, en definitiva, unha utopía de facto: sen señores.
Xunta de Galicia
Unha das características máis novidosas da revolta irmandiña, se a comparamos con outras que se deron na Europa baixomedieval, é a súa longa duración: dous anos. Un período que foi, como moito, de semanas coa jacquerie (1358), os ciompi (1378) ou a sublevación inglesa de Wat Tyler (1381). Outra excepción sería, no século XV, a revolución husita, herexía relixiosa á que se subordinaba a acción civil rebelde, a diferenza do que aconteceu cos irmandiños de Galicia, cuxo providencialismo (apocalíptico) viña sendo ademais tradicional.
A singular duración da insurrección irmandiña explícase non só polo baleiro de poder existente na Coroa de Castela en 1467. Xa que non será a monarquía vencedora quen poña fin á Galicia irmandiña, se non unha reacción señorial armada, en 1469, sen o apoio do proirmandiño Henrique IV. Contrarrevolución que tivo lugar, ademais, un ano despois da fin da guerra civil castelá, 1468, pola morte do príncipe Alfonso e o tratado dos Touros de Guisando. Prolongación da revolta que só se entende, en resumidas contas, pola vixencia e continuidade do poder autonómico propio (na práctica independente): a Xunta Xeral das irmandades, que asume no Reino de Galicia todo o poder militar, lexislativo, facendístico e xudicial, de 1467 a 1469.
Temos documentadas cinco grandes reunións da itinerante Xunta Xeral da Santa Irmandade do Reino de Galicia en Melide, Betanzos, Santiago, Lugo e Ourense. Onde se reúnen en asemblea os deputados elixidos para tal fin, xunto aos determinantes alcaldes irmandiños coas súas varas de mando, así como notarios, cadrilleiros e capitáns das distintas irmandades. Fixeron xustiza, tomaron acordos e mesmo mantiveron algún contacto con El-Rey. Por exemplo, a Xunta de Betanzos recibe, en xuño de 1467, unha carta de Henrique IV pedíndolles que no derrocasen as fortalezas dos seus amigos Sarmiento y Zúñiga, orde que desobedeceron (mellor dito: obedecen, pero non cumpren). Un mes despois, o 6 de xullo de 1467, cando o rei Henrique, a cuxo bando político diciamos apoiaban os irmandiños, envioulles outra carta —con Fernando de Pulgar como secretario— na que daba por bos os derrocamentos xa realizados e enviaba os alcaldes das fortalezas, aínda resistentes aos asedios, que as entregaran —para a súa demolición— á Santa Irmandade. O Rei aprobou concretamente o derrocamento das fortalezas malfeitoras, pero as irmandades derrubáronas todas, por considerar que de todas elas se estaban a cometer malfeitorías.
Vitoria e historia
Lendo as declaracións do preito Tabera-Fonseca atopamos un sorprendente e maioritario sentimento de vitoria, entre os protagonistas e os seus descendentes, sesenta anos despois da gran revolta. Estado de ánimo xustificado, a curto prazo, pola triunfal insurrección inicial, as masivas demolicións e a implantación dun Reino libre de señores en Galicia de 1467 a 1469.
O regreso dos cabaleiros falcóns non supuxo represión: a masividade e transversalidade do levantamento impedírono. Cando o mariscal Pedro Pardo de Cela (que despois sería executado polos Reis Católicos, tachado de malfeitor) suxeriu, en 1469, ó seu sogro, o conde de Lemos, que “ynchiese los carballos de los dichos basallos e quel dicho Conde [dijo] que no quería, que no se abia de mantener de los carballos”. Era, e é, un feito sabido que os porcos aliméntanse coas landras dos carballos.
Así e todo, ao Reino irmandiño segue unha década ominosa de reconstrución forzada, refeudalización e regreso á guerra interseñorial. Tendo lugar, a partir de 1480, outro punto de inflexión coa chegada a Galicia dun exército real de 300 lanzas (guerreiros a cabalo), ao que se xuntou unha extensa infantería recrutada polas novas irmandades, que os Reis Católicos fixeran posible para acabar dunha vez coa anarquía nobiliaria no Reino de Galicia. Entre 1480 e 1483 (axustizamento de Pardo de Cela), Galicia viviu, desta forma, unha segunda volta irmandiña (“estaban tan fuertes con el Gobernador que aun parezia que mandavan como de primero”) que, con certeza, non tivo o carácter revolucionario de 1467, mais permitiu afastar definitivamente do poder a oligarquía feudal galega e sentar as bases dun poder público moderno coa Audiencia de Galicia, e outras medidas, que non satisfixeron a parte máis utópica das reivindicacións Irmandiñas (que volveron a expor aos Reis en 1483), mais supuxeron un cambio radical e positivo para a maioría da sociedade galega.
Todos os colectivos e clases sociais participantes gañaron, a curto, medio ou longo prazo, coa revolución irmandiña e os seus efectos directos e indirectos. Campesiños e cidades libráronse para sempre das fortalezas feudais e a delincuencia señorial; tamén viron desaparecer ou reducirse grandemente as rendas feudais, substituídas progresivamente polos contratos de foro, cuxa xeneralización sentou as bases da pequena propiedade campesiña, hexemónica na Galicia moderna e contemporánea, que evolucionou, xa que logo, dende o século XVI, da Galicia das fortalezas á Galicia dos pazos. A Igrexa recuperou as xurisdicións usurpadas pola nobreza laica, así como a súa alta posición no sistema señorial galego, agora principalmente como parte contratante. A fidalguía intermediaria converteuse na nova clase dirixente. Intelectuais urbanos e cortesáns acadaron o fito histórico dunha administración pública de xustiza no Reino de Galicia. E, ao cabo, os cabaleiros que foron grandes capitáns irmandiños como Pedro Osorio, Alonso de Lanzós ou Diego de Lemos ascenderon, en maior ou menor medida, na súa carreira nobiliaria, sen guerras, agravios nin a sobreexplotación dos seus vasalos. En suma, unha revolta popular e galega que tivo ao seu favor o vento da historia.