Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

T de Terras: a organización territorial do Reino de Galicia

Existía unha rede de identidades que se repartían o control do territorio e que estaban en constante evolución

A organización territorial do Reino de Galicia pódese comparar a un crebacabezas. A complexidade da articulación do territorio na Alta Idade Media vén derivada de que a circunscrición política está suxeita a unha constante evolución, ao que lle hai que sumar que existen moitos documentos sospeitosos de ser falsos. A idea básica da que parten os historiadores é que existía unha rede de identidades que se repartían o control do territorio, como as terras, os condados e os territorios. Algúns conceptos, sobre todo no século IX e X, utilízanse en paralelo, conviven distintas terminoloxías e resulta difícil marcar as diferenzas. Coa chegada da Idade Moderna, estes modelos mudan e case non se poden establecer paralalismos. Probablemente a maior herdanza da rede territorial galega medieval é a continuidade toponímica. Lugares como por exemplo A Limia, Demancos ou Deza conservaron as súas denominacións e isto axuda un pouco máis a entender as entidades territoriais do medievo e a súa evolución.

A investigadora de historia medieval Mariña Bermúdez, autora do artigo Terras, condados e territorios: recompoñendo un crebacabezas, explica que existe máis continuidade no topónimo que nos nomes das organizacións territoriais. Por exemplo, o municipio de Sobrado (A Coruña) foi comitatus, commisso e tamén terra pero conservou o mesmo nome. “No caso do comitatus, podemos pensar que ten que ter un conde á fronte pero non necesariamente, porque atopámolos tamen á fronte doutras denominacións”. Dentro deste aparente caos, unha vez que se estuda en detalle, si que existe un seguimento. Un dos documentos históricos máis importantes neste senso é o de Tructino, encargado polo rei Afonso III, que lle ordena elaborar unha “relación de parte das igrexas que pertencían á sede de Iria Flavia”, apunta a historiadora no artigo. “O resultado é un texto que permite achegarse á realidade administrativa das últimas décadas do século IX grazas a unha listaxe de 65 igrexas vinculadas a 16 entidades territoriais distintas, tres delas identificadas expresamente como commissos”.

Publicidade

Os commisos son a unidade territorial que maior presenza teñen no século IX. Constitúen unha circunscrición territorial que articulaba o espazo medieval no Reino de Galicia, “abranguía un número variable de parroquias, cuns límites definididos e estables, dirixida por un delegado do poder do monarca (aristócrata ou institución eclesiástica), con continuidade no tempo”. Con todo, foi substituída por outra entidade propia da organización eclesiástica. Aquí atopamos nomes como Trasancos, Lauazengos, Nemitos, Bregantinos, Seminaria, Nemancos, Carnota, Monte Sacro e Monte Nigro. Bermúdez alega que nos mapas dos arciprestados — termo que define un conxunto de parroquias— atopamos outras tantas coincidencias nas súas denominacións: Céltigos, Nemancos, Posmarcos, Faro, Pruzos, Bezoucos ou Bergantiños, que na actualidade tamén son arciprestados.

Polisemia

O que antes se definía como “terra” ou “territorio” é moi difícil de comprender na actualidade e os historiadores non poden elaborar unha listaxe completa de todos os que existían. Neste caso, o rei que era responsable dunha terra recibía o nome de “tenente”. É unha maneira de identificala: ben porque aparece a expresión terra cun topónimo, como “terra de Deza”, ou porque aparece o “tenente de Deza“, que é unha figura que aparece habitualmente na península nos reinos cristiáns. Son entidades de carácter supraparroquial, é dicir, a unidade elemental é a parroquia e son circunscricións que están formadas por varias. Aquí englóbanse lugares como Toroño, explica Bermúdez, que é comparable a diocese de Tui na parte galega. Na actualidade, o máis parecido a unha terra é unha comarca.

Publicidade

A denominación de “terra” é un dos conceptos máis tardíos e tivo moita difusión nas fonte escritas. A difusión do sistema de tenencias tivo lugar no século XIII, con Afonso IX e Fernando III, “asentada sobre unha estrutura de terras, en moitos casos continuadores dos territorios e incluso commissos dos séculos precedentes”. Segundo explica a investigadora, son reis con moita vinculación con Galicia e iso percíbese na documentación histórica. Desta maneira, imponse o uso desta terminoloxía que tamén se atopa en Portugal, xa que constitúen unha mesma realidade.

Na documentación non se insiste nos límites territoriais porque eran coñecidos, o que se cadra, complícao máis. “Se agora falamos da provincia de Pontevedra, non fai falla que falemos dos límites porque todos os coñecemos”, explica Bermúdez. Todos as dimensións territoriais dependen do rei, que é a autoridade superior, e este necesitaba fragmentar o territorio para poder gobernalo, pero en realidade, os historiadores constatan unha certa polisemia ou un cambio no nome das entidades. Aquí é onde a toponimia pode trazar as conexións. Por exemplo, segundo os documentos históricos o denominado comitatus ten unha definición moi similar á de commisso. Bermúdez apunta que son definicións moi “vagas e xenéricas”. A principal diferenza que se lles pode atribuír, segundo expón a autora no artigo, é que a persoa que está á fronte é distinta; por outra banda, tamén existe a crenza de que ambos conceptos significan o mesmo, e que o commisso foi caendo en desuso ata que foi substituído por comitatum

A mandatione e mandamentum son termos cunha presenza menor. Segundo explica Bermúdez no seu artigo, é unha xurdisción dun conde, un meiriño ou un sayón, pero tamén podería ter un sentido comarcal ou referirse á posesión dunha villa. “Por unha banda, o mandamento era unha unidade territorial que orixinariamente formaba parte do patrimonio que posuía o rei dentro das distintas circunscricións do territorio galego”, explica a autora. Ese patrimonio podía tamén estar en mans de delegados do rei. E ao mesmo termo, “pode facer alusión a unha unidade territorial que ten como centro unha villa, casa ou castelo, outorgada polo rei a membros destacados da sociedade”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:06

Z de Zas: unha ponte (medieval) á arquitectura do pasado

A catedral de Santiago, a capela de San Miguel de Celanova e a igrexa de Santa Comba de Bande son algunhas das obras máis representativas da Idade Media en Galicia
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores
00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño
00:04:21

N de Nutrición: os galegos do medievo xa comían filloas e polbo (pero non á feira)

A dieta do pobo estaba restrinxida a papas, potaxes e sopas, coas castañas como principal fonte de hidratos de carbono máis alá do pan