Dicionario da Galicia histórica, un reino do A ao Z

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

Sobre a Revolta Irmandiña existen grandas epopeas. Constitúe un feito digno de lembrar que os irmandiños que gobernaron o Reino de Galicia entre 1467 e 1469, de maneira vitoriosa, se aliaran dende a solidariedade contra as violencias dos señores e crearan un poder propio. Os que supostamente tiñan que garantir a orde pública atentaban contra os campos e as cidades con tributos imposibles. Os campesiños, mariñeiros, artesáns, erguéronse contra a oligarquía feudal e cambiaron para sempre a historia de Galicia. A insurreción galega do século XV explica á perfección a crise do modelo medieval en Europa e dá paso á Idade Moderna. As fortalezas eran o símbolo que os irmandiños trataban de destruír ao berro de “todos á unha”, onde a xente do común formou parte, por primeira vez na historia de Galicia, dunha rebelión exitosa a pesar de que se intentase difundir dende a nobreza a derrota do poder popular. A súa versión, fronte á dos irmandiños, non prosperou.

O historiador medieval da Universidade de Santiago, Xosé Manuel Sánchez, explica que a Revolta Irmandiña explica un contexto histórico de cambio. “Inclúese na liña dos procesos europeos onde se recollen os alicerces do propio Reino de Galicia, que entran nas formas organizativas en canto o contexto e o espazo no que se ergue esta revolta como reacción. Constitúen un tempo de conflitividade dende unhas reclamacións que teñen sentido no contexto desta época”, explica. A dinastía da Casa de Trastámara dende 1369 procurou apropiarse do poder social en Galicia, atacando aos campesiños pero tamén á burguesía, os mosteiros e os bispos. Foi a partir de 1465 cando nas cinzas da guerra civil entre Enrique IV e Afonso XII e o baleiro de poder que fica na Coroa de Castela e León os irmandiños viron a posibilidade de cambio.

Publicidade

No artigo “Revolta dos Irmandiños. Os gorrións corren tralos falcóns” de Carlos Barros, historiador e fundador de Historia a Debate, expóñense dúas revoltas precedentes que estableceron as bases da Gran Guerra Irmandiña e o seu éxito. A primeira, malchamada Fusquenlla, ten lugar en 1431 nas terras dos Andrade e consegue o apoio dos vasalos do bispado de Mondoñedo e Lugo. Barros explica no seu traballo que fortalezas como Rocha Forte, que non foi conseguida de derrocar anteriormente polo Conde de Trastámara e outros cabaleiros, foi abatida pola irmandade fusquenlla. “Os cabaleiros e señores do reino non puideron resistir aos cercos que puxeran os pobos e a xente do común e os diputados e alcaldes irmandiños”, alega o autor no seu artigo. En 1451, a Revolta dos Portos tivo lugar nas Rías Baixas, especialmente en Pontevedra e Arousa, e todo apunta a que foi a primeira na que se derrubaron fortalezas. Foron os procedentes da Gran Revolta ou Rebelión Irmandiña.

Os “malfeitores”

Agás os señores — partidarios do príncipe Afonso—, o conxunto da poboación foi fiel a Enrique IV, sobre todo as cidades e os bispos. Esta ruptura fomenta as peticións das irmandades para protexer o territorio e á súa poboación da nobreza galega. Así, Santiago, Betanzos, Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e Ferrol piden consentimento ao rei de formar no reino as Irmandades, que se constitúen finalmente en 1476. Foron pregonadas nas rúas. Desta maneira, a desilusión e a rabia dos vasalos e cidadáns colle forza tralo beneplácito do monarca, considerando aos señores como os “malfeitores”, que “extremaron no século XV, por vía da coerción e da ocupación dos tradicionais señoríos eclesiásticos, os tributos e dereitos señoriais ata o punto de poder falar, con todo rigor, dunha segunda feudalización en Galicia”, apunta Carlos Barros.

Publicidade

O apoio do rei permitiu a participación popular, e representaba ao monarca nos actos dos irmandiños. Durante estes anos, destruíuronse a maior parte das fortalezas do reino e os vasalos, como se revelaron contra os señores, deixaron de pagar as rendas feudais. Como o obxectivo do poder popular era arremeter contra o símbolo opresor, as fortalezas, a fin da revolta chega case sen represión, unha vez que tamén se asenta a “tranquilidade” no Reino de Galicia co autogoberno irmandiño. “A elección do obxectivo material da revelión dos vasalos galegos proba súa intelixencia colectiva. Unha vez derrubados os castelos e as torres dos cabaleiros” o Reino entrou nun período de paz. Proba disto, explica o autor, “é que o cabido de Santiago pode, en 1468, propoñerse tranquilamente a reparación dos desperfectos que sufrira a catedral durante as guerras pre-irmandiñas”. Sen dúbida, un dos elementos máis salientables da revolta, coinciden os expertos, é o compañeiros e unión entre os campesiños e os cidadáns.

Neste senso, unha das “novidades históricas” da gran sublevación foi o seu carácter propiamente galego. O pobo, contra os señores e cabaleiros, exerceu o seu poder no ámbito político do Reino e creou un novo poder autónomo: “As xuntas da Santa Irmandade do Reino de Galicia, das cales procede, como é lóxico, dende o punto de vista histórico, a actual Xunta de Galicia”, sinala Barros. Pola súa banda, Xosé Manuel Sánchez considera que a Revolta Irmandiña exemplifica en Europa un cambio nas relacións sociais e económicas, que vai traer consigo a administración política. Dende o século XIII, fornecíase un Estado Moderno no contexto do crecemento das cidades que non só ocorre no Reino de Galicia, senón tamén no contexto peninsular, que vén a construír un contexto político diferente. No seu artigo, Barros apunta que “a derrota moral, social e militar de 1467 supón sen ningunha dúbida o principio da fin da nobreza feudal en Galicia e, en definitiva, a entrada na Idade Moderna, época de grandes luces pero tamén, hai que dicilo, de negras sombas para os galegos”.

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe