Uxía ten a esperanza de que cada vez haxa máis representación feminina no sector tecnolóxico. Ela fala con coñecemento de causa: é a primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial da Universidade de Vigo (UVigo). Presentou a súa tese en novembro de 2023 deixando unha pegada indeleble na historia da institución, pero tamén no seu percorrido vital. “Este logro é un testemuño do que se pode alcanzar con dedicación e paixón, e espero que sirva para romper as barreiras de xénero nun campo tradicionalmente dominado por homes”, di Uxía García Luis, actualmente investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da UVigo. Dende o mesmo centro no que estudou e posteriormente se doutorou, García Luis centra o seu traballo na ciencia espacial e, máis en concreto, nas análises térmicas e estruturais dos satélites.
De feito, a súa tese centrouse na análise da fiabilidade termo-elástica dos telescopios espaciais; un aspecto clave para evitar as deformacións causadas polas variacións térmicas. Segundo explica a investigadora de atlanTTic, cando os satélites están en órbita expóñense a temperaturas “moi extremas”. “Estas flutuacións térmicas poden causar deformacións estruturais que, se non se xestionan correctamente, poden afectar significativamente ao rendemento do satélite”, expón García Luis. Polo tanto, as análises termo-elásticas nas que centrou a súa tese son clave para asegurar que as variacións térmicas non causen deformacións no funcionamento de determinados instrumentos, como os telescopios. “Actualmente hai unha tendencia crecente a emprender misións que demandan esta maior precisión, o que incrementa a importancia de realizar análises das deformacións termo-elásticas”, apunta.
Máis en detalle, a tese de García Luis combinou o estudo dos efectos termo-elásticos nos satélites xunto á análise de incertezas. “O noso obxectivo era identificar os elementos de deseño que teñen unha maior posibilidade de causar erros ópticos nos telescopios, minimizando así posibles fallos nas misións”, detalla a investigadora de atlanTTic. Isto adquire aínda máis importancia tendo en conta que, segundo expuxo García Luis na presentación da súa tese, estase a producir un cambio no paradigma aeroespacial denominado New Space. Ao abeiro deste movemento, a tendencia é que os satélites sexan cada vez máis pequenos e, polo tanto, os seus custos de fabricación e lanzamento sexan aínda menores. “Esta democratización non só fai o espazo máis accesible; tamén rompe o monopolio das grandes axencias espaciais e xera unha nova era de oportunidades económicas”, matiza a experta, que insiste en que o espazo aeroespacial xa está aberto a outros actores, como os centros de investigacións e as universidades nas que ela mesma traballa.
O paradigma de Elon Musk
O uso de pequenos satélites e a redución progresiva dos custos de lanzamento leva directamente a un nome: Elon Musk. O magnete tecnolóxico, ademais de ser o dono da rede social X (antes Twitter), tamén está detrás de Starlink, unha empresa que pertence ao proxecto Space X e que busca crear unha constelación de satélites para ofrecer unha cobertura xeneralizada a internet. O proxecto, moi controvertido, ten as súas luces e sombras, segundo expón García Luis. A investigadora de atlanTTic enfatiza como punto forte a capacidade de proporcionar acceso a internet de alta velocidade a nivel global, incluso en áreas remotas. “Isto resulta especialmente relevante para rexións como Galicia, onde o despoboamento rural é unha preocupación crecente”, indica. Cre que o proxecto de Musk pode fomentar o emprendemento rural e o teletraballo en zonas menos poboadas, ademais de impulsar a competitividade no mercado aeroespacial.
Porén, tamén son moitas as críticas que se verten contra Starlink, fundamentalmente pola cantidade de satélites que pretende poñer en órbita e o seu impacto espacial. “A elevada cantidade de satélites asociados ao proxecto incrementa o risco de contaminación espacial e portenciais colisións en órbita, unha cuestión crítica para a seguridade das misións espaciais tanto actuais como futuras”, sostén a investigadora de atlanTTic. Amais disto, outro dos principais retos do proxecto de Musk é a regulación espacial, dado que Starlink suscita moitos interrogantes sobre as normas do lanzamento de satélites en órbita. E por último, García Luis salienta entre as implicacións negativas que os satélites, que se deixan ver recorrentemente no ceo galego como unha longa ristra de luces brancas, como afectan negativamente á observación do ceo nocturno.
Máis espazo para máis mulleres
Máis alá da contribución de García Luis no seu campo de estudo, a investigadora de atlanTTic é recoñecida por ser a primeira en doutorarse na UVigo no ámbito aeroespecial. E, ademais, é muller. Aínda que asegura que ao longo da súa carreira investigadora nunca se enfrontou a situacións de discriminación por razóns de xénero, recoñece que é a única muller do seu equipo. “Esta é unha situación que atribúo á escaseza histórica de mulleres nun ámbito tradicionalmente dominado por homes”, apunta. E aínda que é consciente da dificultade de reverter as cifras, mantén a esperanza en que pronto se acade “un equilibrio máis representativo”.
“Hai que actuar dende a educación temperá, inculcando nas escolas que materias como as matemáticas poden ser entretidas e mostrando a variedade de campos nos que podes traballar cunha formación STEM”, engade García Luis. A investigadora enfatiza que a cuestión non reside en que todas as rapazas estuden carreiras científicas ou técnicas, senón en que se teñen interesen por estes ámbitos non se sentan desalentadas a entrar no sector. “Para animar ás rapazas máis novas destacaría o importante que é este campo. Diríalles que, ao elixir este camiño, teñen a oportunidade de traballar en proxectos que antes parecían soños, como viaxar a Marte”, conclúe a investigadora de atlanTTic.
Tanto ten qué sexa, Doutora en Aerosespacial, futvolista ou granxeira, se é muller o único que di en prensa é ‘feminismo’ impostado 24/7. Pois moi ben. Que lle veñan dicir a unha sociedade prácticamente matriarcal que hai que quebrar as espectativas de xénero non seo se é de risa ou de descoñecemento total do contexto local. Moito estudar para que despóis che quede cerebeo de NPC, moi lóxico todo.