Conversar co doutor e enxeñeiro de Telecomunicacións Fernando Aguado (Zaragoza, 1969) é facelo co gran artífice do desenvolvemento da industria aeroespacial galega nos últimos 15 anos. O alto grao de coñecemento que revelan as súas explicacións e o entusiasmo co que fala dos proxectos en marcha indican que o sector pode contar cun amplo campo de desenvolvemento nos próximos anos na comunidade autónoma. O modelo posto en marcha pola Universidade de Vigo (UVigo), coa colaboración do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, é ademais reproducible noutras áreas de investigación en Galicia. Aguado é o actual responsable do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais da UVigo e na súa traxectoria destacan fitos como o lanzamento do primeiro satélite galego (Xatcobeo) en 2012 e a colaboración en distintos proxectos coa Axencia Espacial Europea (ESA).
—Como foron os inicios da posta en marcha da unidade aeroespacial da UVigo e da aventura espacial galega?
—Pois o detonante foi unha chamada a finais do ano 2007 dunha antiga alumna nosa, Estefanía Sarmiento, que estaba traballando no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) despois de facer o proxecto fin de carreira na Axencia Espacial Europea (ESA). Chamounos para avisar dunha convocatoria da Axencia, que ía a lanzar un foguete no que no voo inaugural ofrecía lanzamentos gratuítos de satélites desenvolvidos polas universidades. Nós incorporámonos ao proxecto co apoio do INTA e aí comezou o camiño ata chegar a hoxe. Actualmente Estefanía traballa en Eutelsat en Alemaña e seguimos en contacto con ela. A conclusión é que os mellores embaixadores das universidades son os nosos propios alumnos.
—Cales son os proxectos máis destacados nos que está a participar actualmente a unidade?
—Dende a UVigo temos participado no lanzamento de catro satélites e actualmente contamos cun proxecto en colaboración cunha universidade de Noruega coa que se lanzará un novo satélite dende alí dentro de pouco. Os proxectos están orientados ao lanzamento de nanosatélites que se iniciou co lanzamento do Xatcobeo no ano 2012. Nestes anos conseguiuse o obxectivo de adaptar os estándares de calidade para contar co programa estable de lanzamentos que temos agora.
A nosa idea é a de facer un deseño completo dos satélites e non restrinxirnos ás comunicacións, que é onde somos máis fortes. Estamos a traballar tamén na parte de enxeñería mecánica, software, deseño térmico e estruturas e sistema de control. Nos últimos 15 anos participamos en moitos proxectos desde a Universidade de Vigo e coa coordinación de atlanTTic. O último satélite lanzado dende a Uvigo emprégase para as comunicacións con drons. O satélite chámase “Lume” e ten como obxectivo facilitar a alerta temperá na loita contra os lumes forestais.
Tamén participamos no proxecto DustCube, en colaboración coa NASA, e xunto á Universidade de Oviedo estamos traballando nun estudo de viabilidade para explorar con rovers unhas covas da Lúa e ver as posibilidades de que se convertan en refuxio para astronautas que fagan traballos de exploración alí. As covas son bos lugares para iso xa que protexen fronte ao impacto dos meteoritos e da radiación.
“O último satélite lanzado dende a UVigo emprégase para as comunicacións con drons”
—Botando a vista atrás como valoran os fitos conseguidos?
—Estamos moi contentos e orgullosos. Creo que a clave é que dende un primeiro momento tivemos claro que o que queriamos facer era poñer en marcha un programa, non só un proxecto, e tamén o carácter transversal que lle demos dende o principio dentro das posibilidades que nos ofrecía a Uvigo. Hai que agradecer moito o traballo desenvolvido tanto polo persoal investigador como polo persoal contratado. O certo é que non podiamos imaxinar que chegariamos ata este punto e ademais conseguimos crear unha spinoff, Alén Space, para consolidar todo o traballo de investigación que se fixo. A partir de agora hai que seguir traballando e seguir adiante con humildade, sen esquecer que se poden chegar a acadar os obxectivos marcados.
—Cre que a fórmula emprendida por vós se pode levar a cabo con éxito tamén noutros ámbitos de investigación en Galicia?
—Por suposto, creo que isto pode aplicarse noutras áreas e noutras universidades. O que está claro é que a investigación cada vez vai ser máis transversal e multidisciplinar. Por exemplo, no sector aeroespacial cada vez hai máis relación coa investigación no terreo sanitario, do software, das comunicacións, etc. Tanto en Galicia coma na Uvigo contamos con eses perfís e sería moi bo que haxa coordinación entre os distintos grupos de investigación galegos para avanzar nesta liña de colaboración entre nós.
—Que liñas de investigación van a ser as máis destacadas pola vosa parte nos próximos anos?
—Todo o tema de comunicacións cuánticas, clásicas e dispositivos fotónicos vai ser moi importante. Profesores e investigadores como Marcos Curty, Francisco Díaz Otero e Carlos Mosquera están a investigar neste terreo. A integración dos sistemas de comunicacións clásicas e cuánticas nos satélites vai ser clave cara ao futuro. O desenvolvemento dos nanosatélites ten moitas posibilidades, mesmo temos tamén unha colaboración co Instituto Astrofísico de Canarias para investigar neste terreo. Creo que no futuro a industria dos nanosatélites vai a ser complementaria da que xa existe cos satélites tradicionais.
“Os logros da UVigo no terreo da investigación aeroespacial poden acadarse noutros sectores. A clave é o traballo en equipo e a transversalidade”
—Con que apoios institucionais contaron para realizar este camiño?
—Temos que agradecer os apoios que nos prestaron dende a Xunta e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e tamén da Axencia Espacial Europea e o INTA. Para nós foron catro institucións clave. A relación coa ESA e moi boa e a Uvigo tamén está moi ben considerada por eles. Para nós é un orgullo que moitos alumnos que pasaron pola nosa universidade podan estar a traballar agora en proxectos aeroespaciais en Europa ou Estados Unidos. Ademais, é moi gratificante poder seguir traballando co ex alumnado.
Tamén é motivo de orgullo que dende unha universidade pequena como a nosa poda crearse algo como o que fixemos. A globalización ten cousas boas como permitir que en lugares como Galicia tamén se poidan alcanzar niveis de altísimo recoñecemento. Todo isto hai que fomentalo e trasladalo a outros campos nos que tamén se pode facer. A clave para min é o traballo en equipo e a transversalidade.
—Cal sería o seu soño por realizar cara aos próximos anos?
—Para min o máis importante é que este programa que puxemos en marcha quede de xeito estrutural na universidade. Gustaríame que se poida dicir dentro de 50 anos que segue a haber un programa de lanzamento de satélites na UVigo. Máis a curto prazo, agardamos poder traballar en misións de exploración do sistema solar e dar un paso máis alá nas misións científicas. Neste sentido vai a ser moi importante o tema das comunicacións cuánticas e sería un soño converterse nun referente internacional nese terreo. Gústame ver a chispa nos ollos dos alumnos novos. Outro dos temas que quero mencionar é o proxecto Uvigo Space Lab. É unha iniciativa moi boa no que os estudantes da UVigo comezan a familiarizarse cos satélites. Nós colaboramos con eles pero son os alumnos e alumnas os que teñen que procurar financiamento e desenvolver os proxectos. É algo moi interesante para o futuro tamén.