Venres 19 Abril 2024

A Covid-19 foi a sétima causa de morte en Galicia en 2020

O INE constata o menor impacto das primeiras vagas da pandemia fronte á media estatal, onde o coronavirus foi a principal causa de morte

Case medio millón de persoas faleceron en España no ano 2020. O incremento, do 17,9% respecto a 2019, supón o maior rexistrado nas últimas décadas, e está claramente influído pola pandemia da Covid-19, que levou por diante 60.358 vidas (con diagnóstico confirmado) e moi probablemente outras 14.481 con sospeita de morrer por mor do SARS-CoV-2. A nivel estatal e detallado, o coronavirus foi a primeira causa de morte. Así o amosan a Estatística de defuncións segundo a causa da morte, que fixo pública este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE). As cifras dan conta do menor impacto das primeiras vagas da pandemia en 2020 no caso de Galicia, fronte á gravidade do escenario noutras comunidades do territorio estatal: a Covid-19 foi en Galicia a sétima causa de morte, tendo en conta a clasificación establecida polo INE.

Deste xeito, o coronavirus causou 1.512 mortes confirmadas, mentres que hai sospeita de que a causa detrás doutras 91 mortes fose tamén o SARS-CoV-2. Por riba da Covid-19 sitúanse, os trastornos mentais orgánicos senís e presenís (2344 óbitos), o epígrafe “outras enfermidades” do corazón (2.074) e do sistema respiratorio (1.613), enfermidades cerebrovasculares (2.054), insuficiencia cardíaca (1.671) e tumores de tráquea, bronquios e pulmón (1.541). Xusto por detrás están as causas externas de mortalidade (accidentes, suicidios, homicidios ou caídas) e outras enfermidades isquémicas do corazón.

Publicidade

A pesar da menor incidencia da Covid-19 en Galicia respecto á contorna máis próxima, a magnitude da pandemia provocou que se producisen máis óbitos por esta causa ca por algunhas das enfermidades que adoitan ocupar os primeiros postos cada ano. Así, fronte ás máis de 1.500 vítimas do coronavirus, en 2020 faleceron 850 persoas en Galicia por infarto de miocardio, 834 por cancro de colon, 792 por alzhéimer, 568 por diabetes, 562 por cancro de páncreas, 500 por caídas accidentais e 305 por suicidio.

En conxunto, o ano 2020 foi no que máis mortes se rexistraron en Galicia nas últimas décadas, dentro da tendencia crecente por mor do avellentamento da poboación. Faleceron 32.845 persoas, fronte ás 32.419 de 2018.

O grande impacto da Covid-19

No ámbito estatal, e principalmente en comunidades como Madrid, Castilla-La Mancha e Castilla y León, o coronavirus rachou con todos os rexistros previos de mortalidade. A publicación do INE dá conta do enorme impacto da pandemia nalgúns datos: as mortes por enfermidades infecciosas multiplicáronse notablemente, ata un 1068,2% nos centros hospitalarios, un 3511,7% en residencias sociosanitarias.

A estas cifras hai que engadir, segundo detalla igualmente o informe, outras 8.275 defuncións nas que se certificou outra causa de morte, pero nas que a Covid-19 contribuíu ao falecemento. Deles, en 3.770 casos os facultativos identificaron a presenza do SARS-CoV-2 e noutros 4.505 non o fixeron, pero deixaron constancia da sospeita polos síntomas compatibles coa infección. A meirande parte destas mortes producíronse en abril, marzo e novembro. Ao cinguirse a 2020, os datos non recollen a terceira vaga que se desatou a partir de xaneiro de 2021, que provocou outro importante aumento no número de mortes causadas polo coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023