Aguado e todo o equipo do satélite Lume-1 festexan o éxito acadado.

Aguado: “O Lume-1 ten dende Galicia un impacto mundial’

Eran as 11 de mañá deste xoves 27 de decembro cando estouraba a ledicia nunha sala da Escola de Telecomunicacións do campus de Vigo. O ‘Lume-1’ facía o seu primeiro pase orbital por riba de Galicia e os sensores da Estación de Control detectaban o primeiro paso do satélite galego, despois dun lanzamento perfecto dende o porto espacial de Vostochny, en Siberia, a bordo dun foguete Soyuz.

“O lanzamento foi perfecto”, dixo o director do proxecto, o profesor Fernando Aguado: “tivemos xa unhas iniciais boas novas dende a Universidade de Boloña, onde detectaron sinais que eran compatibles co noso satélite… E ás 11 de mañá xa confirmamos que o noso Lume estaba ben”.

O equipo segue o paso de Lume-1 sobre Galicia.

Aguado e o seu equipo da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo atendían logo aos medios coa emoción aínda metida no corpo, malia tratarse do cuarto satélite que poñen en órbita tras do Xatcobeo, o Humsat e o Serpens. “Vigo e Galicia xa son un referente a nivel internacional neste tipo de satélites”, dixo Aguado, que engadiu que o Lume-1 “ten dende Galicia un impacto mundial”.

“Este é un traballo de toda a nosa universidade, unha universidade pública que fai unha labor moi importante de formación que demostra que os nosos profesionais non só poden traballar aquí en Galicia, senón a nivel mundial”, engadiu.

Aguado pensa que o Lume-1, que se integrará no proxecto Fire RS, será “moi útil para a loita contra esa lacra que son os incendios”.

E tras este novo éxito xa pensan nos seguintes proxectos: “Nós tamén participamos no Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, onde tamén está Zona Franca, e estamos a desenvolver o quinto e o sexto, que esperamos ter listos o vindeiro ano”m dixo Aguado: “Non só facemos formación académica, senón que estamos a fomentar a transferencia… que a nosa investigación chegue á industria e poñer o que se fai na Universidade de Vigo no mapa mundial”.

O ‘Lume-1’ xa está a orbitar o planeta Terra e seguirá facendo pases sobre Galicia achegando datos.

E aquí está a crónica do lanzamento dende Rusia:

Lanzado con éxito o satélite galego ‘Lume-1’ co foguete Soyuz

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.