Martes 3 Decembro 2024

“Sexo azul” e “Solarigrafía”, as novidades para 2019 nos museos científicos coruñeses

Os Museos Científicos Coruñeses toman pulo para comezar o novo ano con dúas novidades nas súas exposicións. “Sexo azul“, unha mostra sobre a reprodución sexual dos peixes, e “Solarigrafía”, unha colección de imaxes do Sol desde diferentes puntos da Terra, son as novidades, respectivamente, no Aquarium Finisterrae e na Casa das Ciencias.

Sexo azul

A exposición do Aquarium Finisterrae, que se pode ver na Sala Humboldt, está formada por 20 módulos que conteñen seres vivos, pezas de museo, modelos, pantallas táctiles, xogos, aparellos interactivos e ilustracións. Nos 10 acuarios que contén poden verse animais que migran durante a época de reprodución, coidan as súas crías, constrúen niños, executan complicadas danzas nupciais, intercambian os roles feminino e masculino ou utilizan substancias químicas para atraer a súa parella. Tamén, un peixe capaz de cambiar de sexo ata vinte veces ao día; e unha especie de quenlla cuxas femias, en determinadas circunstancias, son capaces de reproducírense sen a intervención dos machos.

Publicidade

Ademais hai módulos interactivos con xogos e pantallas táctiles, que tratan sobre as substancias químicas, os sons e as danzas que os animais acuáticos utilizan para atraer as súas parellas, o vínculo entre o sexo e o mar na mitoloxía, ou as diferentes estratexias de apareamento.

Ilustracións 

Publicidade

Outro aspecto destacable da exposición son as obras de arte que forman parte dela. Os tres grandes murais que abren e cerran a mostra son obra do ilustrador galego Miguelanxo Prado.

Un dos acuarios de "Sexo Azul". Imaxe: MC2.
Un dos acuarios de “Sexo Azul”. Imaxe: MC2.

Tamén forma parte da exposición unha colección de tratados antigos de historia natural, procedentes da biblioteca do Aquarium Finisterrae e que nunca antes foran mostrados ao público.

Un dos módulos principais da exposición, a instalación Sex machine, é unha escultura colectiva construída con pezas elaboradas polas persoas visitantes do Aquarium Finisterrae que participaron en varios talleres de arte efémera sustentable, que foron organizados con ocasión desta exposición e estiveron dirixidos por artistas do colectivo Retoque Retro.

Sexo azul foi producida polo equipo dos Museos Científicos Coruñeses do Concello da Coruña, coa colaboración de Miguelanxo PradoRetoque Retro, Hilda Varela, o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago e o Museo Nacional de Ciencias Naturais. Conta tamén coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).

Solarigrafía

Unha das imaxes de "Solarigrafía".
Unha das imaxes de “Solarigrafía”.

Outra das novidades é un proxecto aberto que comezou no ano 2000, no que se combinan aspectos artísticos e tecnolóxicos para obter e compartir fotografías que nos mostran o percorrido aparente do Sol en distintas latitudes da Terra. O concepto foi introducido polos fotógrafos Diego López Calvín, Slawomir Decyk e Pawel Kula.

As imaxes obtéñense con cámaras estenopeicas cargadas con papel fotosensible que son expostas á luz durante longos períodos de tempo. A imaxe xérase por ennegrecemento directo no interior da cámara escura e produce un negativo de papel que, nunha segunda fase de traballo, é escaneado e tratado cun programa de edición de imaxe para obter o arquivo dixital.

Ponte entre técnicas

Deste xeito, as imaxes tenden unha ponte entre os comezos da fotografía do século XIX e as modernas técnicas dixitais do século XXI. Ao mesmo tempo, relacionan de forma directa a fotografía como medio de expresión coa astronomía, a meteoroloxía, a xeolocalización, o coñecemento do medio ou a agricultura.

As imaxes da exposición son obra de Diego López Calvín, Otto Roca, Jose Luiz Oubiña, X. Esteban Naves, Xiu Chaw, José Loredo, Maciej Zapior, Łukasz Fajfrowski, Tommy Dahl Markussen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:35

Unha vintena de luras que cambian de cor, novas hóspedes do Aquarium Finisterrae

A especie 'Loligo vulgaris' distribúese por todo o Atlántico oriental, vive a unha profundidade de 500 metros e ten tres corazóns

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

Do Ribeiro a O Gato Negro e de Rodolfus a Casa Ponche: un paseo polos nove Soletes da Coruña

A distinción da Guía Repsol recoñece na provincia desde negocios tradicionais a restaurantes de recente creación

Galicia bate un récord histórico de temperatura con 25,3 graos na Coruña en pleno novembro

Pontevedra acadou o máximo valor con 26,8 graos nunha anómala xornada de calor en todo o territorio