O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro

Os coordinadores científicos do VI Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión, que esta tarde arrinca en Vigo cun completo programa de debate no que participan máis de 40 expertos en calidade de moderadores e relatores, instaron esta mañá en rolda de prensa a impulsar con maior celeridade a oncoloxía de precisión no noso país. Neste sentido, os expertos recoñeceron que, na actualidade, aínda se administran determinados tratamentos a pacientes que non resultarán útiles. E para evitar que isto ocorra é necesario “identificar mellor que paciente pode ou non beneficiarse dun determinado tratamento a través de probas de biomarcadores”. Estas probas xunto ás novas estratexias de inmunoterapia e en fármacos dirixidos son parte fundamental da oncoloxía de precisión, unha disciplina que cada ano que pasa avanza máis, pero que “aínda ten un importante potencial de desenvolvemento”, sinalaron os impulsores de OncoPrecisión24 ante os medios: os doutores Martín Lázaro, Sergio Vázquez e Joaquín Casal.

Na súa intervención, o doutor Lázaro, oncólogo médico no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e presidente da Sociedade Oncolóxica de Galicia (SOG-Galicia), entidade que promove o simposio, destacou ademais que un terzo dos cancros podería evitarse se se difundise máis información sobre actividades saudables e esta fose tomada en consideración maioritariamente pola poboación.

Publicidade

“Evitar o tabaquismo, a exposición solar, a inxesta de carnes vermellas ou alimentos procesados e realizar actividade física” serían, segundo o experto, algunhas das consideracións máis importantes. Martín Lázaro recoñeceu tamén ante os medios que, aínda que a investigación avanzou moito nos últimos anos, en realidade “só coñecemos unha pequena parte do proceso do cancro”. “As novas técnicas diagnósticas e a súa aplicación á oncoloxía favorecerán a abordaxe, coñecer mellor o prognóstico dos nosos pacientes e, sobre todo, ir tratándoos, cada vez, de forma máis personalizada e óptima”, abundou.

Xunto a isto, o presidente da SOG-Galicia reflexionou sobre a necesidade de que os pacientes poidan chegar a beneficiarse dos achados e innovacións que se producen ao fío da oncoloxía de precisión “sen ter que realizar longos desprazamentos”. “Existe unha toxicidade que debemos ter en conta e que afecta negativamente aos afectados: o consumo de tempo en desprazamentos a centros sanitarios”, alertou.

Publicidade

Desenvolvento de plans de oncoloxía de precisión

Ademais de repasar as novidades clínicas por tipos de tumores producidas no último ano, o foro propón mesas de debate sobre xestión, política de prezos e desenvolvemento de plans de oncoloxía de precisión. No desenvolvemento destes plans, na actualidade, “non existe equidade” entre autonomías, sinalou Vázquez. “Cantabria e Cataluña son as que máis avanzaron neste campo e Galicia, se implementa a estratexia aprobada o ano pasado, podería situarse nas posicións de cabeza”, engadiu o xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do HULA.

Finalmente, o doutor Vázquez quixo poñer en valor a mesa de anticorpos biespecíficos como unha das máis relevantes e novas da edición do congreso deste ano. Analizar o papel destes anticorpos, susceptibles de unir a dous antíxenos diferentes ao mesmo tempo, na abordaxe oncolóxica será o obxecto de debate nesta sesión que evidencia, segundo Vázquez, “o maior peso científico que se conferiu ao foro este ano e simboliza o camiño polo que o simposio pretende transitar no futuro”.

Secuenciación de Nova Xeración

Pola súa banda, o doutor Joaquín Casal, xefe de servizo de Oncoloxía Médica do CHUVI destacou na súa intervención que o “maior desafío actual en oncoloxía de precisión é que os sistemas de saúde asuman a necesidade de investir para dotar de NGS —Secuenciación de Nova Xeración— a todas as áreas sanitarias, co obxectivo de poder achegar a súa potencialidade —secuenciación masiva, tratamentos dirixidos, etc— ao maior número de pacientes posible”.

Xunto a isto, Joaquín Casal destacou que supón unha “honra” para a cidade olívica acoller a VI edición de OncoPrecisión. E referiuse tamén a que na área sanitaria de Vigo se impulsan cada vez máis ensaios clínicos de investigación oncolóxica en diversas patoloxías: máis de 35 nos dous últimos anos. “Xunto a isto, en 2020 incorporamos persoal de investigación básica á área sanitaria a través dun contrato do Instituto de Saúde Carlos III para o desenvolvemento de diferentes liñas de investigación traslacional”, agregou.

Por último, Joaquín Casal quixo poñer en valor a relevancia dos cribados para detectar precozmente posibles tumores de mama, cérvix ou colorrectais. “Salvo en mama, no que participa máis do 80% das persoas ás que se dirixen os cribados, con relación aos outros tumores apenas se pasa do 60% de participación”, lamentou. Aínda así, considerou necesario seguir debatendo respecto diso do screening de cancro de pulmón, aínda que admitiu que é un asunto que “require dun amplo consenso para a súa posta en marcha que, na actualidade, non existe”, finalizou Casal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O océano do futuro estúdase en Vigo: dúas décadas construíndo un referente europeo da investigación mariña

O Centro de Investigación Mariña da UVigo celebra o seu décimo aniversario xunto ao vixésimo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Por Daniel Rey, do CIM

Videoxogos de realidade virtual: esta é a terapia que mellora a capacidade física de pacientes oncolóxicos

Un equipo da UVigo e do IISGS apunta melloras relevantes na mobilidade, a forza e a resistencia dos once participantes

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Chega o CinVigo, o festival científico que leva a ciencia á rúa

O evento celebra a súa cuarta edición e trasládase á Avenida de Beiramar, onde convocará actividades para todas as idades na última fin de semana de abril