Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais

O traballo de miles de biólogos de todo o mundo fixo posible que, ao longo do século XXI, o acceso aos datos das coleccións de historia natural experimentasen un notable aumento. Este labor, descoñecido para a maior parte da sociedade, permitiu ao persoal investigador coñecer, entre outros aspectos, a data de colecta, a localización xeográfica dos exemplares ou ao tamaño das poboacións de diferentes especies. Toda esa información, cada vez máis accesible, ten un enorme potencial, por exemplo, para abordar a complexidade dos sistemas ecolóxicos e para o deseño de estratexias de conservación.

Precisamente, un equipo formado por científicos do Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid (MNCN-CSIC) e da Universidade de Vigo acaba de publicar na revista Ecology and Evolution un estudo no que, empregando estes datos, puideron determinar os cambios de distribución dos escaravellos coprófagos ibéricos durante o último século. A metodoloxía que empregaron, e que segundo destacan é exportable a outros grupos animais, permite comprender as respostas das especies aos cambios ambientais, unha información moi valiosa para deseñar estratexias de conservación e xestión da biodiversidade nun momento no que os seres vivos e os ecosistemas están moi ameazados. 

Publicidade

Unha metodoloxía innovadora

O equipo do estudo está formado polos investigadores do MNCN Jorge M. Lobo, Mario Mingarro e Martin Godefroid e polo profesor da Universidade de Vigo Emilio García Roselló, do Departamento de Informática e docente na Facultade de Comercio. Este último explica que o uso deste tipo de bases de datos é cada vez maior, en particular coa aparición de iniciativas de repositorios globais en liña como GBIF, OBIS, etc. Pero o innovador deste traballo “é o método proposto, que permite interpretar o tipo de adaptación que están sufrindo as especies fronte ao cambio climático en función dos cambios observados na súa distribución ao longo dos últimos 100 anos”. Por exemplo, o investigador sinala posibles hipóteses, como que se adapten migrando a outras latitudes ou que “simplemente se adapten a soportar cambios de temperatura”. 

O profesor da UVigo Emilio García Roselló.

O proxecto céntrase nos insectos, o grupo máis numeroso do reino animal, que están seriamente ameazados polo cambio climático, a contaminación e a perda de hábitats. Como explica o investigador do MNCN Mario Mingarro, “con este traballo propoñemos unha metodoloxía para utilizar os datos históricos tomados durante os últimos tres séculos”. Recoñece que, se ben é certo que hai que facer un intenso labor de adecuación que inclúe cuestións relacionadas coa calidade e a normalización da información, unha vez limpos, os datos brindan unha valiosa oportunidade para analizar as variacións espaciais e temporais das diferentes especies”.

Publicidade

En concreto, neste estudo empregaron información sobre escaravellos coprófagos ibéricos procedente de modelos climáticos libremente dispoñibles e datos históricos que inclúen información sobre a data de mostraxe, a localización xeográfica, a elevación e a temperatura do momento no que colectou cada espécime en cada localidade. Segundo o investigador do MNCN Martin Godefroid, “aínda que a evidencia de cambios espaciais na distribución dos escaravellos é limitada, obsérvase que cada especie exhibe un patrón que se axusta a diversos tipos de adaptacións térmicas ou espaciales, favorecendo así a súa supervivencia”.

Un impacto transformador e exportable

Jorge M. Lobo, tamén do MNCN, subliña que “este traballo ofrece unha proposta para utilizar a crecente dispoñibilidade de información en bases de datos de biodiversidade e permite inferir cales son os patróns de variación espazo-temporais máis probables que experimentaron as especies ante os cambios climáticos da historia recente”. Por isto, o equipo resalta o impacto transformador desta aproximación, xa que “ao longo do século XXI, o traballo dos conservadores e os procesos de dixitalización de coleccións en museos e centros de investigación permitiu acceder a grandes cantidades de datos históricos sobre a presenza de especies. Unha información moi valiosa que nos permite entender e prever os efectos dos cambios ambientais”, sinala Emilio García Roselló. 

Jorge M. Lobo tamén fai fincapé nesa capacidade transformadora dos datos dixitais, e incide en que “a información sobre a presenza dunhas ou outras especies en cada momento é básica para que as persoas responsables de deseñar estratexias de conservación e xestión o fagan partindo dos datos e da maneira máis eficaz posible”. Neste sentido, destacan que o estudo publicado en Ecology and Evolution “é unha primeira proba de concepto, que abre a porta a usalo con todo tipo de especies, en áreas xeográficas máis amplas e con bases de datos moito maiores, o que permitiría estudos a nivel macroecolóxico bastante máis importantes”, como engade o investigador da UVigo.

Máis de 10 anos traballando en informática da biodiversidade

Aínda que este estudo concreto arrancou a mediados de 2022, o profesor da UVigo García Roselló leva máis unha década traballando en biodiversity informatics, bioxeografía e biodiversidade. Neste tempo desenvolveu o software ModestR, unha ferramenta que permite o tratamento de gran cantidade de datos de biodiversidade cun simple ordenador persoal. Grazas a este software, García Roselló e o seu compañeiro de departamento Jacinto González Dacosta, conseguiron completar un estudo no que se analizaron os datos de todas as especies terrestres contidas en GBIF, a maior base de datos mundial sobre biodiversidade, na que se inclúen rexistros xeográficos de máis de 400.000 especies animais e vexetais. Unha complexa e ardua tarefa realizada sen financiamento nin máis apoio que “un par de compañeiros”, conclúe. 


Referencia: Taking advantage of opportunistically collected historical occurrence data to detect responses to climate change: The case of temperature and Iberian dung beetles (Publicado en Ecology and Evolution)

Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais