A biodiversidade dos bosques tropicais non logra seguir o ritmo do cambio climático

Un estudo no que participa a Universidade de Santiago constata que as especies están a mudar a súa composición, pero a velocidade de adaptación é demasiado lenta

Os bosques tropicais do continente americano tentan adaptarse ao cambio climático mudando a composición das súas especies. Con todo, este  proceso está ser demasiado lento para garantir a súa biodiversidade. Esta é a principal conclusión do estudo titulado ‘Tropical forests in the Americas are changing too slowly to track climate change’. O traballo acaba de publicarse na revista Science e que conta entre os seus asinantes cunha investigadora predoutoral da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da Universidade de Santiago, María Guadalupe Nava Miranda, pertencente á Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) do Campus Terra. 

Comprender a capacidade dos bosques para adaptarse ao cambio climático é de vital importancia para a ciencia da conservación, pero este aínda é un tema amplamente descoñecido. Esta brecha de coñecemento é particularmente aguda nos bosques tropicais de alta biodiversidade. O estudo no que participa Nava Miranda profunda en como os bosques tropicais de América cambiaron a composición de trazos das súas comunidades, nas últimas décadas, como resposta aos cambios no clima. 

Publicidade

Tomando como base as relacións históricas entre trazos e clima, a investigación constatou que, en xeral, os trazos funcionais estudados amosaron cambios de menos do 8% con respecto ao que cabería agardar, dados os cambios observados no clima. “Os bosques máis diversos da Terra están a cambiar na composición de trazos funcionais, pero a un ritmo que é fundamentalmente insuficiente para seguir o cambio climático”, sinalan as persoas autoras do estudo, cuxo primeiro asinante é Jesús Aguirre Gutiérrez da Universidade de Oxford. Con todo, os exemplares que integran a mostra evidenciaron cambios do 21% en relación coas expectativas do cambio climático. 

Centroamérica e Brasil 

O principal cambio detectado no marco do estudo correspóndese coa variación nas taxas de crecemento das árbores existentes. Ademais, identificáronse áreas específicas onde parece darse un maior atraso nas respostas dos bosques aos cambios climáticos. Trátase da Selva Maia en Centroamérica, así como o bosque atlántico e parte da selva amazónica en Brasil.

Publicidade

“A nosa análise demostra que a composición da comunidade de árbores está a cambiar para seguir o cambio climático, pero a responsabilidade abafadora tería que recaer na variabilidade dentro das especies e na plasticidade dos trazos para facelo adecuadamente”, subliña o artigo. Porén, é probable que os cambios no clima sexan demasiado rápidos para que a plasticidade fenotípica adaptativa poida seguilos, especialmente en contornas con baixa heteroxeneidade climática. 

O estudo conclúe que resulta probable que a composición de especies de árbores e as propiedades funcionais dos bosques tropicais americanos (e probablemente de todos os bosques tropicais) estean cada vez máis lonxe do equilibrio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla