Publicidade

A protección dos bosques primarios é clave para a neutralidade climática

Unha investigación da USC demostra que o crecemento continuo das árbores axudará a cumprir os obxectivos do Pacto Verde Europeo

A capacidade de absorción de carbono dos bosques primarios, aqueles que presentan o máximo grao de madurez sen influxo do ser humano, é clave para cumprir cos obxectivos do Pacto Verde Europeo co que se pretende acadar a neutralidade climática. Así o acaba de demostrar un equipo internacional no que participa o investigador da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC, César Pérez Cruzado, nun artigo que veu a luz na revista do grupo Nature Communications Earth & Environment. Nel se constatou, logo do estudo de 288.262 árbores de 27 países, que a protección e crecemento continuo destes bosques permitiría cumprir cos obxectivos de eliminación de dióxido de carbono para 2030. 

Este estudo pioneiro en Europa revela que a ganancia de carbono derivada do coidado destas especies equivale a, aproximadamente, 300 megatóns de dióxido de carbono por ano. A investigación implicou a análise de datos recompilados en varios tipos de hábitats forestais en toda Europa e o cálculo do carbono almacenado na biomasa aérea, subterránea e morta. O estudo evidencia, tal e como salientan dende o equipo investigador, que as reservas de carbono nos bosques primarios e antigos de alta naturalidade “foron subestimadas nas políticas climáticas e de xestión forestal”.

Publicidade

Segundo o informe 2020 do estado da natureza na UE, elaborado pola Axencia Europea do Medio Ambiente, só o 15% dos hábitats forestais están na rede Natura 2000, a principal rede de áreas protexidas da UE destinada a “garantir a supervivencia a longo prazo das especies e hábitats máis valiosas e ameazadas de Europa”. Neste senso, o equipo investigador pon o foco en como “protexer e restaurar a biodiversidade forestal e a integridade ecolóxica axudará a que Europa logre resultados sinérxicos en materia de clima e biodiversidade”.

Cálculo de biomasa por hectárea

A contabilidade do carbono no sector terrestre require un nivel de referencia a partir do cal calcular as perdas pasadas de carbono e o potencial de ganancias utilizando un obxectivo baseado en existencias de carbono. A capacidade de carga de carbono representada polas reservas dos bosques primarios é un nivel de referencia con base ecolóxica que permite estimar o potencial de mitigación derivado da protección e restauración dos bosques para aumentar as súas reservas de carbono.

Publicidade

O estudo no que participa a USC analizou a través de unha rede propia de seguimento de masas maduras, literatura científica, investigacións e inventarios forestais un total de 7.982 sitios en zonas ecolóxicas globais boreais, temperadas e subtropicais dentro de Europa. “Calculamos as existencias totais de carbono de biomasa por hectárea (biomasa morta aérea e subterránea) e descubrimos que o potencial de acumulación de carbono era 1,6 veces maior en media que os mapas globais modelados para bosques primarios e 2,3 veces para todos os bosques”, explica César Pérez Cruzado, investigador do Campus Terra.

Das conclusións do estudo despréndese que as árbores grandes (cun diámetro superior a 60 centímetros) representan o 50% da biomasa e son importantes reservas de carbono. “A protección dos bosques maduros evita as emisións á atmosfera e permite o seu uso como referencia para estimar o potencial de acumulación de carbono dos sistemas forestais. Estas actuacións deberían de ser combinadas con modelos de xestión orientados ao secuestro de carbono en masas xestionadas, de forma que se aproveite ao máximo o potencial dos bosques para mitigar o efecto invernadoiro”, matizan dende o equipo investigador. Nesta liña, o crecemento dos bosques elimina o dióxido de carbono da atmosfera, creando un sumidoiro terrestre.


Referencia: Carbon carrying capacity in primary forests shows potential for mitigation achieving the European Green Deal 2030 target (Publicado en Communications Earth & Environment)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se modernizaron as colmeas empregadas en apicultura durante os últimos séculos

O manexo das abellas por parte dos seres humanos experimentou importantes transformacións que se iniciaron arredor de 1850

Por que se controla a administración de antibióticos a cans e gatos?

A Lei de Medicamentos Veterinarios xera protestas no sector contra as restricións impostas na prescrición de medicamentos para animais domésticos e de granxa

Podcast | Da reciclaxe de plásticos ás vacinas: a innovadora tecnoloxía creada en Santiago

O investigador Jose Martínez Costas do CiQUS explica no novo episodio do podcast de GCiencia en que consiste o seu método de etiquetaxe molecular de proteínas

Máis calor e menos chuvia: o cóctel que ameaza a supervivencia do castiñeiro

Un estudo no que participa a USC avalía a idoneidade do hábitat da árbore ata o ano 2100 baixo diferentes escenarios climáticos