A que xogaban os romanos? O achado dunha ficha en Sober dá novas pistas

Unha peza de pedra branca atopada no xacemento arqueolóxico de Proendos podería pertencer a un antigo xogo de mesa coñecido como alquerque de nove

Coñécese que no Imperio Romano non todo o lecer se centraba nos espectáculos de gladiadores e nas carreiras de carros. Os xogos de mesa tamén formaban parte da vida cotiá. Un exemplo é o Ludus latrunculorum, traducido do latín como “xogo dos ladróns”, achado no xacemento arqueolóxico de Complutum (Madrid) e considerado un antecedente das damas ou mesmo do xadrez. Un equipo liderado polo arqueólogo e técnico en patrimonio cultural Sergio Sánchez, director da escavación de Proendos, no concello de Sober (Lugo), descubriu recentemente unha peza que podería estar vinculada a este tipo de actividades lúdicas da época romana.

Segundo as referencias doutros achados en escavacións anteriores, os investigadores cren que podería tratarse dunha ficha dalgunha modalidade de alquerque, pola súa tipoloxía. “Só atopamos unha peza pulida“, explica Sánchez.

Publicidade

O obxectivo podería estar relacionado coa variedade coñecida como alquerque de nove ou “xogo do moliño”, orixinado en tempos do Imperio Romano. Este xogo, que aínda se practica na actualidade, consiste nun taboleiro con 24 interseccións no que cada xogador dispón de nove pezas co obxectivo de deixar ao rival con menos de tres ou sen movementos posibles. Mais, quen sabe como xogaban os romanos?

Aínda que sen datar, a cronoloxía da ficha pódese supoñer. O horreum de Proendos, situado ao carón da vila agora en escavación, data do século I, aínda que a datación exacta da peza continúa sen determinarse. Os arqueólogos consideran que pertence á época romana: “Agardamos datala con máis precisión estudando o material”, informa Sergio Sánchez.

Publicidade

Unha peza de mármore branca

A peza atopada é de pedra de cor branca. Os arqueólogos da escavación pensan que podería ser mármore, pola súa textura e porosidade. Con todo, as referencias doutros achados indican que tamén deberían existir pezas doutra cor, posiblemente negra.

“Este tipo de xogos empregan pedras de cores, normalmente negra e branca”, explica Sergio Sánchez, xa que non se trataba de pezas pintadas, aínda que faltan datos que o confirmen. A peza atopada está en bo estado de conservación, cunha pequena imperfección na superficie sen maior relevancia para o equipo.

Segunda informa o director da escavación, a peza foi recuperada nun depósito de abandono das estancias do xacemento. Isto significa que non procede dun contexto pechado, como unha tumba, senón que apareceu entre materiais depositados de maneira secundaria. Por este motivo, non se pode asociar a unha estancia concreta que confirme a súa función como peza de xogo, nin se atopou ningún obxecto complementario, como un taboleiro, que avalase esta hipótese.

Necesidade de estudos

Segundo explica Sergio Sánchez, a peza atopada será obxecto dun estudo detallado e da súa comparación con outros exemplos paralelos do Imperio Romano. Tras un primeiro proceso de limpeza, o fragmento de pedra será entregado ao museo correspondente para a súa conservación e análise.

Xacemento arqueolóxico de Proendos, no concello de Sober (Lugo)
Xacemento arqueolóxico de Proendos, no concello de Sober (Lugo). Foto: Sergio Sánchez

A metodoloxía básica é a habitual en arqueoloxía: un lavado en seco, seguido polo siglado e rexistro do material. Estes pasos básicos permiten garantir a súa correcta identificación e conservación. Posteriormente, a peza poderá ser contrastada con outras características semellantes, o que axudará a obter máis información sobre o xogo e, en xeral, sobre a vida cotiá dos romanos que habitaron na Gallaecia.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alfredo G. Ruibal, arqueólogo: “Cando escavamos chabolas e campos de concentración sempre atopamos dignidade”

O galego publica 'País en ruínas', un libro no que reconstrúe a historia do franquismo a través dos obxectos máis singulares que atopou ao longo de case dúas décadas de traxectoria

A apaixonante historia do Casco de Leiro, a xoia prehistórica que atopou un veciño de Rianxo hai 50 anos

Décadas despois do seu descubrimento, a peza de ouro aínda mantén varias incógnitas sobre a súa orixe e funcionalidade

Nin bárbaros nin salvaxes: así coidaban os galegos dos seus enfermos hai 1.500 anos

Unha investigación da USC revela que as comunidades galegas mantiñan redes de solidariedade vitais para protexer os máis vulnerables

Novos achados confirman a longa ocupación da illa de Tambo

Unha campaña arqueolóxica, promovida polo Concello de Poio, documenta a presenza humana continuada dende a prehistoria ata a etapa militar contemporánea