Así se divertían na Idade de Ferro: atopan o ‘xogo de mesa’ máis antigo de Galicia

Unha escavación en Castro Curbín destapa un taboleiro de cerámica con varias fichas, que pode ser a expresión lúdica máis antiga do país

O xadrez, as damas, o parchís… Hai un sinfín de xogos baseados en mover fichas sobre un taboleiro que espertan risas e competitividade entre familiares e amigos. Todas as culturas ao longo da xeografía e da historia buscan formas de entreterse. Porén, hai baleiros de información e resulta difícil dilucidar como se divertían, por exemplo, os poboadores da Idade de Ferro no que hoxe é Galicia. Agora, un equipo de arqueólogos capitaneado por Samuel Nión-Álvarez, investigador posdoutoral da Universidade de Santiago (USC), acaba de descubrir a que podería ser a expresión lúdica máis antiga de Galicia: un taboleiro de cerámica con varias fichas. As probas de carbono 14 datan esta peza —atopada en Castro Curbín, Arzúa— na Idade de Ferro, entre os séculos IV e II a.C.

“É unha peza única. Non se coñece nada semellante nin no noroeste nin na península ibérica. Só se atopan referencias norte de África e en Chipre”, explica Nión-Álvarez. Segundo el mesmo relata, o achado do taboleiro foi toda unha sorpresa. As escavacións comezaron en 2021 motivadas polo Concello de Arzúa, que quería coñecer e recuperar o seu pasado. Nada parecía presaxiar que fosen atopar unha peza tan singular, dado que as características do asentamento non diferían doutros atopados na contorna. “É bastante pequeno e non parece que estivera densamente poboado. Parecía un castro bastante reticente aos contactos, polo que non había evidencias de intercambio”, sinala o investigador, dando a entender que era un asentamento “bastante pechado” e moi centrado no local.

Publicidade

Unha táboa en 200 anacos

Porén, a historia deu un xiro. Durante as escavacións atoparon máis de 200 anacos dun taboleiro de cerámica con pequenos ocos consecutivos para colocar fichas. Tamén encontraron outras pezas circulares e planas na súa parte superior que complementaban á perfección o primeiro achado. Ao principio baralláronse varias opcións. Aínda que a peza semellaba ser única, gardaba certo parecido cos fornos que se empregaban na época para facer cerámica. A diferenza é que estes utensilios estaban perforados por dentro, algo que non acontece o taboleiro encontrado.”Despois dun ano de analizar outras opcións e pezas parecidas pensamos que poderiamos estar ante a expresión lúdica máis antiga de Galicia”, confirma Nión-Álvarez, que prefire manter a cautela e asegura estar aberto a outras hipóteses.

“Os xogos teñen moitas variacións e é difícil saber de que tipo é o que atopamos”

SAMUEL NIÓN-ÁLVAREZ, arqueólogo

O seguinte paso foi corroborar a época histórica. Para iso fixeron unha datación con carbono 14 que confirmou o que xa se sospeitaba: pertencen á Idade de Ferro. Ademais, as pezas apareceron nun nivel anterior ás últimas fases de ocupación do poboado, xunto con outros obxectos rotos na contorna da muralla. “Isto non é excepcional. Nesta zona dos asentamentos poden aparecer pezas de metal rotas, elementos extraños, broches… No caso de Castro Curbín atopamos moitas olas do mesmo tamaño”, continúa explicando o experto. Ademais, os obxectos estaban rotos intencionalmente, polo que se pensa que formaban parte dun ritual. “En todo este contexto aparece o taboleiro fragmentado. Non sabemos moito máis, por iso o noso obxectivo é aumentar a zona escavada”, sinala.

Ficha encaixada no taboleiro.

Nión-Álvarez pode abrir unha liña de investigación inexplorada en Galicia, posto que non se coñecen máis exemplos deste tipo de taboleiros anteriores á época romana. O investigador da USC explica que a faceta lúdica só está moi estudada naqueles xacementos nos que se atoparon evidencias claras, como en Chipre. “Alí descubríronse taboleiros de pedra moi claros, da Idade de Bronce. Moitos deles estaban rotos en contextos relixiosos, polo que o seu uso tivo que ter algún valor”, apunta Nión-Álvarez, analizando as similitudes entre o exemplo chipriota e o galego. O feito de atopar as pezas de Castro Curbín na contorna da muralla, xunto con outros obxectos rotos intencionalmente, fai pensar que máis alá do seu uso lúdico, tivo un significado ritual para os poboadores do asentamento.

Recrear para imaxinar

O arqueólogo recoñece que é difícil imaxinar o taboleiro e por iso fixeron unha recreación. Estaba tan fragmentado que foi imposible reconstruílo pero tiveron a sorte de atopar dúas pezas o suficientemente grandes, duns tres ou catro centrímetros, nas que as fichas encaixaban á perfección. “Tal e como se distribúen os fragmentos podemos dicir que había buratos colocados de forma consecutiva e de maneira máis ou menos regular. Hai, polo menos, dúas filas cheas de ocos. O noso esquema tan só é unha aproximación porque hai pezas que non soubemos encaixar ben”, indica Nión-Álvarez. A forma de seguir investigando e volver ao xacemento e ampliar a escavación. De momento, non hai unha previsión a curto prazo pero esperan volver este ano. “Este achado é único en Galicia”, reitera o investigador, dando conta da importancia de volver a Castro Curbín.

Recreación do taboleiro.

Ademais, Nión-Álvarez insiste na novidade do achado e en crear unha base sobre a que poder sosterse de cara a futuros descubrimentos. O arqueólogo explica que o uso deste tipo de xogos, que consisten en taboleiros e fichas, non é algo universal pero si moi estendido. Pon un exemplo de Zimbabwe, que sería parecido ao de Castro Curbín, pero cunha ringleira e 100 furados nos que encaixar fichas. Apóianse neste coñecemento, pensando noutros exemplos do norte de África, para comprender o descoñecido. “En Galicia non temos nada ao que agarrarnos e necesitamos buscar apoios para comprender ante que tipo de peza estamos”, insiste o investigador. Ao tempo, engade: “Os xogos de mesa teñen distintas variacións e, ás veces, poden ser moi aleatorias. É moi difícil saber que tipo de xogo é o que atopamos“, recoñece o investigador.

Todo isto é aplicable antes da época romana, da que si se teñen sobrados exemplos lúdicos en Galicia. Segundo explica Nión-Álvarez, hai dous xogos típicos que poderían ser o equivalente á oca e ao parchís. “Tiñan outra lóxica de uso distinta pero son sinxelos, como o tres en raia. Iso si, coñécense bastantes exemplos de cando chegaron os romanos, pero ningún da Idade de Ferro”, remarca o arqueólogo. E pon o foco en que ás veces o inesperado sorprende. Non imaxinaban atopar algo tan singular en Castro Curbín, que parecía un castro aparentemente illado. “Hai que velo dende o prisma local e non colonial. Estes asentamentos tiñan as súas propias dinámicas, aínda que fosen pechados”, sinala Nión-Álvarez. Queda saber como era o taboleiro completo e en que consistía aquel xogo co que as xentes da Idade de Ferro mataban as tardes de lecer.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Conservar a biodiversidade a través da IA: así o consegue un novo modelo creado en Lugo

A empresa 3edata cartografa hábitats en espazos protexidos mediante técnicas de aprendizaxe automática

O traballo silencioso da muller galega no mar: “Non facían dobre, senón tripla xornada”

A investigadora da USC Luisa Muñoz Abeledo publica un libro para honrar os labores femininos, que supoñían o 30% dos ingresos familiares

Científicos galegos producen carbono-11 con aceleración láser para usar en imaxes médicas

Un artigo do IGFAE describe por primeira vez a obtención dun radioisótopo para realizar tomografías por emisión de positróns

Como podemos medir a sostibilidade ambiental?

A economía circular pódese cuantificar con diferentes índices, sendo o Indicador de Circularidade de Material un dos de maior uso