Juan Picos: “Somos unha especie ameazada polos incendios forestais”

O investigador da UVigo participa no proxecto europeo Firepoctep, que busca alternativas na prevención e loita contra os grandes lumes

Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo, é un dos coordinadores do proxecto Firepoctep.
Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da UVigo, é un dos coordinadores do proxecto Firepoctep.

Ninguén pode seguir vendo o monte cos mesmos ollos despois de conversar con Juan Picos, director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo e un dos coordinadores do proxecto europeo Firepoctep. Picos pode relatar con detalle todos os grandes incendios que sufriu Galicia nas últimas décadas, empezando polo que viviu, en primeira persoa, durante unha festa familiar en Ourense a finais dos 80. Non estaba nos seus plans, asegura, dedicar a súa carreira profesional nin á xestión forestal nin á prevención e loita contra os incendios, pero hoxe conta coa experiencia suficiente para intentar establecer un sistema de defensa dos nosos montes e protexer así a unha poboación dispersa e, polo tanto, vulnerable.

Falamos con Juan Picos do proxecto Firepoctep, da súa importancia e o seu alcance, e do fenómeno dos grandes incendios, aqueles cos que non se pode negociar, cada vez máis frecuentes no noso territorio como consecuencia do cambio climático.

Publicidade

—No proxecto Firepoctep participan un total de 21 socios da zona transfronteiriza entre España e Portugal. Por que é tan importante esta alianza?

—Este proxecto é moi importante, en primeiro lugar, porque permite que moitos socios dunha mesma área xeográfica poidan cooperar e transferirse coñecementos sobre unha situación que ninguén ten a capacidade de entender por si só. Isto, desde o punto de vista da ciencia, é moi importante. E, en segundo lugar, teño que resaltar que entre todos os socios imos desenvolver metodoloxías que permitan anticipar o comportamento dos incendios en condicións extremas e así localizar zonas nas que se poida intervir para evitar esa circunstancia.

—É coordinador do proxecto na UVigo pero tamén da chamada área piloto 4, é dicir, O Baixo Miño, en Galicia, e o Alto Minho portugués. Que teñen en común estes dous territorios?

—Pois non só a mesma paisaxe ou a mesma cultura do uso do fogo. Os dous territorios comparten unha combinación moi complicada de abandono agrario e unha poboación que vive cada vez máis dispersa, o que a fai moi vulnerable fronte aos grandes incendios como xa aconteceu en Galicia e Portugal no 2017. Tamén temos unha climatoloxía un pouco particular na península ibérica con varios meses de alta pluviosidade e moita produción de vexetación, e períodos de seca que agora poden ser moi largos como ocorreu o ano pasado. Isto fai que toda esa vexetación pase a ser combustible dispoñible para o lume.

“Ninguén discute que os incendios extremos se van repetir, a dúbida é cando será a próxima vez”

—Como poderiamos describir os incendios forestais hoxe en Galicia?

—Temos un servizo de defensa contra incendios forestais moi eficaz e profesional no que se inviste moito diñeiro. Nos últimos anos os incendios caeron en picado, de 15.000 a 3.000 por ano e a superficie queimada tamén baixou. Agora creo que camiñamos, posiblemente, cara a un escenario de menos incendios ao ano pero algúns deles moi grandes e de consecuencias moi prexudiciais. O ano pasado, ademais de descubrir o mundo das grandes tormentas secas, vimos o lume atravesar o río Sil, o ferrocarril e a estrada nacional á vez, do mesmo salto. Cos fogos de grande intensidade, contra os que os medios de extinción non poden loitar, non vou dicir que todo é posible, pero case, sobre todo porque poden emitir faíscas e provocar outros incendios. Temos que intentar evitar que os fogos teñan un comportamento extremo e que o impacto nas zonas afectadas sexa o menor posible ou coa maior facilidade de recuperación posterior. Xa ninguén discute se este tipo de incendios se van repetir, a dúbida é só cando será a próxima vez.

—Cales poden ser as repercusións destes grandes incendios?

—Todos os incendios xeran danos evidentes, directos, pero tamén unha multitude doutros efectos indirectos que aínda hoxe se están a estudar, como o incremento da erosión, o arrastre das cinzas ou da propia terra ata os ríos ou as zonas mariñas. Pero tamén se está investigando a relación entre os episodios de grandes incendios forestais e os problemas de saúde tanto física como mental da poboación circundante. Problemas respiratorios e de circulación ou o aumento do consumo de ansiolíticos son algunhas das consecuencias que se investigan e que algúns estudos demostran.

—Cal sería a mellor defensa?

—Se somos capaces de descifrar o mecanismo destes incendios, seremos capaces de combatelos. O proxecto Firepoctep busca xustamente entender como previr os grandes incendios forestais simulando o seu comportamento, entendendo o territorio sobre o que poden chegar a acontecer para ser máis eficaces á hora de localizar as mellores zonas de prevención. Non podemos deseñar un sistema de defensa baseado na experiencia pasada. A xestión forestal tradicional xa non é suficiente para facer fronte a este tipo de incendios. Agora, un monte ben xestionado debe incluír a perspectiva de que tamén debe estar ben defendido. Na parte fundamentalmente forestal temos que traballar na xestión dos combustibles para reducir a probabilidade de grandes incendios e, na parte humana, asumir que somos unha especie ameazada por eles e que debemos empezar a tomar decisións que nos permitan ser menos vulnerables.

“Estase estudando a relación entre os grandes incendios forestais e a saúde física e mental da poboación circundante”

—Tomáronse en serio ata hoxe a gravidade e os riscos dos grandes incendios?

—Si, pero só parcialmente. Pensabamos que o único que tiñamos que facer fronte aos incendios forestais era intentar apagalos con avións cada vez máis grandes cargados con máis auga. Pero esquecemos que un dos factores máis importantes para loitar contra eles é a xestión do territorio, a parte preventiva, a de reducir o risco estrutural, e agora xa é un pouco tarde. Non podemos baleirar o mar e tampouco limpar todo o combustible que hai acumulado no rural. O despoboamento non comezou onte, o proceso dura xa varias décadas. Agora temos que ser moi eficientes nos esforzos que fagamos de prevención. Non imos volver á Galicia das fotos antigas onde só se ven as pedras. A miña avoa, por exemplo, contaba que plantaba toxo porque no monte non había. Era unha Galicia de absoluta subsistencia e non imos volver a iso, obviamente. A situación agora é diferente e temos que, intelixentemente, ser o máis eficaces posible para resolver este problema ata onde poidamos facelo.

Juan Picos, xunto con parte do equipo de Firepoctep.

—Todos podemos facer algo ou seguirá dominando na sociedade a sensación de fatalidade e impotencia no que se refire aos incendios forestais?

—A fatalidade é un concepto absolutamente liberatorio en termos de responsabilidade. E todos, dalgún xeito, temos certa responsabilidade no asunto. A xente non cultiva o campo porque tampouco lle compramos os seus produtos e moléstanos unha granxa ao lado da casa porque cheira mal, pero despois non nos importa ter pegada á nosa propiedade unha matogueira que será unha ameaza en caso de incendio. Por iso non comulgo co concepto da fatalidade. Pero tamén é certo que non hai un culpable que se poida atrapar. Trátase dun problema estrutural ao que agora temos que engadir outro, o cambio climático. Temos que pensar en como consumimos, de onde vén a enerxía que empregamos e incluso a nosa filosofía de sociedade. É nas temporadas de grandes incendios forestais cando moitas das nosas contradicións se nos poñen diante.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.