O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo arrancou este luns unha nova campaña arqueolóxica no xacemento de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). Ao longo de catro semanas, con financiamento da Deputación de Ourense e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e co apoio do Concello de Allariz, buscarán ampliar a zona escavada e o coñecemento deste enclave.
Esta será a campaña número 14 deste proxecto, un dos de maior traxectoria na arqueoloxía galega. O GEAAT leva desde o ano 2011 estudando este xacemento, que destaca polo seu grao de conservación e por estar situada nunha contorna rural, realizando unha campaña arqueolóxica cada verán.
As intervencións anuais realizadas apuntan a que Armea foi “unha auténtica cidade romana”, ocupada arredor do século I despois de Cristo e abandonada no século III, o que o podería converter no principal tecido urbano de época romana de Galicia, despois da cidade de Lugo. Ademais, nas últimas campañas, descubriron restos dunha ocupación anterior á romana, da Idade de Ferro, o que amplía a cronoloxía histórica deste lugar.
Dúas liñas de traballo
O director científico do proxecto, Adolfo Fernández, e a directora de campo, Alba Rodríguez, lideran o equipo da intervención no que traballan xunto a outros membros do GEAAT. En total, arredor de 30 persoas participarán ao longo das vindeiras catro semanas no xacemento.
Esta campaña consta de dúas liñas de traballo. Na primeira, financiada pola Deputación de Ourense, continuaranse os traballos de escavación realizados nas dúas campañas anteriores na domus dos pináculos e na rúa central do xacemento. Na segunda, financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o interese céntrase na domus norte ou do hexáscele.
Domus leste e domus norte
A domus (casa) leste ou dos pináculos conta, como informan dende o GEAAT, “cun atrio central, unha estrutura con columnas, un larario… é a máis monumental que temos ata o de agora”. Na campaña deste ano, o equipo da Universidade de Vigo continuará a escavar nela, concretamente no lado leste, no que asoman “muros que poden indicar a presencia de dúas novas estancias”.
Estas estruturas non parecen ter comunicación coas estancias xa descubertas, polo que analizarán se pertencen á mesma casa ou se forman parte dunha nova domus, ademais de estudar a súa funcionalidade. Respecto aos traballos na rúa central empedrada que divide o xacemento de Armea, a campaña seguirá destapando o seu trazado para ver se hai máis lousas e, nas zonas onde non haxa, aproveitar para escavar en busca de niveis máis antigos.
Mentres, a segunda liña centrarase na domus norte ou do hexáscele, onde en 2023 o GEAAT recuperou niveis das ocupacións antigas da coñecida como finca da atalaia do xacemento, con restos da Idade do Ferro. “O que queremos é escavar niveis profundos, máis antigos, para poder saber como funcionaba a finca da atalaia antes da construción das casas romanas”, indican desde o equipo da UVigo. A idea é escavar ao carón das zonas xa estudadas en anteriores campañas en busca deses niveis de ocupación anteriores á época romana.
Para completar a intervención, como cada ano está previsto que en outubro o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio volva a Armea para realizar as tarefas de conservación e restauración. A divulgación tamén terá un papel importante neste proxecto, coa realización de visitas guiadas ao xacemento durante a realización dos traballos de campo estas catro semanas.














