A galega Elena Vázquez Cendón ingresa na Real Academia de Ciencias de España

A catedrática da USC, recoñecida polo seu labor en Matemática Industrial e pola promoción do talento científico entre a mocidade, ocupará a medalla 29 da institución

O pleno da Real Academia de Ciencias de España elixiu este mércores a dous novos membros. Elena Vázquez Cendón é unha das novas incorporacións, como académica de número á Sección de Matemáticas, mentres que Javier Menéndez Sánchez foi designado académico correspondente na Sección de Ciencias Exactas, Físicas e Químicas.

Vázquez Cendón, orixinaria de Ourense e catedrática de Matemática Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela, expresou o seu agradecemento polo nomeamento: “É un recoñecemento ao traballo realizado, que sempre ten unha dimensión colectiva en ciencias. Esta dimensión nace no grupo de investigación Enxeñería Matemática da USC, en conexión con valiosas persoas das que sempre aprendín e que conforman a familia de coautoras e coautores coa que achegamos solucións analíticas e numéricas a problemas non lineais en mecánica de fluídos.”

Publicidade

Engadiu ademais que “o sabor do recoñecemento está cheo de admiración, honra, gratitude, responsabilidade e alegría”. A nova académica tamén quixo destacar o labor dos tres académicos que propuxeron a súa candidatura, Ildefonso Díaz, Jesús M. Sanz Serna e Luis Vega, a quen profesa unha profunda admiración: “Isto engade os ingredientes de gratitude e responsabilidade”, sinalou.

Vázquez ocupará a medalla número 29 da corporación, que pertenceu ao profesor Amable Liñán, con quen compartiu dedicación ao programa Estalmat (Estímulo de Talento Matemático). Liñán dirixiu esta iniciativa desde a Academia durante varios anos, e Vázquez presídea actualmente en Galicia.

Publicidade

Unha traxectoria matemática e comprometida

A traxectoria investigadora de Elena Vázquez Cendón destaca no ámbito da Matemática Industrial, no que ten realizado achegas de grande relevancia ao estudo das leis de balance hiperbólicas mediante a metodoloxía de volumes finitos. A súa técnica de descomposición de fluxos permite deseñar algoritmos altamente eficientes en dinámica de fluídos computacional.

As súas investigacións teñen aplicación en numerosos campos: o movemento da auga nos ríos, as escalas de peixes, a dinámica das zonas costeiras como as rías galegas, os estudos de inundacións, o fluxo do gas ou do sangue, e mesmo o deseño industrial. Polo carácter aplicado do seu traballo, a investigadora está vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).

Comprometida tamén co fomento das vocacións científicas, especialmente entre as rapazas, preside Estalmat Galicia, un programa que busca estimular o talento matemático tanto en nenas como en nenos.

O seu labor foi amplamente recoñecido: en 2022 recibiu o Premio María Wonenburger, que distingue o traballo de mulleres galegas no eido científico. Tres anos despois, nomeada como membro da Real Academia das Ciencias, consolida unha traxectoria exemplar, marcada pola excelencia científica e o compromiso social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns nenos teñen problemas coas matemáticas?

Investigadores detectan que certas habilidades cognitivas e de planificación inflúen no rendimiento académico infantil

Por que algúns nenos teñen dificultades coas matemáticas (e non é por falta de esforzo)

Máis dunha cuarta parte dos nenos con obstáculos no eido científico durante a Educación Infantil continúa con eles ao finalizar a Educación Primaria
00:05:14

Mulleres e matemáticas: cando as orlas desminten un mito de xénero moi estendido

Unha mirada ás promocións históricas da USC revelan a presenza e influencia feminina nunha disciplina tradicionalmente considerada masculina

Sáenz de Cabezón: “Cuestionar a importancia da saúde ou da educación é un atentado contra a sociedade”

O matemático e divulgador ofreceu un relatorio no IDIS sobre a importancia de trasladar o coñecemento científico fóra do laboratorio