Sábado 7 Decembro 2024

Elena Vázquez Cendón: “A fórmula buscada é a igualdade, a solución correcta é o equilibrio”

A premio María Josefa Wonenburguer 2022 abre as xornadas A Foto 51 de Pontevedra, ciencia e reflexión ao abeiro do Día da Muller e a Nena na Ciencia

É doutora en Ciencias Matemáticas e Premio María Josefa Wonenburger 2022, o galardón que distingue a contribución feita polas mulleres galegas á ciencia e á tecnoloxía. Elena Vázquez Cendón inaugura este venres as xornadas A Foto 51, promovidas polo Concello de Pontevedra co gallo do 11F, o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Farao cunha conferencia-coloquio con alumnado de Secundaria que leva por título O saber e o sabor das Matemáticas de proximidade, organizada en colaboración con GCiencia. Apaixonada dos números dende nena, atopa neles beleza, preguntas e solucións.

Que a levou a interesarse polas matemáticas dende idades temperás?

Publicidade

—A min as Matemáticas sempre me deron seguridade, o de resolver problemas, a propia xeometría. Eu son capaz de imaxinarme os meus cadernos da nenez cos polígonos, os ángulos… e recordalos con agarimo. Tiven un profesorado moi bo nos cursos máis temperás. Eu comprendía os sistemas métricos, as unidades, e despois as ecuacións, os sistemas… Eses temas sempre me gustaron e entendíaos, e o entender é unha das satisfaccións vitais.

Na súa contorna entendíase esta curiosidade, esta preferencia?

Publicidade

—Si, o meu irmán maior fixo Matemáticas tamén. Eu crieime nunha xastraría, onde vía cintas métricas, tesoiras, e sobre todo, como o meu pai optimizaba a tea; parecíame moi máxico iso de que movendo os patróns, pintando nas teas algo que era plano saíra, após de moitas puntadas e traballo, un traxe en 3D e adaptado ao cliente. Eu creo que ese respecto ás cosas feitas pasiño a pasiño, puntada a puntada, gustábame. Co xiz do meu pai, no lateral da mesa de cortar escribín moitas mates e o meu auditorio era unha chea de monecos, que tiñan un sorriso permanente e a min gustábame pensar que me entendían.

Todas e todos temos, ou procuramos, espellos onde mirarnos. Onde se miraba vostede cando lle interesaron as matemáticas?

—Nas persoas que me explicaron Matemáticas no colexio. Lémbrome de Angelines, a de 5º de EXB, que era moi clara explicando; da profe dos cursos 6, 7 e 8º, dona Maruja, que era moi rigorosa pero eu a entendía moi ben. Despois no instituto, o profesor de Física, o señor Arias, era un gran comunicador e nos explicaba conceptos matemáticos moi elaborados para entender a Física de COU e iso fíxome dubidar. Valorei estudar Física porque miraba que as variables representaban cousas e resolvían problemas prácticos pero ao final elixín o que sempre me gustara, Matemáticas. Xa na carreira empecei a traballar co profesor Alfredo Bermúdez e iso é un luxo, el si é un espello referente moi estratéxico, el trazou a Matemática industrial en Galicia cun gran recoñecemento nacional e internacional e alumeou o meu camiño.

“Están agromando cousas novas en mates en moitos sitios, hai mates esperando por esas nenas que dubidan”

Escoiteille dicir que os números transmiten beleza, que ve neles que non ve o común da xente?

—Eu vexo que os números, o de cuantificar, o de formalizar coas nosas variables e metodoloxía permite comprender o que pasa. Os números danche humildade, porque dende a Matemática industrial as veces somos capaces de achar solucións analíticas, funcións exactas, pero o que facemos é aproximarnos á realidade. E cando as cousas non funcionan, miras  de  fronte ós erros e tratas de entendelos para poder minoralos. A min, mirar de fronte os números e cuantificar os erros sempre me levou a aprender. Hai unha parte de humildade, pero tamén hai unha parte de coñecemento que marca o camiño.

Os números tamén falan e sinalan a persistencia de nesgo de xénero en determinadas disciplinas e carreiras. Que queda por facer para que a paridade sexa a solución?

—Hai que contar e identificar que está pasando e entender por que acontece. Eu dou clase en Informática e cando recibo a lista  do 1º curso miro cantas alumnas teño,  este ano son un 18%, non o 55% que temos agora en 1º de Matemáticas. Hai que entender por que hai estes números. Frances Allen dicía que cando facía accións de recrutamento subliñaba que a ciencia ten moita creatividade, un valor que non  sempre amosamos. Hai que contar que se están agromando cousas novas en mates en moitos sitios, que hai mates que están esperando por esas nenas que están dubidando. Tamén hai que pór en valor ás compañeiras e compañeiros de Ensino Medio porque son os que sementan as primeiras vocacións. Está medido, cada ano cando entran os novos estudantes na facultade preguntámoslles cando comezaron a gozar coas Matemáticas, sempre saen eses 12-13 anos como punto de inflexión. E, por outra banda, é fundamental insistir na divulgación e visibilización. Cando pos nomes e faces ás matemáticas,  cando falas de María Josefa Wonenburger, de Domingo Fontán, do Matemático Rodríguez, de Angela Ruiz Robles, de persoas concretas, a rapazada presta máis atención, sobre todo se son “de proximidade”.

A súa conferencia de Pontevedra leva por título O saber e  o sabor das matemáticas de proximidade, por que estes binomios: saber e sabor e matemáticas e proximidade?

—A palabra proximidade sóanos a alimentos e eu creo que todo o que aprendemos nos alimenta. Falar de Matemáticas de proximidade levoume a pensar nos sabores, temos que compartir todos eses sabores e tamén o sabor do traballo porque neste mundo que agora parece tan líquido temos que pór solidez, asumir que as cousas levan un tempo. Cando fago presentacións nos institutos, as mozas e mozos preguntan cousas como: para que eso funcione canto tempo che levou? Pódeme dar traballo? Dáme moita alegría porque acabamos transmitindo que as cousas de verdade non son tan líquidas. Agora están de moda as Matemáticas e con elas, si hai moito traballo. A empregabilidade é moi alta, mesmo en momentos de crise.

“Os premios temos que recoñecelos con orgullo pero non cuestionalos, porque eles non os cuestionarían”

Na empresa, elas cobran máis

Cando as mulleres dan o paso do mundo académico ao mundo laboral, o nesgo de xénero reprodúcese?

—Cando fixemos o estudo de empregabilidade do noso máster de Matemática Industrial e analizamos as nóminas vimos que as mulleres gañaban máis. Creo que superadas as fronteiras alleas e propias —o síndrome da impostora pesa demasiado, somos moi autocríticas—, amosamos do que somos capaz e as empresas valoran o talento e os resultados. Porén cando remontamos estereotipos hai que ter coidado, temos que falar sempre de que a fórmula buscada é a da igualdade e a solución correcta é a do equilibro, que non ten que ser unha obsesión 50-50 pero ten que tender a el. Se cadra ás mulleres apaixónannos os proxectos colectivos pero ten que haber un equilibrio, temos que sacar tempo para o colectivo e tamén para a promoción individual. Os premios temos que recoñecelos con orgullo pero non cuestionalos, porque eles non os cuestionarían.

—Que opina da existencia dunha data reivindicativa como o Día da Muller e a Nena na Ciencia?

—Eu a vexo necesaria. A equidade, e as accións positivas para acadala teñen a súa razón de ser. Temos que seguir aos números e facer que nos falen. Hoxe en día, hai áreas onde non vemos equidade e hai que traballar por acadala; por exemplo, nos dobre graos a presenza das mulleres é dun 35%. Polo de agora os números din que as accións positivas son necesarias. Deixar de lado a metade da poboación, a metade do talento é un erro,  e mesmo unha cuestión de optimización. Os números din que 11 de Febreiro é un día valioso e importante.

Axenda A Foto 51

Venres, 10 de febreiro:

  • O saber e o sabor das matemáticas de proximidade, conferencia de Elena Vázquez Cendón. A partir das 12,00 no Teatro Principal de Pontevedra

Sábado, 11 de febreiro:

  • De 11.00 a 13.00 horas: charlas de Iria Veiga, Paula Otero, Elena Vázquez, África González, Sandra Román e Olalla López
  • De 17.00 a 19.30 horas: charlas de Xurxo Mariño, Joana Magallaes, Eva Cabanelas, Laura Veiga, Estíbaliz Espinosa e Tamara Pazos

(Teatro Principal de Pontevedra)

Outras actividades:

  • Roteiros A pegada das mulleres científicas en Pontevedra. Días 11, 12, 25 e 26 de febreiro. Saídas ás 11.00 horas dos Xardíns de Colón. Posibilidade de inscrición en apuntate.pontevedra.gal.
  • Obradoiros para a rapazada

Podes consultar o programa completo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Grandes mulleres científicas que loitaron para romper o teito de cristal

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Katalin Karikó é a flamante gañadora do último...

A UVigo adica febreiro a accións divulgativas polo Día da Muller e a Nena na Ciencia

O programa da Universidade de Vigo polo 11F inclúe obradoiros, feiras divulgativas, charlas e certames

X = Gciencia

A decana da facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, escribe un tribuna polo décimo aniversario do noso medio

A pegada de mulleres científicas en Pontevedra

Unha ruta rende homenaxe ás Investigadoras que modelan a historia da ciencia e da propia cidade