Tres etapas, unha carreira: mulleres que fan ciencia no CiQUS

Investigadoras do Centro Sigular da USC relatan retos, avances e desigualdades dende a formación inicial ata o liderado con motivo do 11F, Día da Muller e a Nena na Ciencia

Maria Skłodowska-Curie comezou a interesarse pola ciencia dende moi nova pola influencia do seu pai, profesor de Matemáticas e Física. Katherine Johnson destacaba pola súa fascinación polos números: contaba todo, dende os pasos que daba ata os pratos que lavaba. Perfís coma os delas convertéronse nas primeiras grandes voces femininas da ciencia. En honra a todas esas nenas que queren labrarse un futuro como físicas, matemáticas ou biólogas, cada 11 de febreiro dende hai dez anos celébrase o Día da Muller e a Nena na Ciencia.

Pero os referentes para as novas xeracións van máis aló dos grandes nomes da historia. Os modelos tamén están preto: nos colexios, nas universidades, na vida cotiá. Nunha tía enxeñeira, nunha irmá química. Esta xornada busca visibilizar o traballo de todas as mulleres que desenvolven a súa carreira nas áreas STEM, coa finalidade de crear referentes femininos para a infancia e de abrir camiños a todas aquelas nenas que queren atopar o seu lugar na ciencia.

Publicidade

Non obstante, a conmemoración do 11F tamén invita á reflexión. Serve para analizar os factores que condicionan a situación actual das mulleres na ciencia e para preguntarse que cambios son necesarios para avanzar cara a unha igualdade real. Para achegarnos a estas cuestións dende experiencias concretas, falamos con tres investigadoras do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC), que representan tres momentos distintos dunha mesma carreira investigadora: os inicios como predoutoral, a consolidación como postdoutoral e o liderado como senior.

Comezar na ciencia

Alejandra Vale non foi a típica nena que soñaba con ser científica. O seu camiño chegou máis ben da curiosidade e das ganas de aprender. “Non sabía moi ben onde ía acabar”, recoñece, unha sensación compartida por moitas rapazas que hoxe se atopan no momento de decidir que estudar sen ter claro o que. No seu caso, esa inquedanza levouna a cursar o Dobre Grao en Química e Bioloxía da USC e, ao rematar, a iniciar o doutoramento no CiQUS, un espazo que lle permitiu manter vivas ambas as dúas vertentes da súa formación. Xa na etapa predoutoral atopou referentes próximos. Un deles foi María Tomás, investigadora senior do centro, coa que traballa no grupo Mascareñas / López / Tomás. Para Alejandra, contar con figuras así resulta clave nun momento no que todo é novo: “O máis importante é ter profesores que te axuden nun mundo do que non sabes practicamente nada”.

Publicidade

Entre os principais retos desta etapa sinala a dificultade de acceder a financiamento e contratos, pero tamén destaca a importancia do apoio mutuo, especialmente entre mulleres. Na súa percepción, a presenza feminina vai diminuíndo en áreas como a química ou a bioloxía: “Non son campos onde haxa moitas mulleres, non como nas sanitarias”. Isto fai aínda máis necesario crear redes de apoio e referentes. Os datos avalan que a igualdade avanza, pero lentamente. Segundo o informe Científicas en Cifras 2025, o índice do teito de cristal reduciuse significativamente nos últimos cinco anos, dun 1,73 no curso 2018-2019, a un 1,57 no 2022-2023. De feito, a paridade é maior nas etapas iniciais da carreira investigadora. Con todo, Alejandra apunta a que os principais obstáculos son estruturais. “Hai que falar de estabilización“, subliña. A incerteza prolongada impacta especialmente nas mulleres, coincidindo coas idades nas que moitas se plantexan ser nais. “Non podes deixar de traballar, pois a produción científica diminúe”, advirte.

Neste contexto, Alejandra valora positivamente o ambiente do CiQUS, diverso e colaborativo, pero ten claro que o cambio debe ir máis aló dos centros. A mensaxe final, especialmente para as máis novas, é clara: “Facede o que vos gusta, sen pensar se ten máis ou menos saídas”. Porque, como lembra, a ciencia ofrece infinidade de camiños posibles e converte a investigación nunha carreira viva, cambiante e na que “cada día é distinto”.

Como avanzar na carreira

Lara Villarino si é unha investigadora vocacional dende nena. Aínda que lle atraía a rama médica, tiña claro que non quería ser médica, senón contribuír ao desenvolvemento de medicamentos. Ao falar de referentes, lembra que medrou nunha época previa ás redes sociais, cando apenas había mulleres científicas visibles: “Cando era máis pequena non había, non existían”. Á hora de elixir estudos, decantouse por Química na USC. Hoxe suma 13 anos de traxectoria no CiQUS, onde se define a si mesma como un perfil postdoc-senior. Na actualidade traballa como coordinadora técnica do proxecto europeo MEDiCS, liderado por José Luis Mascareñas, centrado no desenvolvemento de novos fármacos anticancro. Aquela Lara estaría orgullosa.

O seu traballo baséase na coordinación dos cinco socios que integran a iniciativa: o grupo do profesor Bruno Sainz en Madrid, un equipo da Universidade de Porto, dúas empresas e os investigadores de Santiago. “Para que uns poidan facer o seu traballo, temos que coordinarnos”, explica. Con todo, os seus inicios remóntanse aos primeiros anos do CiQUS, durante a tese doutoral baixo a supervisión de Mascareñas. Máis tarde decidiu dar o salto ao estranxeiro para aplicar os coñecementos adquiridos nunha liña innovadora na Universidade de Groningen (Países Baixos), onde desenvolveu novas encimas artificiais. “A estancia posdoutoral estivo financiada pola Xunta e incluía unha fase no estranxeiro e o retorno ao CiQUS”, sinala. Durante a súa tese tamén estivo tanto na Universidade de Harvard como na Universidade de Toronto.

Para Villarino, o reto máis crítico tamén é a falta de estabilidade, especialmente frustante tras anos de traballo e sacrificio, e sinala que esta situación afecta de maneira particular ás mulleres á hora de compatibilizar a investigación con proxectos vitais como a maternidade. Aínda que recoñece que se están a producir cambios, queda moito traballo por facer. “É difícil e require moito esforzo; hai que sabelo dende o principio”, indica, pero non deixa de apoiar ás novas xeracións. Por iso, o seu desexo para as próximas xeracións é claro: “Que realmente exista unha carreira definida dende un principio, e saber que imos ter en cada etapa”.

Abrir portas ás que veñen detrás

María Tomás licenciouse en Química pola Universidade de Oviedo e desenvolveu unha traxectoria internacional que a levou polas universidades de Bristol, Montreal e a Ludwig München Universität. En 2015 incorporouse ao CiQUS e, dende enton, foi consolidando a súa carreira: en 2019 obtivo un proxecto para mozos e mozas investigadores como investigadora principal e, dende 2022, é investigadora Ramón y Cajal e dende 2025 é IP do CiQUS.

A súa investigación céntrase no deseño e desenvolvemento de novos procesos bioortogonais, unha liña que permite realizar reaccións químicas en células vivas sen interferir no seu funcionamento natural. “É un campo moi recente; de feito, recibiu o Premio Nobel en 2023, outorgado tamén a unha muller”, explica. O seu grupo traballa no uso da luz como fonte de enerxía para activar estas reaccións de maneira controlada, o que abre a porta a aplicacións como a marcaxe selectiva de proteínas, a liberación dirixida de fármacos ou o desenvolvemento de terapias máis precisas e seguras.

A pesar da súa posición consolidada, María Tomás coincide con Alejandra e Lara en identificar o sistema científico como o principal obstáculo para a igualdade: “Non ten en conta que as mulleres teñen uns ritmos de vida e unhas responsabilidades familiares”, afirma. Os datos oficiais falan do chamado efecto tubaxe rota: a presenza feminina diminúe progresivamente a medida que se avanza na carreira, sendo minoritaria nos postos de liderado. Neste contexto, a conciliación convértese nun dos grandes retos, cunha carreira que, nalgúns momentos, obriga a elixir entre o persoal e o profesional. “O ideal sería non ter que elixir e poder combinar ambas as dimensións”, apunta.

A mobilidade internacional, clave na súa traxectoria, é outro dos puntos críticos. María deféndea como esencial para a formación científica, pero recoñece que pode converterse nunha barreira para moitas mulleres. “Eu puiden facela nun momento no que non tiña responsabilidades, pero non sempre é así para quen está noutro momento da súa vida”. Entre as solucións, propón modelos máis flexibles, con estancias máis curtas ou combinacións de mobilidade presencial e colaboración a distancia.

No CiQUS, segundo destaca, existe unha vontade clara de avanzar cara a unha maior inclusión, con espazos de visibilización, charlas e unha aposta por incorporar mulleres en postos de responsabilidade. Como referente para investigadoras máis novas, como Alejandra Vale, María Tomás considera importante mostrar que chegar é posible. “Ábrolles a opción dun presente e un futuro como mulleres na ciencia”, di. A súa mensaxe para nenas e mozas que dubidan é directa: “Se lles gusta, que o fagan; con esforzo e paixón poden conseguilo”. E conclúe cunha idea clara: “A ciencia non é cousa de mulleres ou de homes; a ciencia é cousa de persoas con curiosidade, paixón e ganas de descubrir”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto do CiQUS prepara unha spin-off para levar ao mercado a súa tecnoloxía de entrega celular

TraffikGene-Tx emprega péptidos sintéticos para levar fármacos a órganos específicos de forma máis segura, eficaz e selectiva

Dez científicas galegas que deberías coñecer

Co gallo do 11F recuperamos perfís de mulleres sobresaíntes en farmacia, neuroloxía, arquitectura, enxeñaría agrónoma e pedagoxía

11F na UVigo: un mes de actividades para visibilizar o papel das mulleres na ciencia e rachar estereotipos

Un amplo programa nos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense inclúe obradoiros, feiras, charlas, proxeccións, concursos e encontros coa comunidade educativa e coa cidadanía

Europa impulsa dende o CiQUS o desenvolvemento de novas baterías recargables e seguras

O grupo liderado por María Giménez López obtén un proxecto Proof of Concept do Consello Europeo de Investigación para avanzar cara a sistemas de almacenamento enerxético máis estables e eficientes