Como vivir a ciencia co programa de mobilidade do CiQUS: “É unha experiencia inesquecible”

As axudas do centro xa beneficiaron a máis de 40 investigadores e permiten realizar estadías en laboratorios de toda Europa e abrir novas liñas de investigación

O programa de mobilidade internacional do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC) naceu como unha ferramenta estratéxica para impulsar estadías curtas en institutos punteiros e reforzar as colaboracións globais do centro. Financiado pola Xunta de Galicia e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), persegue un triple obxectivo: contribuír ao desenvolvemento da carreira do persoal investigador e técnico, promover o crecemento da rede de colaboradores internacionais e dar visibilidade ao centro e á súa actividade científica.

A convocatoria está aberta a todo o persoal investigador e técnico do CiQUS, independentemente da etapa da súa carreira, e estrutúrase en tres modalidades: unha dirixida a predoutorais que buscan a mención internacional na súa tese; outra para quen precise acceder a equipamento ou formación non dispoñibles en Compostela; e unha terceira pensada para investigadores e investigadoras principais e junior scientists que participan en proxectos ou encontros científicos internacionais.

Publicidade

Unha “moi boa” acollida

A selección realízase mediante unha convocatoria interna anual na que cada aspirante propón o destino e o grupo receptor, detallando a súa liña de traballo e o aliñamento coa axenda científica do CiQUS. A dirección e a comisión científica elaboran despois a listaxe priorizada segundo o orzamento dispoñible. Almudena García, coordinadora do programa de mobilidade internacional, asegura que a acollida está a ser “moi boa, con todas as prazas cubertas e valoracións moi positivas por parte das persoas beneficiarias”.

Nos últimos anos, o impacto do programa vese tamén fóra do CiQUS. García explica que “medra o interese de investigadores estranxeiros por vir a Compostela e o centro está a escalar posicións como referente de excelencia científica”. Ao mesmo tempo, incrementouse ata preto do 60% a porcentaxe de teses con mención internacional, un logro no que estas axudas son “cruciais” para completar estadías no estranxeiro.

Publicidade

Para García, a mobilidade é unha aposta inequívoca por unha “ciencia global e sen barreiras”, que permite aprender dos mellores grupos de investigación e fortalecer competencias nun contexto multicultural. O bo facer das persoas beneficiarias no exterior, engade, “é xa unha marca de calidade do CiQUS, da USC e do ecosistema investigador galego no seu conxunto”.

Tiago Ferrirea, dende Bergen

As experiencias de Tiago Ferreira e Lucía Gómez amosan como a mobilidade internacional é moito máis ca unha ferramenta de aprendizaxe: é un impulso real para medrar científica e persoalmente.

No caso de Tiago Ferreira, junior scientist, a súa estancia en Bergen (Noruega) foi un retorno a un laboratorio que xa coñecía ben, nun contexto clave para o seu proxecto sobre a mielina. Explica que volver á Norwegian NMR Platform permitiulle aproveitar unha infraestrutura “fundamental” e consolidar colaboracións xa iniciadas. Para el, a esencia da mobilidade reside precisamente nesa posibilidade de conectar con especialistas doutras áreas: “A probabilidade de colaborar se quedas na túa facultade é moito máis baixa”. As estancias internacionais, di, amplían a mirada, enriquecen metodoloxías e permiten aprender a traballar con novos equipamentos e dinámicas de laboratorio.

A súa traxectoria por distintos países europeos levouno tamén a observar diferenzas culturais e estruturais que, segundo comenta, condicionan a capacidade investigadora: a tradición científica, a comunicación da ciencia dende a infancia ou a importancia de espazos comúns que fomenten a interacción. A pesar dos avances, cre que en Galicia “aínda falta ese interese social e cultural pola ciencia”, e ve na mobilidade unha das ferramentas máis potentes para avanzar nesa dirección. Por iso anima as novas xeracións a saír ao estranxeiro, porque as interaccións persoais e profesionais que xorden fóra “non se obteñen cunha videochamada”: son oportunidades que, asegura, mudan a forma de entender o mundo.

Lucía Gómez, dende Viena

O investigador Diego Sánchez-Brunete, un dos beneficiados co programa de mobilidade do CiQUS deste ano, fixo a súa estadía en Irlanda na Dublin City University, no grupo do profesor Andrew Kellet.
O investigador Diego Sánchez-Brunete, un dos beneficiados co programa de mobilidade do CiQUS deste ano, fixo a súa estadía en Irlanda na Dublin City University, no grupo do profesor Andrew Kellet.

Lucía Gómez, doutoranda do CiQUS actualmente na Universidade de Viena, confirma esa visión dende un prisma máis incipiente pero igualmente entusiasta. Solicitou a axuda de mobilidade porque, di, é unha oportunidade que democratiza o acceso a estas experiencias: “É unha posibilidade que lle dá o CiQUS ás persoas que non conseguen outras bolsas, para que todas poidamos ter esta experiencia”. A súa adaptación foi máis sinxela do que esperaba e valora especialmente o ambiente humano e a aprendizaxe técnica: novos procedementos, novas formas de organizar o laboratorio e unha maneira distinta de traballar en equipo. Profesionalmente, está a descubrir metodoloxías que complementan a súa formación; persoalmente, leva consigo “xente que estou coñecendo e coa que poderei manter o contacto unha vez remate a estancia”.

Gómez teno claro: estas experiencias son esenciais para non limitar a carreira investigadora. Permiten comparar, absorber novos enfoques e, ao final, “xuntar todo o coñecemento”. “Unha experiencia inesquecible”, describe Gómez, e anima a quen dubide a dar o paso: “Que non teñan medo; é enriquecedora en todos os sentidos e só achega cousas boas”.

“Non hai que temer saír da zona de confort”

A mobilidade internacional non é só unha oportunidade para mellorar na investigación: é tamén unha experiencia de crecemento persoal. Como lembra a coordinadora do programa de mobilidade internacional do CiQUS, “non hai que temer saír da zona de confort, do idioma ou a outras culturas”. E, engade, “debemos ver isto como unha oportunidade que poucas profesións ofrecen: vivir unha experiencia cun enorme potencial de crecemento profesional e persoal”. As estancias internacionais, xa sexa en laboratorios de Europa ou noutros continentes, permiten abrir horizontes, fortalecer competencias e establecer redes que acompañan as investigadoras e investigadores ao longo de toda a súa carreira. Para o CiQUS, apoiar este tipo de mobilidade é investir nunha ciencia global, colaborativa e con visión de futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

O CiQUS, na elite da ciencia co selo María de Maeztu: “É un recoñecemento ao traballo dos últimos anos”

O investimento previsto para o centro da USC impulsará a captación de talento, a creación de novas infraestruturas e liñas de investigación

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos

O xenoma do anisakis permite desenvolver unha nova ferramenta para o control do parasito

Un estudo con participación galega senta as bases para mellorar os programas de vixilancia e contribuír a un consumo de peixe máis seguro