Seis consellos de Europa ante a epidemia de gripe: “Non esperes a vacinarte”

A enfermidade respiratoria entra en fase de epidemia de forma máis temperá do habitual e Galicia xa rexistra 223 ingresos nunha semana

“Os casos de gripe están aumentando de forma moi temperá”. Así o advirte un informe do Centro Europeo para o Control e a Prevención de Enfermidades (ECDC). O aumento das infeccións é común aos países membros e España non escapa a esta realidade. O último boletín publicado polo Instituto de Saúde Carlos III anunciaba este xoves que o país entraba en fase de epidemia de gripe. Galicia está a vivir o mesmo patrón e a Xunta alertaba, tamén este xoves, da tendencia crecente dos casos, malia que a onda epidémica aínda se mantén en “intensidade baixa” na comunidade. Ante esta situación, o ECDC emitiu seis recomendacións para facer fronte á gripe e unha delas é categórica: “Se cumpres cos requisitos, non esperes a vacinarte“.

Uso de máscaras e antivirais

En primeiro lugar, o centro europeo pide a vacinación das persoas con maior risco de contraer gripe e de presentar unha forma grave da enfermidade. E solicita que se faga “sen demora”. Segundo as recomendacións do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde para a tempada 2025-2026, é aconsellable a vacinación contra a gripe nas persoas de 60 anos ou máis, na poboación infantil entre os 6 e os 59 meses, e persoas de entre 5 e 59 anos que teñan condicións de risco. Por exemplo, obesidade mórbida, enfermidades crónicas cardiovasculares, neurolóxicas ou respiratorias, cancro, inmunosupresión ou enfermidades inflamatorias crónicas. Tamén o aconsella para as embarazadas e para as persoas fumadoras.

A segunda recomendación do ECDC é a vacinación do persoal sanitario. En terceiro lugar, que os centros de atención médica e os de coidados a longo prazo, como as residencias de maiores, reforcen os seus plans de preparación e as medidas de prevención e control de infeccións. Tamén aconsella o uso de máscaras durante o período de maior circulación de virus respiratorias. Así mesmo, a cuarta recomendación céntrase na “administración inmediata de antivirais” para os pacientes con maior risco de enfermidade grave. E, incluso, no quinto punto, a consideración dunha profilaxe antiviral durante os gromos en contornas cerradas, como as residencias. Finalmente, insta aos países a promover unha “comunicación clara e personalizada sobre vacinación, hixiene de mans e protocolo respiratorio”.

Situación en Galicia

A situación en Galicia mantense estable, máis coa atención posta á onda epidémica e ao posible aumento dos casos nas próximas semanas. O último informe de actividade das infeccións respiratorias agudas elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública trasladaba a hospitalización de 223 persoas con gripe confirmada na última semana. Isto tradúcese nun 4% menos que a semana anterior, na que se rexistraran 232 ingresos. O grupo de 80 e máis anos foi o que presentou unha taxa máis elevada de hospitalizacións. A de ingresos aumentou nas áreas de Vigo, Lugo e sobre todo en Pontevedra, onde se duplicou.

Publicidade

Non obstante, si que se percibiu un aumento do 40,3% das consultas por gripe en Atención Primaria respecto do período anterior. Destaca especialmente o grupo de idade dos 0 aos 4 anos, cun incremento do 78%. En canto ás áreas sanitarias, o aumento das consultas rexistrouse en todas. Na de Vigo duplicouse e en Ourense incrementouse nun 96,6%, mentres que en Lugo un 79,3%. Tamén se observa a predominancia e o aumento da porcentaxe de positividade do virus tipo A, que adoita afectar máis a poboación de maior idade.

Ademais das recomendacións emitidas polo ECDC, a Consellería de Sanidade recomenda o uso de máscara en centros de saúde, nos PAC e nas urxencias hospitalarias aínda que non se teñan síntomas. Tamén se solicita o seu uso naqueles servizos dos hospitais onde haxa pacientes vulnerables, como as unidades de coidados intensivos e con pacientes transplantados. Recoméndanse, tamén, as medidas de ventilación axeitadas, o mantemento da distancia de seguridade e a diminución de reunións sociais se se presentan síntomas. E, por suposto, fan unha chamada á campaña de vacinación contra a gripe, que continúa activa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

Bebidas enerxéticas e vapeadores, prohibidos para os menores galegos a partir de marzo

A Xunta publica a nova lei de protección de saúde e convértese na primeira comunidade autónoma en vetar o consumo de novos produtos adictivos

Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se puidese escoller

Unha investigación da RAG analiza as repercusións do Decreto 79/2010, que prohibe impartir en secundaria algunhas disciplinas científicas na lingua propia

Fronte á nova variante: así está a cambiar a epidemia de gripe

O impacto da mutación H3N2 e as limitacións da vacina nesta tempada marcan a evolución da enfermidade no terrritorio