O 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia e unha das principais reclamacións é unha maior presenza feminina nos estudos STEM. Pese aos avances logrados nas últimas décadas, as taxas de matriculación en determinadas carreiras técnicas non igualan ás dos homes, por non falar da fenda salarial e do teito de cristal. Non obstante, en días coma hoxe é preciso traer á memoria ás mulleres que nos abriron camiño; ás mulleres que foron pioneiras nos seus eidos de estudo e que puxeron, probablemente sen ser conscientes, o seu gran de area para estar máis preto da igualdade.
Co gallo do 11F, a redacción de GCiencia selecciona o perfil de 10 científicas galegas que foron innovadoras e pioneiras. Baseándonos nas achegas do Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, reivindicámolas hoxe.
Manuela Barreiro Pico

Manuela Barreiro Pico (Viveiro, 1877—Madrid, 1953) foi a primeira licenciada da Universidade de Santiago tras estudar Farmacia. Logrou o título no ano 1900. Non obstante, para poder cursar estudos universitarios tivo que pedir un permiso especial, dado que aínda non estaba aprobado legalmente que as mulleres se matricularan libremente neste tipo de institucións académicas. Tras acabar os seus estudos tivo que volver a solicitar unha licenza para exercer como farmacéutica. Abriu a súa primeira botica, chamada Farmacia Moderna, en Ribadeo, onde desenvolveu preparacións orixinais. Non obstante, o seu legado documental e fotográfico perdeuse tras a súa mudanza a Madrid, onde faleceu.
Aurora Sampedro Piñeiro

Aurora Sampedro Piñeiro (Barreiros, 1913—Barreiros, 1996) foi unha muller adiantada ao seu tempo. A súa profesora Juanita foi quen descubriu o seu talento cando só contaba con 10 anos e animouna a continuar os estudos. Trasladouse a Madrid, e viviu na coñecida Residencia de Señoritas, mais o estalido da Guerra Civil interrompeu a súa carreira académica. Finalmente licenciouse en 1941 en Ciencias Químicas. Realizou o seu doutoramento no CSIC e conseguiu o título en 1948 cun estudo sobre oligoelementos. Desenvolveu o resto da súa carreira no Laboratorio Central de Renfe, onde entrou por oposición, e onde se dedicou a estudar o comportamento e resistencia das aliaxes.
Celia Brañas Fernández

Celia Brañas Fernández (A Coruña, 1880—A Coruña, 1948) foi unha firme defensora do acceso das mulleres á educación e, sobre todo, da súa incorporación á cultura científica. Realizou un curso preparatorio de Ciencias na USC e en 1908 comezou a desempeñar o seu labor docente na Escola Normal da Coruña. En 1911 aprobou a oposición e incorporouse como profesora numeraria de Ciencias, en concreto dedicouse á docencia de Física, Química e Historia Natural. Defendeu o ensino activo e o carácter práctico da educación, e apostou sobre todo pola demostración experimental. Son coñecidas as súas actividades prácticas con obxectos cotiás e a súa forma de ensinar ciencia con materiais accesibles. En 1919 defendeu publicamente a existencia dunha estación de bioloxía mariña na Coruña.
María Teresa Fernández Rodríguez
María Teresa Fernández Rodríguez (Chantada, 1913—Chantada, 1973) estudou Farmacia na USC e converteuse na primeira profesora de dita facultade tras rematar os seus estudos en 1933. Foi unha alumna brillante que salientou, especialmente, en Análise Química, un eido no que centrou a súa tese de doutoramento. Malia que foi docente na facultade de Farmacia, unha pioneira xunto a Celsa Pérez Moreiras, non obtiñan unha retribución por ese cargo, dado que dependía directamente dos orzamentos da facultade. Cando estoupou a Guerra Civil regresou a Chantada sen rematar o doutoramento e alí desenvolveu o resto da súa vida laboral. Tamén exerceu como inspectora farmacéutica no seu concello natal.
Rita Fernández Queimadelos

Rita Fernández Queimadelos (A Cañiza, 1911—Barcelona, 2008) cursou Ciencias Químicas e Exactas na USC, ata que decidiu cambiar e centrarse en arquitectura. O seu pai non estaba de acordo, mais Rita contou co inestimable apoio das súas avoas maternas, que fixeron realidade o seu desexo. Trasladouse a Madrid e ingresou na Residencia de Señoritas. Realizou catro cursos pero o estalido da Guerra Civil interrompeu a súa vida académica, polo que non finalizou os seus estudos ata 1940. Converteuse, así, na terceira muller en obter o título de Arquitectura en España. Parou a súa carreira tras dar a luz á súa terceira filla, pero retomou a súa actividade profesional oito anos despois. Exerceu libremente a súa profesión ata o seu traslado a Barcelona, onde faleceu.

Olga Moreiras Tuni
Olga Moreiras Tuni (Vigo, 1933—Madrid, 2012) trasladouse a Madrid para estudar na Escola Superior de Comercio. Posteriormente converteuse en técnica de Bromatoloxía na Universidade Complutense. Tras o seu traslado a Granada por mor do traballo do seu home, decidiu estudar a carreira en Farmacia. Cando regresa a Madrid, realiza o doutoramento nesta disciplina. Logra unha praza de catedrática de Nutrición e Dietética na Complutense. É recoñecida polo deseño de táboas de composición de alimentos e por realizar as primeiras enquisas sobre alimentación. Liderou proxectos europeos, así como outros liderados por Estados Unidos, a OCDE e a FAO.
María Teresa Miras Portugal

María Teresa Miras Portugal (O Carballiño, 1948—Madrid, 2021) iniciou a carreira de Farmacia en USC ata que se trasladou a Madrid e logrou o título en 1970 con Premio Extraordinario Fin de Carreira. Polo seu brillante expediente foi recoñecida con varios galardóns. En 1971 trasladouse a Estrasburgo para realizar a súa tese de doutoramento no Centre de Neurochimie do CNRS e logrou o título en 1975. Cando volveu a España comezou a súa carreira no Instituto Afonso X O Sabio do CSIC e como investigadora na Facultade de Farmacia da Complutense. Despois de gañar prazas en Oviedo e en Murcia, regresa á capital española. Publicou máis de 380 traballos de investigación en neuroloxía, e con repercusión no estudo das enfermidades neurodexenerativas. Foi a primeira muller presidenta dunha Real Academia do Instituto de España desde a súa creación no século XVIII.

María del Portal Panisse Ferrer
María del Portal Panisse Ferrer (A Coruña, 1914—Santiago de Compostela, 2001) foi unha peza fundamental na Compostela do franquismo porque defendeu a saúde sexual e reprodutiva das mulleres nunha época de profunda represión. Chamada popularmente a “boticaria da liberdade”, naceu nunha familia liberal e culta. Como non se podía trasladar a Santiago a estudar Bioloxía, decidiu cursar Químicas na USC. Conseguiu o título en 1937 e, despois, decidiu estudar Maxisterio. Traballou como mestra, pero tras detectarlle unha grave enfermidade ao seu home decidiu estudar Farmacia. En 1957 abriu unha botica na rúa Fonseca onde comercializou a pílula anticonceptiva sen receita médica.
María Luisa Pérez Toba
María Luisa Pérez Toba (Burgos, 1930—A Coruña, 2021) chegou a Galicia con tan só uns meses de idade. Trasladouse a Madrid para estudar Enxeñería Agrónoma e logrou o título en 1960, converténdose na primeira galega en conseguilo. Tres anos despois lograría o doutoramento. Traballou na delegación coruñesa da Consellería de Agricultura e participou na creación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, do que foi a súa primeira secretaria.

Concepción Sáiz Otero
Concepción Sáiz Otero (Santiago de Compostela, 1851—Burgos, 1934) foi unha recoñecida pedagoga de finais do século XIX e comezos do XX. Con 19 anos marchou coa súa familia a Madrid. Alí dirixiu durante tres anos a primeira escola graduada de nenas creada pola Asociación para a Ensinanza da Muller. Máis adiante accedeu á cátedra de Pedagoxía. En 1909 formou parte do profesorado da Escola de Estudos Superiores de Maxisterio que, naquel momento, era un posto de moi difícil acceso para as mulleres. Apostou dende sempre pola renovación pedagóxica e foi unha firme defensora da educación das mulleres.













