Aurora comezou na escola de Canteiro de San Pedro de Benquerencia entre os oito e os nove anos de idade. Aquela moza lista, curiosa, disciplinada e aplicada nos estudos, anos máis tarde sería licenciada en Ciencias Químicas, doutora na mesma rama, investigadora de prestixio internacional e académica. A persoa que descubriu o talento de Aurora foi a súa mestra, dona Juanita. Ela mesma ocupouse de preparala para os exames de bacharelato elemental por libre no Instituto de Lugo.
Este é o texto que figura na contraportada do libro Universo Aurora Sampedro Piñeiro (Eoditorial, 2023).
O seu autor, Manuel Rivero Pérez, recompila neste manuscrito a historia científica e humana desta química, amplamente documentada grazas aos arquivos dos lugares nos que traballou e investigou e a algunhas conversacións con parentes.
Unha estudante brillante
Aurora Sampedro Piñeiro naceu en Barreiros (Lugo) o 15 de xaneiro de 1913. Era a menor dos seis fillos e fillas de María Antonia Piñeiro Moreda e Francisco Sampedro Fonte. Estudante aplicada, en 1930, tras finalizar o seu bacharelato elemental en Lugo, viaxou a Madrid para continuar coa súa formación.
Aloxouse na Residencia de Señoritas entre 1930 e 1935. Esta institución, creada en 1915, foi o primeiro centro oficial destinado a fomentar o ensino universitario para mulleres en España. A súa primeira directora, ata 1936, foi a pedagoga María de Maeztu (1881-1948).
Polo período no que Aurora residiu nese centro, non puido coincidir coa ourensá Olimpia Valencia (1898-1987), que defendeu a súa tese doutoral en Medicina en 1930. Tampouco puido compartir locais e faladoiros coa coruñesa María Josefa Wonenburger Planells (1927-2014), que se aloxou na residencia a partir de 1945.
Estas tres estudantes galegas gozaron en momentos diferentes dun ambiente intelectual incomparable. Quizais Aurora puido realizar algunha práctica de Química no Laboratorio Foster que a bioquímica Mary Louise Foster (1865-1960) fundou na residencia para ensinar as técnicas básicas no campo da química e aliviar a ausencia de prácticas na universidade. Non o sabemos.
Tras finalizar os seus estudos medios no Instituto Cervantes, Aurora continuou na facultade de Ciencias Químicas na Universidade Central de Madrid entre 1932 e 1935. Solicitou o traslado de expediente á Universidade de Oviedo en 1935, aínda que a Guerra Civil o parou todo.
En 1939 retomou os seus estudos, que finalizou en 1941. Tras traballar nalgúns centros de ensino en Asturias, regresou a Madrid para levar a cabo a súa tese doutoral baixo a dirección de Ángel Santos Ruiz (Facultade de Farmacia) e Juan Manuel López Azcona (Instituto de Física-Química Gregorio Rocasolano-IFQGR).
O proxecto de tese centrouse no estudo de oligoelementos en alimentos españois de orixe animal. Conseguiu o seu título de doutora en Ciencias (sección de Químicas) en 1948 e publicou os seus resultados, entre outras, na Revista Española de Fisioloxía.
Unha investigadora activa
Posteriormente, obtivo o posto de xefa de laboratorio da sección de espectroquímica no IFQGR. E, en 1954, por oposición, incorporouse como doutora en ciencias químicas ao laboratorio central de RENFE, pasando a ser subxefa de división.
Dedicaría o resto da súa vida laboral a este posto. As súas posibilidades de investigación ampliáronse alí, xa que dispoñía de equipos, técnicas operativas e persoal especializado. Ademais do laboratorio central de RENFE, dispoñía de medios móbiles para investigar sobre o terreo.
En 1961, logrou unha bolsa da Fundación Juan March, cun proxecto de investigación titulado Control industrial das aliaxes utilizadas na fabricación de baterías eléctricas e chumaceiras de base de chumbo.
Utilizando unha técnica espectroquímica baseada na que usou na súa tese doutoral (perfeccionada e ampliada), analizou diferentes aliaxes metálicas en colaboración, entre outros, con Enrique Asensi Álvarez-Arenas, xefe de laboratorio do Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica Esteban Terradas.
Os seus achados deron lugar a numerosas publicacións que achegaron información sobre as impurezas, os compostos e a temperatura de fusión en aliaxes metálicas. Aplicáronse na fabricación de baterías eléctricas en automoción e outros materiais empregados en diferentes ramas da industria.
Entre outros temas, esta científica investigou sobre corrosión en diferentes metais, resistencia á fatiga de materiais, determinación de impurezas, aliaxes antifricción, procesos de cristalización a temperatura ambiente, incorporación de arsénico para gañar dureza ou de cobre para limitar o fenómeno da segregación, resistencia do chumbo como elemento anticorrosivo ante ataques de ácido sulfúrico, etc.
Un legado recuperado
En 1977 foi nomeada correspondente de ciencias experimentais pola Real Academia de Doutores de España, “polas súas achegas á ciencia nos campos da nutrición e da automoción”.
O 30 de xuño de 1996, regresando en coche á súa casa desde a praia de Benquerencia, chocou contra un pontón e desnucouse. Tiña 86 anos.
En 2023, Manuel Rivero Pérez impulsou o seu nomeamento como filla predilecta do concello de Barreiros a título póstumo (concedeuse a principios de 2024) e filla adoptiva de Luyego. Tamén solicitou que o Día da Ciencia en Galicia se lle adique a esta química pioneira que tanto achegou o avance da ciencia en España.
Como di a escritora Marion Carré, “por cada científica que esquecemos, hai centenares que non nacen”. E grazas ao traballo de Manuel Rivero por recuperar a súa historia, Aurora Sampedro Piñeiro xa pode ser un referente para as xeracións vindeiras.
*Marta Macho-Stadler é profesora de matemáticas na Universidade do País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea.
Cláusula de divulgación: Marta Macho-Stadler non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.