É certo que está a aumentar o consumo de cocaína en Santiago?

Un informe europeo apunta ao maior aumento dende 2011 pero expertos da USC aseguran que a tendencia se mantén estable dende o 2020

O último informe do Observatorio Europeo das Drogas e as Toxicomanías (EMCDDA) suxire que o consumo de cocaína aumentou en 2023 en Santiago, a única cidade galega das 88 analizadas. Segundo os datos recollidos nas augas residuais, Compostela acadou o seu máximo consumo dende o ano 2011, cando comezaron os rexistros: 627 miligramos diarios por cada 1.000 habitantes. Unha cifra considerablemente superior á de 2022, cando se notificaron 505. Con todo, dende o equipo que coordina a recollida das mostras para o informe europeo advirten que as cifras teñen que lerse en detalle: “O consumo de cocaína en Santiago está estable dende o 2020. Pode haber anos con máis e outros con menos, pero se miramos a serie hai unha tendencia á estabilidade“.

O coodinador do estudo é José Benito Quintana, investigador do Instituto de Investigación en Análisis Químicas e Biolóxicas (IAQBUS) da Universidade de Santiago (USC). El lidera o equipo que recolle as mostras na EDAR da Silvouta unha vez ao ano entre os meses de marzo e maio. Con todo, o científico recoñece que tan só se recollen datos ao longo dunha semana, e iso é un prazo de tempo moi curto para sacar conclusións determinantes sobre o consumo de drogas en Santiago. Quintana remite a outra peza clave, como é o Plan Nacional de Drogas e que coincide, en tendencia, co observatorio europeo. Porén, no informe estatal non hai datos desagredados por cidades.

Publicidade

A tendencia europea

“O consumo de cocaína experimentou un ascenso en 2016. Sucedeu na maioría das cidades analizadas, non só en Santiago. Dende 2020 está a estabilizarse en toda Europa”, sinala Quintana. Pese á tendencia de estabilidade, os datos de consumo son considerablemente máis elevados que antes de 2016, cando se produciu un punto de inflexión no uso da cocaína. Por exemplo, entre 2013 e 2016 en Santiago non se atoparon cifras superiores aos 165 miligramos diarios por cada 1.000 habitantes. Nos dous anos anteriores a esta serie o consumo situábase por debaixo de 240. Polo tanto, se se enfrontan os datos actuais cos de hai unha década compróbase que, pese aos cambios de tendencias, triplicouse o consumo desta droga.

Entre as 20 primeiras cidades

O informe europeo tamén elabora un top 20 das cidades que maior uso fan desta droga e Santiago está no posto 19 da lista. O ránking lidérano Amberes (Bélxica), Ámsterdam e Rotterdam (Países Baixos) con cifras que acadan os 1.700 miligramos diarios por cada 1.000 habitantes. En relación ás cidades españolas, das que só se analizan sete, Santiago está no top 3 por debaixo de Tarragona e Lleida. En canto á tendencia de consumo, hai unha clara repunta durante a fin de semana. O domingo foi o día no que máis mostras de cocaína se recolleron.

Publicidade

O documento do observatorio europeo non ofrece datos por idades, dado que tan só se analizan o contido de determinadas drogas nas augas residuais das cidades. Con todo, hai datos que reforzan esta realidade e que aparecen recollidos no propio informe, como o que sinala que 2,5 millóns de persoas de entre 15 e 34 anos consumiron cocaína en 2023. No contexto, trátase da droga ilegal, despois do cánnabis, máis utilizada en Europa malia que hai claras diferencias entre países. Por exemplo, as concentracións máis elevadas de cocaína rexístranse no oeste e sur de Europa, sobre todo nas cidades analizadas de Bélxica, Países Baixos e España.

“O consumo de cocaína pode dar lugar a patróns de consumo dependentes e compulsivos e asóciase a unha serie de consecuencias adversas para a saúde, que poden incluír axitación, psicose, taquicardia, hipertensión, arritmia, dor torácica debida á síndrome coronaria aguda e accidente cerebrovascular”, sinalan no informe. De feito, dende o observatorio europeo alúdese a un estudo que relacionou unha maior mortalidade por suicidio, lesións accidentais, homicidio e sida naquelas persoas cun consumo regular ou problemático de cocaína. Ademais, tamén é habitual que se combine con alcol, o que se asocia con maiores problemas de saúde.

Cánnabis e MDMA

O informe europeo tamén analiza a presenza doutras drogas nas augas residuais, como son o cánnabis e o MDMA. No caso do primeiro, Quintana tamén percibe unha tendencia á estabilidade, igual que coa cocaína. Con todo, advirte que estas conclusións son dende un punto de vista global e non de rango de idade, en alusión aos estudos que apuntan a unha repunta no consumo de cánnabis por parte dos adolescentes. No caso do MDMA, Compostela sitúase como a segunda cidade de España con maior consumo (16,75), só por detrás de Barcelona. Neste caso, Quintana si que aprecia unha tendencia en aumento, malia que está a ter, segundo recoñece, moitos altos e baixos nos últimos anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos